publicidade hoxe
Santiago Pemán: “Sempre tiven o porvir no aire” - Cabecera

Santiago Pemán: “Sempre tiven o porvir no aire”

Santiago Pemán

Se hai unha icona do tempo en Galicia, non é a chuvia, non, a imaxe que nos ven á cabeza a todos os galegos é a del. Santiago Pemán non é un home do tempo calquera. É o home do tempo. Protagonista de anuncios, inspirador de cancións e mesmo imaxe de camisetas, asegura que despois de 25 anos acompañándonos todos os días, é normal que a xente lle fale como se o coñecese, “é que me coñecen!”. 

Santiago PemanNome e apelidos: Santiago Pemán García

Un lugar: a zona vella de Santiago, onde nacín. Ademais alí mesmo, na casa, que antes era así!

Un hobby: voar

Unha comida: a tortilla de patacas

Unha virtude: eu creo que son moi extravertido  

Un defecto: son moi metódico, teño as miñas manías.

Un soño: que me toque a primitiva! Tanto acertar co tempo e non hai maneira cos números da primitiva. Certo é que xogo só en datas sinaladas. 

A primeira pregunta Santiago é inevitable, que pasou este inverno? Tantos temporais, tanta chuvia, tanto vento…

No que se refire ó clima foi un inverno normal, o que pasa é que socialmente falando, foi duro. Pero é unha cuestión da mentalidade da xente, porque a xente que recorda os invernos de hai trinta e corenta anos sabe que eran así. Eu xa peiteo canas, non sabes? E os que fan coma min acórdanse…

Entón é verdade iso que se di de que antes os invernos eran máis duros. Estamos mal acostumados?

Claro que eran máis duros! Sobre todo porque ademais non había o calzado que hai agora nin as casas eran como son as da agora. Mesmo a alimentación… As condicións eran moito peores e os invernos facíanse máis duros. Pero bueno, o caso é que veña cada tempo no seu tempo, nin máis nin menos, que cada estación traia o seu clima e agora está pasando así.

Bueno a primavera…

Si, si, si. A primavera tamén! Primavera non quere dicir sol. O que tivemos estes días pasados; chuvias, tormentas, inestabilidade… Iso é o normal. Xa se sabe “Abril augas mil” di o refrán. A xente di “é que estamos en primavera e está chovendo”, señores e que a primavera é isto! Frío pola mañá e temperaturas máis altas ó mediodía, iso é o normal. E as chuvias tamén. Aínda que tamén é certo que, “Abril augas mil, pero todas caben nun barril”, ou sexa chuvias pero sen chegar a ser moita cousa.

E como virá o resto da primavera?

Pois se as cousas se manteñen así, virá igual. Hai outro refrán que di “”Ata o corenta de maio non quites o saio”, por algo será… (eu sonche moito de refráns xa o sabedes!). O que si é certo e que agora, co cambio de hora, o frío chegará máis tarde. Máis tarde no reloxo, porque é o mesmo momento, pero claro o reloxo marca unha hora máis.

E despois do parte obrigado e das predicións, falemos de vostede Santiago. Está claro que é vostede o HOME DO TEMPO, con maiúsculas, pero o que non sei se sabe todo o mundo é que ser ser, é piloto…

“Piloto, representante de produtos farmacéuticos e home do tempo!”

Así é. Piloto comercial. Aínda que tamén é certo que como piloto non cheguei a voar, sempre fun inspector de aviación civil no aeroporto de Santiago. O que pasa é que para ocupar este posto, a formación que se require é a de piloto e si, é a que teño.

Piloto de formación, pero tamén fixo moitas cousas máis, non? Profesións para todos os gustos!

Santiago Peman(Risas) Na miña casa había un almacén de tecidos, así que pódese dicir que nacín entre telas. Pero despois, ó morrer meu pai, tiven que buscar alternativas porque había que saír para diante. Entón foi cando empecei como observador aéreo no aeroporto. Naquel momento facíamos quendas e ó mellor facías 24 horas seguidas e despois tiñas algúns días libres pola semana. Eu naqueles momentos que me quedaban libres empecei a traballar como representante de produtos farmacéuticos e ía por aí adiante. Despois, cando comecei na televisión xa deixei todo aquilo.

E como foi iso? Como foi que comezou na televisión?

Pois a verdade é que foi de casualidade. Coñecín a unha rapaza que traballaba alí e díxome que se podía ir ver a televisión por dentro e coñecer como funcionaba aquilo. Naquel momento todo iso estaba comezando aquí en Galicia e era novo para todos nós, así que un día deume por aí e fun vela. Explicáronme como se daba o tempo, vin o croma e púxenme alí diante a dicir catro parvadas, o típico! Despois de aquilo xa querían que quedara! (Risas) Penseino ben e dixen; o tema dos observadores aéreos á longa non é moi seguro, empézache a fallar a vista e empezas a perder, vou probar na televisión a ver como vai a cousa… E xa ves, 25 anos!

