publicidade hoxe
Sara: “A cultura chinesa é moito máis complicada do que vemos, é o que me fascina aínda máis” - Cabecera

Sara: “A cultura chinesa é moito máis complicada do que vemos, é o que me fascina aínda máis”

Sara. Nido Beijinjg.

Cando decides estudar Tradución e Interpretación co inglés e o chinés como linguas, as intencións vénseche vir. Con tantos anos e ilusións postos nesta lingua e nesta cultura, o de pasar unha tempada en China máis que unha decisión resulta case unha obriga. Esta é a historia de Sara, unha meañesa que con 23 aniños encheu a maleta de forzas e marchou a polo xigante asiático.
Sara Viñas

Nome: Sara Viñas Serantes

Idade: 24 anos

Profesión: Tradutora/Profesora de Inglés

Lugar de procedencia: Simes, Meaño

Lugar de residencia actual: Tianjin, China

Tempo de estancia: 1 ano e 3 meses

Daquel momento hai xa un ano e tres meses, e nin un ápice de arrepentimento pola súa decisión. “Era o que sempre pensei que faría ó rematar a carreira e tiña moita curiosidade por saber cómo sería vivir aquí. Cando iso polo que levas traballando tanto tempo se fai pouco a pouco realidade é unha sensación impresionante”.

Sara traballa como profesora de inglés nunha gardería, e tamén da clases particulares para nenos de primaria. Non é que se vaia facer rica co que cobra, pero dálle para vivir sen problemas. En canto ó ámbito da tradución en España, recoñece que a situación está complicada, “como freelance resulta difícil facerse cunha boa carteira de clientes, e en canto a conseguir un traballo nunha empresa peor aínda… Pero pouco a pouco todo sae! E o bo é que é unha rama con moitas especializacións posibles: interpretación, tradución literaria, de videoxogos, técnica, mediación intercultural, tradución xurídica…”.

A viaxe

A pesares do difícil de deixar á súa familia atrás, por sorte Sara non estivo soa na súa aventura. Chegou a China baixo ó amparo dunha axencia que se encarga precisamente destas cuestións, e ademais non foi a única que se embarcou neste proxecto. “No aeroporto coñecín á que ía ser a miña compañeira na empresa, Irene. Estudamos na mesma facultade, na Universidade de Barcelona, pero ela ten un ano menos ca min e non nos coñecíamos. Cadrou que estábamos no mesmo grupo de Facebook dunha materia, ela deixou o correo da axencia por si a alguén lle interesaba e aquí acabamos as dúas!” E que dúas! Dende aquel momento non se separaron, e probablemente a compañía lles axudou a ambas a non darlle demasiadas voltas á cabeza durante a viaxe. Iso si, foi aterrar en Pequín e… “Recordo o shock de pensar ‘buf, estou en China!’, os carteis en chino, a xente… Todo!”

Sara e máis a súa compañeira Irene durante a mudanzaCoñecendo Pequín

O encargado de recollelas no aeroporto e acompañalas durante esas primeiras horas no país foi un cordobés “moi salado” que viña en nome da axencia, “deunos o noso primeiro consello sobre China e penso que un dos máis útiles ata o momento; cos chinos sempre doble check, e se é posible, triple check. Por que? Primeiro porque ás veces un non se entera ben dos plans, e segundo porque cambian de plans moi rápido e sen avisar, así que mellor preguntar varias veces e asegurarse ben, non vaia ser”.

A primeira fin de semana foi case como estar de vacacións. Coñeceron Pequín e a súa contaminación… “Nunha vira unha cidade tan contaminada como Pequín, iso foi do que máis me chamou a atención”. E tamén os contrastes; “rúas estreitas con casas destartaladas en contraposición ás zonas máis ricas con edificios altos, e tamén o tópico de ir tres ou catro persoas nunha moto e ata arriba de cousas, algo que estaba acostumada a ver en fotos de países asiáticos pero nunca vira en persoa. Fíxome tanta graza! E por suposto os taxis pequenos que se chaman “bèngbèng”(panpan), son paverísimos!”.

Sara saíndo dun taxi (bengbeng)A chegada a Tianjin

Unha vez rematados estes primeiros días chegou o momento de coñecer Tianjin, a que sería a súa cidade. Nada máis chegar, por primeira vez quizais dende que saíra de España, Sara sentiuse bastante decepcionada, “vina como unha cidade súper morta, con nada para facer e moi triste. Non sei si foi quizais pola época do ano na que chegamos (febreiro de 2013, inverno puro)…” Por sorte, as primeiras impresións non sempre son as que contan e agora está encantada. “É unha zona moi tranquila, ten unha parte máis chinesa; Tanggu, e outra parte máis occidentalizada que é Teda (Tianjin Economical Development Area)”. Neste tipo de zonas instaláronse tradicionalmente moitas empresas, tanto chinesas como estranxeiras, “TEDA está formado por trece avenidas cruzadas por distintas calles e na primeira, segunda e terceira é onde hai mais vida, centros comerciais, restaurantes, vivendas, oficinas, bares… Ó ser unha zona de desenvolvemento económico e ter empresas estranxeiras iso fai que haxa mais estranxeiros do normal. É unha zona bastante rica, chea de centros comerciais con tendas de luxo, coches de luxo pola rúa… Aínda que tamén ten a outra cara. Ó final é como un pobo, onde todo o mundo se coñece. Pola outra parte está Tanggu, que está a dez minutos e que é máis China, cos seus mercados e o seu caos…”

