publicidade hoxe
Tan importante é unha bicicleta? - Cabecera

Tan importante é unha bicicleta?

O ladrón de bicicletas

O verán paraliza todo. Tanto a carteleira como os festivais están durmindo a perna solta cunha oferta, no mellor dos casos, pouco interesante.

Por iso, estas tardes e noites son boísimas para revisionar algún dos grandes filmes que nos deixan décadas anteriores. Xa sabedes que neste espazo somos moi dados a iso, tanto como nos gusta o cinema clásico… Pero desta volta a nosa ollada vaise centrar na Italia dos anos 40, nun dos momentos de pleno apoxeo do que se deu en chamar “neorrealismo” italiano.

Cando falamos de neorrealismo, temos que pensar que nos imos atopar con tramas ambientadas nos sectores máis desfavorecidos, trasladándonos a unha Italia miserable e sacudida pola guerra (tanto dentro como fóra das tramas). Os guións trasládannos temas simples pero dunha profundidade incrible, co efecto que teñen nas vidas das súas personaxes.

Precisamente isto é o que nos atopamos en “O ladrón de bicicletas”. A Roma da posguerra. Un obreiro en paro ao que de súpeto lle aparece unha oportunidade: un traballo pegando carteis… pero o traballo ten unha condición fundamental, que é que precisa dunha bicicleta para realízalo. Na primeira parte da metraxe, Vittorio De Sica amosaranos como, con moitísimas dificultades Antonio (así é como se chama o obreiro), consegue mercar unha… pero aquí ven a desgracia: róubanlle a bici no seu primeiro día de traballo.

O ladrón de bicicletasA partires desta premisa, a película trasladaranos á aventura deste home para recuperar a bicicleta, todo o tempo acompañado polo seu fillo Bruno que observa as penurias do seu pai. Unha historia sinxela e simple, pero moi directa, que conecta co espectador e consegue conmovelo. Os intérpretes non son profesionais, dotando a narración dunha maior naturalidade, que nos vai levando pola desesperación do protagonista, unha mostra da situación que viven os milleiros de parados que forman colas a diario ante as oficinas de emprego agardando pola súa oportunidade.

De entrada, asistimos sorprendidos á situación que acarrexa algo tan, de entrada, banal, como o roubo dunha bicicleta. Pero remataremos o filme sendo partícipes desa desesperación da personaxe principal, entendendo os derroteiros que vai ir adquirindo o seu comportamento e, finalmente, facendo nosa a súa desazón. Compartindo a súa dor cando considera que rendirse é a única opción.

O contrapunto, a personaxe de Bruno. O fillo de Antonio aporta ao filme a tenrura que actúa de contrapeso ante a dureza da historia. Un rapaz espelido que, durante toda a película, acompañará a seu pai na búsqueda da ferramenta de traballo roubada. Un neno que evoluciona e medra ao longo de toda a metraxe, e que encollerá o corazón dos espectadores na última escena cun simple xesto de suxeitar a man do seu pai.

O ladrón de bicicletasA estas sensacións contribúe cunha forza intensísima a ambientación. Como boa película neorrealista, en “O ladrón de bicicletas” mandan os exteriores. O filme de De Sica foxe dos decorados para contar a súa historia nas rúas de Roma, conseguindo un aire próximo en ocasións ao documental.

Aínda que a película está considerada como a obra mestra do neorrealismo italiano, podemos dicir con satisfacción que o traballo de De Sica neste movemento non rematou con ela. O realizador preparou dous filmes máis na coñecida como triloxía neorrealista: “Miragre en Milán” pero, sobre todo, “Umberto D.” continúan a liña que o realizador comezara a tratar co “Ladrón de bicicletas”. Películas sinxelas, directas e descarnadas, que conmoven ao que se atreve a darlles unha oportunidade.

Por: Alba García Vázquez
Publicado o 17 de Xullo do 2014 | 11:40 a.m.