publicidade hoxe

Sr. Lisardo do Luar (TVG)

lisando-foto1O público coñéceo como o Sr. Lisardo pero, baixo a apariencia dun “paisano galego” ataviado coa típica boina e bastón agóchase un gran humorista que se deu a coñecer no Luar hai 3 anos no dúo Dr. Bellino e Lisardo pero que en realidade leva o humor na súa sangue dende que naceu. Trátase de José Manuel Campos Silvares, que, a pesar do éxito acadado, segue cos pés na terra consciente de que no mundo do espectáculo, como el di, “somos moitos e non hai sitio para todos”.

Cando se deu conta de que o seu era o humor?
Creo que nacín humorista, porque polo que me conta a xente maior, eu xa de pequeno con calquera cousa que fixera a xente xa se ría. Acórdome cando ía ao colexio a maioría dos meus compañeiros entretíñanse co fútbol, e eu era máis de contar uns chistes ou pintar a mona.

Como recorda a primeira vez que subiu a un escenario?
Realmente non sei… de mozo sempre tiña algún chiste que contar e, daquela non me daba conta, pero hoxe que volvo a vista atrás, cando tomaba algo cos amigos e me poñía a contar un chiste ou facer unha imitación a xente que estaba ao redor ríase. Os meus amigos animábanme a ir á televisión pero eu dicíalles que non valía, porque Deus deume graza pero daquela fumaba moito e cando repartiu beleza eu ía comprar tabaco e non me deixou. Pero aínda así, os meus amigos son os verdadeiros culpables porque alá polo 2001, un gran amigo meu era membro da comisión de festas dunha parroquia de Dozón e pediume que contara uns chistes no descanso da orquestra, xa que non tiñan fondos como para contratar dúas; e o certo é que me convenceu e presenteime. Para a miña sorpresa había un montón de veciños meus que ían verme e iso doume confianza. Recordo o momento de subir e, aínda que estaba nervioso, vin que a xente se veu cara o escenario e que se rían e aplaudían e a partir dese momento, como se estivese na casa.

luar-ft-1

Como comezou no mundo da televisión?
Pois o certo e que empecei de casualidade, fai uns 8 anos, polo 2007, no programa da TVG “Buscando estrelas”. Necesitaban un representante da comarca do Carballiño e non daban con ninguén, comezaron a preguntar e a xente faloulles de min e chamando a uns e a outros deron cun bar dun familiar que xa lles dixo que contaba os chistes moi ben e doulle o meu número. Casualmente este mesmo día avariárase a máquina na que traballaba nas obras do AVE e atopábame fóra de cobertura. Aparecéronme no teléfono unhas 20 chamadas perdidas ata que dunha delas deron comigo e explicaronme o proxecto. En principio era para ir un día, pero a cousa parece que funcionou e fixen 13 programas, competín contra outros grandes humoristas e ao final acabei gañando o concurso.

Leva no Luar xa tres temporadas, pero como saíu esta proposta?
O do Luar foi un pouco de casualidade, facían un casting no Carballiño e un rapaz preguntoume se ía ir, e eu non sabía nada da historia, así que chamei a miña amiga Maret que por aquel entonces estaba en “Recanteiros” e pregunteille que era o que buscaban e comentoume que máis ben estaban buscando parellas de humoristas. Foi entón cando contactei co meu compañeiro Crespo (Dr. Bellino) falei con el e aceptou. Decidimos que eu fixera de vello e el de doutor e o que fixo o casting díxonos que xa nos avisarían. A nosa sorpresa foi que o cabo duns días chamaron de Luar para ver se podíamos facer unha proba para ver como reaccionabamos, preparamos mellor a historia, buscamos vestiario para que os personaxes foran máis cribles e dixéronnos que lle gustara e que xa nos chamarían. Á semana seguinte xa actuamos, o público respondeu ben, riuse e, o caso é que nos volveron chamar e ofrecéronnos participar na nova tempada e aí empezamos e coma quen di, sen fallo ata hoxe.

david-bisbal-lisandoTraballando en Luar, coñecerá a moita xente famosa pero, de quen garda un maior recordo?
A verdade e que no Luar coñécese moita xente famosa, fíxome moita ilusión coñecer a David Bisbal, un tío moi agradable pero que impón cando o vés chegar, pedímoslle unha foto e despois á noite incluso veu a felicitarnos e ata puxo as gafas de Lisardo para a foto. Merche tamén me pareceu moi simpática, Doña Sara Montiel, unha muller que para o recorrido que tiña ela e era supersencilla, unha señora no máis amplo sentido da palabra; Chenoa, Rosa, Bustamante… eu creo que calquera dos que está aí, porque o loitaron para estar aí. Tamén se coñece de todo, hai outros que son bastante antipáticos pero cada un é como é.

