publicidade hoxe
Rubén Hamade: “A verdadeira filosofía do Hip Hop é loitar contra a violencia, a droga e o racismo” - Cabecera

Rubén Hamade: “A verdadeira filosofía do Hip Hop é loitar contra a violencia, a droga e o racismo”

Ruben Hamade

Ruben HamadeCada vez máis vemos as paredes das nosas cidades cheas de “grafitis”, e a unha morea de rapaces (e non tan rapaces) bailando polas rúas xunto con outros que probablemente non soltarían os patíns aínda que chegara un tsunami e arrasara con todo. Cada vez son máis tamén os “poetas urbanos” que escriben (ou improvisan) versos desenfadados cargados de crítica social e que, salvando as distancias, ven poderían recordar a aquelas cantigas de escarnio de séculos atrás. Se cadra daquela, igual ca hoxe, era máis sinxelo facerse oír a través da música. Pois todo isto é o Hip Hop.  Unha cultura en auxe cuxos valores, non son necesarios. Non. Son imprescindibles. 

Ruben Hamade

Nome e apelidos: Rubén Hamade Longarela 

Lugar de residencia: Lugo

Profesión: Profesor de Hip Hop

Formación: Técnico Superior en Animación de Actividades Físicas e Deportivas. Actualmente estudante de Ciencias do deporte e a Educación Física.

Bueno Rubén ti es profesor de Hip Hop, explícanos, que é isto? Como lle definirías este mundo ó que non o coñece?

O Hip Hop é un movemento urbano, cultural e artístico. Fundamentalmente o Hip Hop está composto por tres elementos; a música o baile e a arte. A música ten tres expresións fundamentais. Por unha banda, as letras, os que escriben ou improvisan rimas son os MC (Mestres de Cerimonia), eles son os que rapean, que é quizais o que máis se coñece desta cultura. Por outro lado están os Dj’s, que son os que poñen a música e fan os skratches (o outro elemento fundamental da música). E, por último o Beat Box, que consiste en crear ritmos e música coa boca, só a partir dos sons propios, sen instrumentos. Seguro que a moitos lles soa iso de escoitar a alguén rapeando algo e un ó lado tratando de poñerlle un ritmo, pois iso! (Risas)

Ou sexa, que só na música, xa falamos de varias expresións, e aínda nos queda o baile e a arte…

Así é. O baile é o que se coñece como BBoying. Os que bailan chámanse BBoys. Este baile xa se estendeu bastante nos últimos tempos e agora é máis coñecido. O máis espectacular son os pasos de Break Dance, que son os que dan piruetas, xiran sobre a cabeza e esas cousas que tanto chaman a atención. E por último, por suposto, o graffiti, que iso si que é algo máis que coñecido por todos e que levamos anos xa vendo polas cidades. É un tipo de expresión artística urbana, aínda que xa dende fai tempo a vemos tamén nos museos, cada vez máis.

O Hip Hop non xurde precisamente entre as clases ricas, non? 

“O Hip Hop é un berro artístico, unha maneira de revelarse dende a arte”

Non, a verdade é que é un movemento que xurde nos anos 70 da man das comunidades afroamericanas e latinoamericanas de barrios neoiorquinos coma o Bronx, Queens e Brooklyn. Barrios que se caracterizaban pola pobreza e a violencia, de aí que nun principio se relacionara con estes conceptos. Pero o certo é que o seu nacemento debeuse precisamente as ganas dos mozos de expresarse e buscar alternativas ás desigualdades que vivían. Foi coma un “berro artístico”, unha maneira de revelarse dende a arte e de sacar o que tiñan dentro. Máis pacífico dende logo imposible…

E con esta base, cales son os valores que transmite esta cultura? Que ten de positivo para a xuventude?

A verdadeira filosofía do Hip Hop é loitar contra a violencia, a droga e o racismo, promove o respecto, algo que é moi importante.

Ruben Hamade

Como empezaches ti nisto? Con que idade e por que empezaches a meterte na cultura do Hip Hop?

Eu comecei aos 16 anos facendo Bboying. Vin a un rapaz na rúa, nunhas galerías, e pregunteille como se facía iso que estaba facendo el, uns movementos que eu non vira nunca. Este rapaz, Gelo se chama, ensinoume (con moita paciencia, todo hai que dicilo) e comecei a adestrar con el nas galerías case todos os días. Actualmente somos moi amigos e seguimos adestrando. Fai uns anos formeime en convencións de Hip Hop con grandes coreógrafos e profesionais do tema, e comecei a dar clase na academia “Ritmo Lugo”, onde me fixen profesor.  

Que che dixeron na casa? Que lles parecía a túa afección?

Ao principio pensaban que estaba facendo de todo menos bailar na rúa (risas), pero cando lles demostrei a miña paixón pola cultura apoiáronme ao cen por cen.

E que dixeron cando viron que se podía converter nunha profesión e que querías ser profesor disto?

Cando viron a miña dedicación polo BBoying, por aprender máis e o que me gustaba dar clase, seguíronme apoiando para que continuara formándome e para que seguise impartindo máis clases.

“Esta fin de semana faremos un lipdub coa canción ‘I’m from Lugo and I don’t deny it’ (‘Son de Lugo e non o nego’) do grupo Batital “

Impartindo clases e montando eventos de todo tipo… Porque esta fin de semana sen ir máis lonxe tendes un lipdub, que é isto?

