publicidade hoxe
Sombrío embruxo - Cabecera

Sombrío embruxo

O Lañas é esa corrente fluvial escasa que procura grandeza, desta forma pode ser comprendida a súa excitada busca sen desmaio do confortable e grandioso acougo no amplo regazo do Ulla. Este afluente diminuto do río que constrúe e modela Arousa, percorre entre mesta vexetación de ribeira os seus derradeiros folgos de independencia, a súa felicidade é manifesta no seu son de agudo trobador que agasalla e alegra cun místico e constante rumor.

Augas xogantíns, cantoras e loitadoras, teñen esa capacidade intrínseca para transformar as dificultades en diversidade de novidades, no seu paso deixan o son do saltar e aturuxar, mais tanta sonoridade só é unha artimaña tentando evitar numeroso arsenal pétreo. Porén, logran con extenuante esforzo a perfección de evasión sonora que resoa dende o corazón da fraga ata as súas extremidades.

Ribeiras de embruxo, sobreviventes dos lumes galegos que todo arrasan, o éxito da súa existencia actual está nas características especiais desta pía móbil de extrema humidade saturada de natural beleza.

Eco resoando con fereza salvaxe no salto das Pombas, un branco brinco, estreito e sofisticado, obrigado abandono no ar para laiar con intensidade entre dúas cadeiras formadas pola milenaria fortaleza pétrea, caída e barranco seguen estilizando no tempo a súa bela imaxe.

Auga que brinca e ronca, a súa estirpe de pureza identidade non coñece o desmaio nin o falecemento, xamais renunciou a súa orixe, comprende aos contemporáneos sen esquecer a historia dos devanceiros que se perpetuaron dende a súa agraciada comunicación, sempre observando o envellecemento do díscolo tempo.

Un privilexio único escoitar devagar no camiñar o falar destas augas do río Lañas, elas reciben con ledicia a calquera visitante exercendo de perfectas anfitrioas das precoces irmáns do rego Beseño, todas unidas nun ente único danzan na feitizaría das sombras, perciben o engado das insuas, cadoiros e correntes de vertixe das que gozan as súas camaradas do Ulla.

Inxenuas coma calquera outra crianza, tamén moi brincadeiras e con escasa madureza, así é o perfil destas augas do Lañas, excelso atributo á inocencia, mais superada con aguerrida decisión na súa paixón en movemento polo vieiro do inquisidor remuíño de dificultades; canles, moas, fortificación,… para acadar ese encontro soñado. Nove fontes, o edén do Ulla.

Unión no inspirado anhelo de lograr gozar da harmonía e protección da multitude, experiencia de ciclo pechado, imprevisible en determinadas etapas, mais unha paixón acuosa no ansiado e procurado encontro.

Impacto, desilusión e desafortunado desacougo, cando as xoviais e adolescentes moléculas do Lañas comproban por si mesmas, que en Nove fontes o Ulla de antano é unha quimera. Augas encadeadas no capricho dos espoliadores, coacción humillante da liberdade dun ser libre por natureza.

Caos elevado ata unha entropía avasaladora nesta emblemática paraxe, escenario diabólico na arroutada, perturbador do ritmo vital dun ecosistema que desaparece e aparece segundo o antollo do encoro das proximidades. Un auténtico desatino que transforma a esencia vital desta contorna e mesmo a súa razón de existir.

Afervoadas bágoas das mozas augas do Lañas, o impacto da realidade rachou de súpeto coa súa memoria a longo prazo, baúl de experiencias anteriores pracenteiras de tempos moi afastados.

Desilusión, elos atafegantes dun estadio depresivo, tobogán represor no cumio da desesperación para unhas augas que só desexaban vogar contracorrente con denodados esforzos ata lograr o éxito de gozar con intensa naturalidade dos rápidos de Mácara.

Protexida por unha deusa descoñecida, Mácara non ter por estas terras par, o festival musicado sobre espumosa danza de escenario pétreo é unha ledicia largamente soñada na ara da ilusión dunhas infantís acuosas no seu extremo máis efervescente.

Tempos pretéritos, candor insultante das novas e idealistas augas do Lañas, a evidencia de Nove fontes é complicado de aceptar, a transformación radical do Ulla nun mar imprevisible de preamar a baixamar é un reverberar de caóticas decisións.

Irrecoñecible esta grata morada de antano, as súas accións semellan a vontade dun neurótico, as cándidas augas do Beseño e Lañas no seu código de candidez non recoñecen a elemento tan exótico e diferente, pois na súa memoria histórica lembraban o seu paso pola zona en ciclos anteriores. Mais atordadas continúan na procura do edén de Nove fontes, as moléculas brincadeiras insisten e resístense a aceptar a realidade actual desta contorna.

Dubidan de si mesmas, posiblemente a vivencia dunha ilusión pasada ou unha realidade de mentes fixadas e obsesivas coa saudade do vivido, soñado ou imaxinado. A crueldade actual non pode ser tan diferente do pasado.

Benvidas tenras moléculas do Beseño e Lañas a unha realidade que ten como expoñente máis clarificador este lugar de Nove fontes. Estamos na era do pensamento petrificado, tamén dos encoros, mentres este sombrío embruxo aparenta ser un esconxuro reseso da deusa Benestar na súa radical modernización.

Tensión e desasosego transpira a morada deste humilde mensaxeiro, o derradeiro lagarto real de Nove fontes.

Por: Xosé Manuel Lobato
Publicado o 30 de Decembro do 2014 | 6:07 p.m.

Outros temas de Portelo do Retorno -