Si que foi ben a cousa si… Pero tería que aprender meteoroloxía?

Eu meteoroloxía xa estudara para a aviación, non era que non soubera do tema nin moito menos! Todo o que tiña que ver con nubes, presións atmosféricas e demais xa o estudara para facerme piloto e tiña que controlalo como observador aéreo. A miña formación foi a cargo de meteorólogos ou sexa que non o son propiamente pero si que teño a formación. Ademais sempre estiven a voltas cos mapas e coas isóbaras dun lado para outro, cando algo che gusta non deixas de formarte.

E a vostede gústalle moito o seu traballo, iso nótase…

Encántame. Esa é a maior satisfacción que pode ter unha persoa; poder traballar no que lle gusta. A meteoroloxía é a miña vida e encántame todo o que ten que ver con ela. E é certo iso que dis, cando fas o que che gusta nótase, e ademais seguramente o farás moito mellor porque te envorcas cada día ata o final, só pensas en superarte e facelo mellor.

Santiago PemanVinte cinco anos dando o tempo… Cambiaron moito as cousas dende que comezou ata os últimos anos?

Claro que cambiaron, cambiaron moito. Eu empecei na televisión no ano 86 e naquel momento non había internet. A rede non chegou ata o ano 91 e aí si que cambiou todo. Antes había que tirar máis da formación que tiñamos, da observación, da experiencia. Mirar pola ventá e ver como estaba o ceo.

E estar atentos ás témporas? Que son as témporas Santiago?

Vamos a ver. Antes os anos tiñan dez meses e estaban divididos en tres estacións; sementeira, vendima e recolleita. Cando remataba cada unha delas, reuníanse os veciños e miraban como quedaba o ceo; se chovía ou non, se facía vento, de onde viña… En función de todo isto calculaban se a próxima colleita ía a ser boa ou non, porque o tempo indicaba se ía vir ben a estación. Isto eran as témporas. Pouco a pouco isto foi derivando, e aquí en Galicia establecéronse nos días 21, cando entra a nova estación. Ás 12 da noite a xente sae fora, mira de onde ven o vento, se chove ou non e esas cousas, e así  sábese como virá a seguinte estación. Por suposto isto non ten  ningún rigor científico, é sabedoría popular, pero ciencia ningunha.

“Achéganseme os que tomaban o iogur de pequenos diante da tele, e que agora son homes feitos e dereitos”

Observación pura e dura, aínda que agora todo é tecnoloxía, ou aínda hai cousas que dependen do ollo humano?

A tecnoloxía axuda, e moito. Pero a formación segue a ser fundamental para poder facer uso desa tecnoloxía correctamente. Hai que ter unha base, unha metodoloxía. Xa antigamente os exipcios e os romanos facían predicións meteorolóxicas moi fiables, e non tiñan internet. O que facían era observar, fixarse no que os rodeaba, e iso continúa a ser básico. Así xorden todos os refráns que tanto empregamos, observando.

En Galicia ademais as predicións meteorolóxicas sempre foron moi importantes polo que respecta ó traballo no campo, non si?

Dende logo! Foron importantes e continúan séndoo! A xente continúa precisando saber que tempo vai facer para botar as patacas, ou que riscos lles corre a colleita. Por iso xa na Idade Media se fixaban na meteoroloxía, este é un tema que me gusta moito investigar…

Santiago PemanAta no tempo libre anda entre nubes!

Sempre digo que eu sempre tiven o porvir no aire, primeiro como piloto e despois como home do tempo, sempre nas nubes! (Risas)

E en canto á televisión, gústalle tamén esa parte do traballo?  Como levas a parte máis pública?

Ó principio asusta, asusta moito. E sobre todo, tanto antes como agora, eu tomeino sempre cunha gran responsabilidade. Antes se unha persoa quedaba sen patacas quedaba sen comer, agora as cousas son distintas pero non por iso hai que baixar a garda, un sempre ten que facer as predicións ben.

Pero a fama cansa? Molesta?

En absoluto! A min non me molesta para nada. Achégaseme xente maior e tamén xente nova, os que tomaban o iogur de pequenos diante da tele mentres lles daba o tempo, e que agora son homes feitos e dereitos. Eu encantado! Despois de verte durante tanto tempo a xente xa case sabe como es, e fálanche como se te coñeceran.

Extravertido como ben nos dicía… Santiago Peman

Ás veces se vou pola rúa acompañado e me para alguén para preguntarme calquera cousa, o que ven comigo dime, “pero coñécelo de algo, fálache como se te coñecera” e eu digo, é que si que nos coñecemos, vémonos a través da televisión todos os días! Eu non podo saber como é a xente pero a xente si que sabe como son eu, son moitos anos e o claro que é como se me coñeceran, fálanme con toda confianza e eu encantado.

“Ás veces pregúntanme, pero coñécelo de algo? Fálache como se te coñecera. E eu digo, e que si que nos coñecemos! Vémonos todos os días!”