Nenas chinesas nunha das actuacións da gardería na que traballa SaraManeiras de vivir

Os horarios de traballo de Sara son bastante distintos ó que estamos acostumados. “Ás 7:15 saímos da casa, Irene e máis eu que polas mañás traballamos xuntas, collemos o autobús que tarda uns 5 minutos en chegar á parada que nos deixa máis preto da gardería, andamos uns metros e xa estamos. Ás 7:40 comezamos a traballar. Despois saio ás 11:15 e collo o autobús de volta á casa. Polas tardes vou en bicicleta, non é un camiño de máis de 15 minutos na bici. Comezo ás 14:50 e saio ás 16:15”.

Así é que a Sara aínda lle queda tempo para facer cursos ou para ir ó ximnasio, unha das poucas cousas que facía antes de chegar a China e que puido manter. Non pode dicir o mesmo doutra das súas afeccións; o fútbol, “os dous últimos anos de universidade xoguei a fútbol sete e fútbol sala, pero aquí inda non topei ningún equipo feminino” Pola contra, tamén xurdiron novas afeccións e actividades que ata o de agora non probara. “Comecei a praticar boxeo fai un mes e tamén empecei a moverme en bicicleta, algo que non fixera antes nas cidades nas que vivín”.

Morriña

Se falamos de botar de menos, no caso de Sara mención especial merecen as súas sobriñas, “morro por velas! Miñas irmáns non paran de enviarme vídeos e audios polo whatsapp e ó ser pequenas cambian tanto no tempo que boto fora… Tamén a miña avoa, miña nai… A familia e os amigos pesan moito ó estar tan lonxe”.

Sara cos rapaces da súa clase na garderíaE a do resto? Aquí a lista tamén e longa… “boto moito de menos a praia e o clima, aquí os invernos son moi fríos e no verán fai moitísima calor pero a época de chuvias é o verán e non me dou acostumado. Ademais non hai praia cerca, sei que hai unha a menos dunha hora pero penso que é de pago”.

E por suposto, no apartado de “sinto morriña por” non pode faltar un elemento gastronómico, cada quen o seu, o de Sara… O queixo! “Aquí é carísimo e como moi pouco comparado co que como en Galicia, de feito da última vez que vin trouxen tranquilamente dous quilos en queixo. E outros tantos ou máis en chocolate, embutido…”. As imaxes falan por si soas!

A comida que levaron Sara e máis Irene nunha das súas viaxes á casaMalia todo, o tema da comida non supuxo ningún problema para ela, e asegura que dende o principio comeu moi ben. “É algo polo que me pregunta moita xente cando volvo a Galicia e sorpréndese cando digo que xenial. Aquí cómese moi ben e dáselle moita importancia ás comidas na vida social. Non ten que ver co que vemos nos restaurantes chineses en España. Eu se puidera levaría para alá unhas setas longas (que de feito xa teño levado), outras setas negras, unhas galletas que están boísimas, unhas gominolas que saben a marmelo, unhas pastas de arroz…”. Xa se ve que fame non pasa!

Agora ven, nada mellor para superar esa morriña que adoita invadirlle a un sobre todo nos días máis escuros, que atopar na mesmísima China algo que te transporte á casa tan rapidamente como unhas castañas asadas! Así mismiño como o ledes… “Fíxome moita graza saber que aquí tamén hai castañas asadas a vender pola rúa! Ir andando co frío do inverno e ese cheiro a castañas asadas… Transpórtate”.

Túnel das montañas GuoliangFalamos de cartos

Respecto ó nivel de vida, segundo Sara hai moitas diferenzas entre o que é a vida dos chineses e a dos estranxeiros. “Moitos viven cobrando unha quinta ou sexta parte do que cobramos nós. Os salarios dos traballos máis comúns que eu coñeza como perruqueiras, recepcionistas, dependentes ou profesoras de gardería, están entre os 1000 – 1500 yuans, que son 120 – 170 euros ó mes. Os dos estranxeiros comezan nos 5000 – 6000 yuans”.

No supermercado os prezos son acordes ós doutras cidades, pero se tomamos como referencia o prezo do café, a cousa cambia. Hai que ter en conta que en China quizais non sexa o mellor exemplo, posto que tomar o café digamos que non é o máis típico desta cultura. “As opcións redúcense a Starbucks, SPR, e Caffe Bene. Nos restaurantes non hai e o mínimo que che custa un café son 30-33 yuans, o que veñen sendo uns catro euros… Un prezo caro para España pero máis aínda para aquí, tendo en conta que nun restaurante podes comer un bol de fideos enorme por 8/10 yuans (sobre un euro)”.

