publicidade hoxe
Tania Veiras, a un paso do triunfo - Cabecera

Tania Veiras, a un paso do triunfo

Tania Veiras

Natural de Ordes, Tania Veiras deuse a coñecer tras participar na edición 2012/2013 do concurso Recantos no Luar da TVG. Representante de Terras da Coruña, o seu paso televisivo abriulle as portas no mundo da música permitíndolle ofrecer concertos e participar en verbenas con algunhas das mellores orquestras galegas.

Tania VeirasComo comezaches na música?

Dende moi pequena… miña nai sempre conta que cando aprendín a falar cantaba a canción da serie  “El Príncipe de Bell Air”. Tamén cantaba nas vodas familiares e na casa recordo que imitaba a Paulina Rubio –risas- ata me poñía fóra para que me dese o aire e me movese o pelo cara atrás como a ela…

Que estilo de música é o que máis che gusta?

Gústanme todo tipo de estilos, podo estar escoitando unha copla e rematar escoitando rock.

A quén admiras profesionalmente?

Admiro a moita xente pero se teño que nomear a alguén… sería Pasión Vega. Encántame a súa sensibilidade á hora de cantar.

Cal é a túa experiencia profesional?

Tania VeirasA miña experiencia céntrase no paso por distintos concursos, non obstante, durante este verán participei en moitas verbenas galegas grazas ao meu paso por Luar.

Que significou para ti entrar en Recantos?

Unha experiencia inesquecible. Todo o que alí vives, a xente que coñeces e as táboas que colles no escenario… Estou moi agradecida ao programa, xa que grazas ao meu paso polo concurso tiven a posibilidade de darme a coñecer e comezar a vivir do que máis me gusta… a música.

Que foi o que máis marcou a túa experiencia en Recantos?

Unha das cousas que mais me marcou foi a cantidade de xente que coñecín, todo o que puiden aprender, e todo o que implica a posibilidade de estar na televisión.

Que actuación, das que levaches a cabo en Luar, foi a túa favorita?

A actuación de Torre de Area superou as 5.000 reproducións en Youtube

Torre de Area. Penso que foi a canción que mellor cantei, a máis bonita, a que máis sentín… e a que máis reproduccións ten en internet, superou ás 5.000 visitas! Ademais ese día era o aniversario da miña avoa que cumpría 90 anos.

Que significou a nivel persoal a túa experiencia en Recantos?

A nivel persoal fíxome medrar como persoa e sentirme moi querida pola xente, algo que valoro moito e, sobre todo, sentir que teño os mellores amigos e a mellor familia que se pode ter; xa que dende o principio non dubidaron en apoiarme e aínda o seguen facendo.

Tania VeirasQue aprendiches do xurado?

Moitas cousas. Intentei coller os consellos que me deron e aprender dos erros.  De cada un destacaría algunhas cousas… De Piñeiro a súa elegancia e a súa dialéctica. De Tania os seus consellos musicais e o seu sentido do humor e de Andrade que todo se pode ver dende outro punto de vista; son moitos os consellos que me leva dado ata agora.

Participaches nalgún outro concurso?

Quedou entre os 90 últimos seleccionados do programa Operación Triunfo

Presenteime a festivais da canción. No 2006 quedei entre os 90 últimos seleccionados en Operación Triunfo… En Luar participei noutro concurso “Canteira de Cantareiros” no cal acadei o segundo premio.

Como te sentes cando a xente te recoñece pola rúa?

Encantada de que me recoñezan e me demostren o seu cariño.

Que proxectos tes en mente ou estas realizando?

Estou traballando na produción do meu primeiro single para logo continuar co disco.

Cal é o teu consello para os que agardan cumprir os seus soños?

Que loiten polo seus soños. Que con esforzo, traballo e constancia todo se pode conseguir. Nunca se pode tirar a toalla.

Por: Silvia Villanueva Villanueva
Publicado o 19 de Decembro do 2013 | 10:49 a.m.

Outros temas de O Recanto de Silvia