Gústalle estar coa xente, falar. E que máis? Como é Santiago Pemán na casa?

Son unha persoa moi normal! (Risas). Como dicía antes gústame moito o meu traballo e dedícolle moito tempo. Tamén me gusta voar, tanto como piloto coma como tripulante, é algo que me encanta. Teño as miñas manías e algúns amigos xa me din, “xa estás coas túas cousas” pero en cousas pequenas eh… Nas cousas importantes non te creas!

Maniático e supersticioso? Ou iso non?

Non, non. Supersticioso non son. Non son de amuletos nin cousas desas. Fun bautizado no catolicismo e son practicante, á miña maneira. Iso si, cando teño algún apuro, de calquera tipo pero sobre todo como piloto, sempre me acordo da Virxe de Loreto, que é a patroa da aviación! 

Nestes 25 anos haberá ducias delas pero, algunha anécdota que recorde especialmente? Algunha que destacarías?

“Saín dando o tempo cunha pitón colgada do brazo, foi unha pasada!”

Houbo un día que veu á tele un home que traía iguanas e serpentes. Viña para participar nun programa que se facía pola tarde e eu topeime con el por alí, polas instalacións da televisión. Estiven falando con el, tocando os animaliños e preguntándolle cousas. Tiña unha pitón moi bonita e púxoma enriba e todo. Entón quedei pensando e díxenlle “oes, deixaríasme presentar o tempo con ela”. Díxome que si e así foi! Ese día saín dando o tempo cunha pitón colgada do brazo. Ademais movíase e todo ou sexa que se vía ben que era de verdade. Foi unha pasada! Fai un ano máis ou menos veu ese mesmo home a Luar e trouxo outra pitón, aquela que saíra comigo no tempo morrera xa a pobre! A experiencia foi moi bonita e repetiría sen dubidalo.

Santiago PemanE algunha anécdota con algún fan? Algunha historia peculiar?

Historias hai moitas. Infinidade de fotos miñas que ten que haber polo Facebook adiante… Algunha especialmente simpática? Pois recordo unha comparsa no Entroido de Xinzo que me dedicou unha estrofa, fíxome moita graza e moita ilusión. Aínda recordo o que dicía; “aleluia, aleluia, que xa chegou o verán, se chove ou fai vento ou ven un furacán, non lle boten a culpa a ninguén, bótenlle a culpa a Pemán!”.

(Risas) É vostede moi de música polo que vexo, porque tamén fixo un videoclip…

Si. Chamoume Sergio de Lamatumbá e díxome que si participaba nun vídeo seu e díxenlle que si, claro! Bótaslle cara ó asunto, todo pola patria e para diante. Foi tamén outra experiencia que me gustou moito! Despois tamén me dedicaron outras cancións, a mesma Ana Kiro me dedicou unha.

“Fixen un vídeoclip de Lamatumbá, foi moi divertido! E Ana Kiro dedicoume unha canción”

E algún erro que recordes especialmente ó longo de tantos anos de predicións? O índice de acerto é moi alto pero, algunha equivocación importante?

Houbo un ó principio, cando estaba empezando, que si que recordo. Foi nunha ocasión no parte do mediodía, que pechei recomendándolle ós que ían saír á rúa esa tarde que sacasen o paraugas. Pois nin unha gota caeu aquela tarde. Ó día seguinte vinme obrigado a rectificar e dixen, “onte cando lles recomendei que sacaran o paraugas, esquecinme de dicirlles que era para secalo ó sol” (Risas). Nunca máis volvín a recomendar o seu.  

Es máis de frío ou máis de calor Santiago? Verán ou inverno?

Frío, frío, frío. Sen dubidar. Non me gusta pasar calor. Gústame a praia pero non ás tres da tarde con corenta graos. A raíña Isabel a Católica dicía, “o verán en Burgos e o inverno en Sevilla é cousa fina”. Así estaríamos nunha temperatura continua duns 20 graos e iso é o perfecto. Os 40 graos non hai quen os ature!

“Unha vez si que rectifiquei, dixen: Onte cando lles recomendei que sacaran o paraugas, esquecinme de dicirlles que era para secalo ó sol”

Ademais da súa participación en Luar, a que dedica o seu tempo Santiago? Que lle gusta facer no seu tempo libre ademais do que respecta á meteoroloxía?

Pois mira, a verdade é que agora pouco podo facer. Teño un problema de visión que me impide facer cousas como ler ou escribir. É unha mácula que non é operable e que teño que vivir con ela. Dáme rabia porque hai cousas moi interesantes para ler, e porque escribir certas cousas tamén me gustaría, pero bueno, lévoo con optimismo!

Moitas grazas por ter conversado connosco Santiago, grazas e ata sempre.

Grazas a vos e xa sabes, “disfruta y a lo loco, que la vida dura poco”.

Santiago Peman

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 3 de Abril do 2014 | 10:00 a.m.

Outros temas de Plató Aberto