Un lipdub é un vídeo que se graba en plano secuencia (todo seguido) sobre unha canción para que se fai unha coreografía e un play back, ou sexa, os que bailan fan como se estiveran cantando a canción mentres bailan e van facendo o percorrido marcado. Neste caso o percorrido comezará na Praza de Campo Castelo e desembocará na Praza Maior. A canción é “I’m from Lugo and I don’t deny it” (“Son de Lugo e non o nego”) do grupo Batital, e ó rematar o vídeo farase un baile diante do Concello. Para todo o que sexa bailar alí estou eu!

Ruben HamadeE tanto que si! De feito entre organizar eventos e dar clases, chega un día no que decides que é o momento de darlle forma a todo isto, non? Entón xurde ‘Non ten duda’. A que se dedica esta empresa? 

“Non ten duda” é unha empresa de creación, xestión de eventos, animación e actividades tanto deportivas como artísticas, sociais e culturais. Ademais, engadimos tamén diferentes disciplinas das chamadas “urbanas”. Traballamos día a día para promover a cultura e o deporte.

Quen formades esta empresa? Cantos socios sodes e a que vos dedicades cada un de vos?

Somos dous socios, Gael Zarza e máis eu. Os dous nos ocupamos da xestión e de impartir os cursos. Ademais os dous seguimos estudando, Gael Psicoloxía e eu Ciencias do Deporte e a Educación Física, polo que tamén aproveitamos a nosa formación.

Como xurde esta idea? Como decidides poñela en marcha?

Tras anos de dedicarnos a traballar como asociación, a poñer en marcha eventos na cidade e a dar clases e cursos, decatámonos de que tiñamos o nivel formativo suficiente para poder emprender un negocio por conta propia. Decidimos poñela en marcha xa que tiñamos en mente darlle un novo enfoque ao sector con ideas innovadoras.

É moi difícil? Sendo dous mozos como sodes, é complicado sacar adiante un proxecto deste tipo? 

Nunca é fácil introducirse nun sector, e máis estando estudando os dous, pero temos ideas, forza e as ganas para conseguilo.

Ruben HamadeClaro é que non debe ser fácil compaxinar tantas cousas…

É difícil, hei de recoñecelo, pero organizándonos ben hai tempo a todo. O meu compañeiro está coma min pero tamén é certo que lle dedicamos máis tempo á empresa que aos estudos,  xa que temos moitas ganas e esperanzas postas neste proxecto.

Dirías que é un bo momento para emprender, para apostar por ideas novas e diferentes?

Vivimos uns tempos complicados, pero se de verdade tes ilusión polo que fas e a capacidade para conseguilo, podes logralo.

Como está a ir a cousa? Tendes proxectos entre mans? Con quen traballades?

“A intención é ofrecer alternativas á xuventude, para pasar o tempo libre facendo algo positivo”

Estamos comezando pero pensamos que o comezo está a ser bo. Actualmente estamos traballando para o Concello de Lugo e temos varios proxectos en mente. O que nunca faremos é quedarnos parados.

Para o Concello?

Si. Hai iniciativas para ofrecer alternativas á xuventude para pasar o seu tempo libre facendo algo positivo, bo para a súa saúde, que lles ensine valores, principios. Obradoiros, cursos… En definitiva, opcións para que vexan que hai posibilidades e cousas que facer divertidas e sas. 

Ruben Hamade nunha actuación cunha compañeira do grupoQue servizos ofrecedes? Cal é a vosa oferta?

Ofertamos dende eventos privados, ata unha ampla variedade de actividades de creación propia (cursos, actividades formativas, Flashmobs, entre outros…)

Fálanos da túa parte, do que fas ti. Que é exactamente un profesor de Hip Hop?

A miña parte consiste en coordinar eventos, xestionar a empresa e impartir clases tanto de ximnasia, como de Hip Hop. Eu como profesor ensino as bases dos diferentes estilos de baile da cultura Hip Hop, pero tamén é certo que non só é o baile en si. Tratamos de educar e transmitir eses valores dos que falabamos, valores coma o respecto e a constancia. Son dous elementos moi presentes nesta cultura e moi necesarios na sociedade, así que o vehículo é perfecto. Os meus alumnos son, na gran maioría nenos, algúns moi pequenos de feito, van dende os 4 anos ata os 24. A idea xeral é que vexan o Hip Hop non so coma un baile, senón como a cultura grande que é, con todo o que a conforma. É un estilo de vida que se sinte e se leva dentro.

Hai moita xente afeccionada en Lugo? E en Galicia? É grande esta “tribo”?

En Lugo non somos moitos, pero a cultura Hip Hop vai medrando pouco a pouco aquí.  En Galicia si que hai moita xente nesta cultura e varias crews de bboying.

“En Galicia si que hai moita xente nesta cultura e varias crews de bboying, as novas xeracións veñen con ganas”

Crews?

(Risas) Unha crew é un grupo, un grupo de amigos que comparten esta cultura, é como unha irmandade, case unha familia.

E como veñen as novas xeracións? Hai canteira?

As novas xeracións veñen con ganas de aprender. Traballamos con eles ensinando o máximo posible e transmitindo a nosa paixón pola cultura e o deporte.

E como xurde este nome? Por que ‘Non ten duda’?

O nome… (Risas) Despois de darlle moitas voltas, pensamos que tiña que ser sinxelo e fácil de recordar. E que mellor que unha frase que empregamos habitualmente e que inspira confianza. Sabemos que está mal dito, xa que tería que ser “Non ten dúbida”, pero case sempre se di “Non ten duda”.

Pois moitas grazas por conversar con nós Rubén, e agardamos que así sexa, que “non teña duda” o voso proxecto. 

Ruben Hamade

 

 

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 1 de Abril do 2014 | 3:32 p.m.

Outros temas de Entre Nós