Vostede incluso fixo unha canción, ten pensado dedicarse á música?
[Risas] Foi unha axuda de miña amiga Silvia e o seu pai Luís, pero non teño pensado dedicarme á musica nun futuro. “O Chaparranchá” foi un traballo do que me sinto moi orgulloso e polo menos queda aí que Lisardo unha vez cantou e non o fixo tan mal.

Cal é o segredo do éxito?
Levamos máis de 80 programas no Luar pero eu creo que non hai segredo do éxito, cáeslle ben a xente e rise coas tonterías que fas. Simplemente ser como somos. Nos tivemos a sorte de caerlles ben e síguenos dando as súas mostras de apoio.

comilla_bajaGustaríame un día presentar Luar

A que personaxe lle ten máis cariño?
Cariño ténselle a todo o que fago, pero Generosa (muller de Lisardo) téñolle cariño porque a xente ao ver aquilo matábase a rir, é esa muller con carácter, que anda a paus, e un pouco a parte feminina de Lisardo, pero máis cariño igual a Lisardo que xa leva comigo 3 anos.

Que personaxe lle gustaría interpretar ou que lle gustaría facer?
Gustaríame interpretar calquera papel que me deran faríao con toda a intención, gustaríame un día presentar Luar. Porque eu e Gayoso temos cousas en común, a mesma melena, encántame o que fai, cada día admíroo máis, velo desde fóra e parece sinxelo pero non é tan doado, el faino fácil. Algún día si que me gustaría facer o que fai el.

Falando de Gayoso… cal é a relación que ten con el? É tal e como semella na televisión?
Gayoso é tal e como o ves. É unha persoa que nunca perde a humildade, o mesmo trata a unha señora de 90 anos que a un neno de 7 anos. Nunca lle vin un mal xesto para ninguén, é mais, é a persoa coa que todos solemos falar porque sempre ten bos consellos que darnos.

lisandro-1Como se leva a fama na vida cotiá, recoñéceno?
Moita xente non me recoñece pola rúa, o meu compañeiro si que o recoñecen máis pero eu levo gafas, boina… cústalles máis recoñecerme en vaqueros e camiseta. Algunha xente que te recoñece pois lévase ben, é moi gratificante, incluso recordo cando estaba comprando nunha froitería e unha señora dixo “este señor es el de Luar”, e díxenlle como me recoñecera por detrás e comentoume que fora pola voz.

Que é o mellor e o peor de ser coñecido?
O mellor é que a xente te recoñeza, te saúde, que queiran unha foto contigo, que che digan que ben o fas… o peor … hai xente que é moi pesada, o que o acabar unha festa está pasado de voltas e tes que manter o tipo e aguantalo. Por sorte son os menos.

O traballar de cara ao público é complicado, como se asimila cando unha actuación non sae todo o ben que se esperaba?
Por sorte, moi rara vez o público non responde como quixéramos, é moi raro que che toque un público que non se ría. É un pouco duro no momento e pensas “non o collen?”. Depende da xente que che toque, cun público máis duro baixas do escenario pensando “que fixen mal?”, moitas veces tamén pode ser que non esteas ben, non todos os días estás ao 100% e iso o público nótao. Hai que admitir as críticas igual que os piropos.

comilla_bajaNo humor, hai que nacer humorista, despois depende de cómo o público responda

Que consello lle daría aos lectores de noticieirogalego.com que lles gustaría dedicarse ao humor?
Isto é unha vocación, ti mesmo tes que ser consciente de que a xente lle fai graza o que fas, ou naces ou isto non se aprende. Non é como un actor de película que se adapta a calquera papel. No humor, hai que nacer humorista, despois depende tamén de cómo o público responda, pero tamén hai que aprender algo, eu papábame de pequeno todos os programas que había de humoristas, tamén hai que traballalo porque sen traballo non hai nada.

Gústalle ver na televisión as súas actuacións?
Non me gusta, encántame. Teño un amigo que soe gravar o Luar e estou desexando velo para ver como quedou, hai xente que non lle gusta pero a min si, é o meu traballo, fágoo con todo o cariño.

Onde se ve dentro de 10 anos?
Oxalá dentro de 10 anos siga estando no Luar facendo rir a xente, pero este mundillo é complicado, somos moitos, non hai sitio para todos e o público tamén chegará un punto que se canse. Eu oxalá que dentro dun anos aínda que non sexa de Lisardo sexa de Manolito ou de José siga traballando de cara ao público e facendo rir á xente. Realmente o que máis me gusta e me fai feliz e facer rir a xente.

lisandrobanner

Publicado o 10 de Outubro do 2013 | 10:58 a.m.