Sara na Gran MurallaDiferenzas culturais

Que occidentais e orientais somos moi diferentes culturalmente falando, é evidente. “En xeral son persoas que evitan o conflito directo e prefiren dicir ‘non sei’ ou ‘pode ser’ en lugar de dicirche directamente que non. Por outra parte son persoas moi directas, e non se cortan un pelo en canto a comentar a aparencia física ‘que gordo ou delgado estás’, ‘que baixiño ou alto es’. A nós chócanos e parécenos de mala educación dependendo de en que situacións. Despois tamén son moi curiosos, e ademais das típicas preguntas tipo ‘de onde es’, pregúntache sen problema algún canto cobras ou dinche canto cobran eles”.

Se tivera que definilos, Sara asegura que se trata, na gran maioría dos casos, de xente sinxela. “Ó estar acostumados a vivir con menos, son xente máis sinxela, aínda que por outra parte os chamados novos ricos e as novas xeracións pegan un salto moi grande nese sentido e son moito máis materialistas (teléfonos de última xeración, etc)” .

Ano Novo

Sara chegou a China coincidindo co Ano Novo chinés, unha das festas máis importantes neste país. Ela, e a súa compañeira Irene, pasárono cunha familia de amigos dun dos seus xefes, a máis de un lle resultará difícil imaxinar unha situación similar en España!

Mesa de Ano NovoUnha das tradicións desta festa é facer unhas empanadillas típicas que se chaman jiaozi, e como non podía ser menos, a nai da familia púxose mans á obra e ensinoulles a facelas. O problema foi que a cousa non era tan sinxela como parecía… “O máis importante é pechalas ben porque si se sae un pouco o contido vese que da mala sorte, penso que simboliza que se escapan os espíritos. Alí comezamos nós coa nosa maña e non había maneira… Saía todo por fóra! A avoa foi vernos e so nos deixou facer un par delas, rapidamente se encargou de que pasáramos a outra cousa, a pobre penso que sufría ó vernos!”.

Tamén recorda Sara, as dúbidas que lles xurdiron sobre como vestirse para a ocasión… “Tiñamos pensado prepararnos pero ó final o xefe chegou dúas horas antes do previsto e tivemos que marchar co posto. Pois menos mal! Porque resulta que a maior parte da familia estaba en pixama!”.

Outro dos grandes festivos neste país é o qing ming jie (清明节), que se celebra quince días despois do equinoccio de primavera e que é coma o noso día de defuntos. A diferenza e que en China non so se levan flores ó cemiterio… “envíanlles comida, bebida, tabaco, cartos… Isto último faise deixando uns billetes falsos grandes que se compran xa para iso e que se queiman. Nalgúns cemiterios das cidades non se pode queimar e entón nas entradas hai un ‘banco do máis alá’ para tales efectos. Moi curioso”.

Familia chinesa facendo empanadillas de Ano NovoÓ volver á casa

O primeiro abrazo de Sara cando chega a Meaño é para súa nai. Encántame verlle a cara cando entro pola porta, despois case sempre ten algún dos meus pratos preferidos listo para o primeiro día”. E é que por moi ben que se coma en China, xa se sabe que como na casa… Despois toca facer a ruta para ver á familia e ós amigos, “normalmente isto último acompañado dun bo café de cafetería, que vaia que se bota de menos”. Sobre todo cando pagas un prezo normal por el!

Sara anima a todo o que estea pensando en China como destino, pero tamén avisa; hai que vir preparado para o cambio,“para cambiar a forma de ver as cousas e adaptarse, que costa máis do que parece. E para sorprenderse con algo todos os días, para ben ou para mal”.

De todo hai, boas e malas sorpresas, “unha vez lin que cando chegas a China queres escribir un libro, ó cabo duns meses soamente un artículo e cando pasa un ano xa non respondes cando che preguntan. Penso que a cultura chinesa ó igual que o idioma é moito mais complicada do que vemos na superficie e non é sinxelo sacar unha conclusión clara de moitas cousas. Isto tamén é o que me fascina aínda máis deste país”.

En canto ó futuro, polo de agora a intención da nosa tradutora é botar un par de anos máis por terras chinesas, para acadar mellor nivel no idioma e despois regresar a Europa. Iso si, pasará o verán en Galicia e en setembro volverá a coller as maletas para establecerse desta volta nunha nova cidade, “voume para o Sur, a Hangzhou, unha cidade relativamente cerca de Shanghai. Teño ganas de saber como é a vida no Sur agora que xa levo unha tempada por aquí. Dáme moita pena porque levoume o seu tempo estar cómoda aquí, pero confío en que vaia ben tamén por alí. Malo será”. Claro que si, maló será, que non hai mal que por ven non veña!

Un dos rapaces da clase de Sara

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 21 de Maio do 2014 | 11:00 a.m.

Outros temas de Galegos por aí adiante