publicidade hoxe
Rocío Varela, unha artista cos pés na terra - Cabecera

Rocío Varela, unha artista cos pés na terra

Rocio Varela

A pesares da súa idade, Rocío ten as cousas moi claras. O seu soño é triunfar na música e ós seus 18 anos ten a forza e as ganas que dan a xuventude, e a madurez e a serenidade que ofrece a experiencia. A experiencia si, non vaian a pensar. Ata o de agora conta con actuacións para todos os gustos, dende as primeiras no remolque dun tractor, ata as últimas no mesmo escenario que os máis grandes no panorama nacional.

Rocio VarelaNome: Rocío Varela. Os meus amigos coñécenme por Roko, pero como xa existe unha artista con este nome, agora son Rocy.

Idade: 18 anos

Recanto ao que representas: Recanto de Terras do Eume

Domicilio: Andrade, Pontedeume.

Estudos:  Nestes momentos estou estudando Relacións Laborais e Recursos humanos na Universidade de Santiago de Compostela.

Hobbies: ademais da música, a fotografía, o baile, a lectura e a cociña.

Como comezaches na música?

A miña traxectoria é bastante curta, pero intensa. Con 3 anos xa me cría toda unha artista e subíame, nada máis e nada menos, que ao remolque do tractor dos meus pais, cun desaparafusador na man (a falta de micrófono). Cantei sola, sen clases profesionais, practicamente ata a miña adolescencia. E con con 13 anos, entrei a formar parte do coro ‘’Teenagers’’ do instituto IES Fraga Do Eume. Con 16 decidín apuntarme a clases de canto, técnica vocal, solfexo e piano, das cales aprendín case todo o que sei agora. Sen embargo, tíveno que deixar pasado un ano, xa que 2º de Bacharelato ocupaba a maior parte do meu tempo e non me vin capacitada para seguir.

Que trazo dirías que é o que mellor te define?

Quizais a versatilidade que teño á hora de interpretar varios estilos. Nunca me decantei cara un estilo en concreto, xa que sempre me gustou non estancarme e optar pola diversidade, e ese é un trazo que tamén lle gusta á xente que te escoita. Ou sexa, que poidas cantar sen problema dende unha copla ata unha rancheira, por exemplo.

Pero en canto ó teu gusto, que estilo de música é o que máis che gusta? Por que?

En realidade, non podo decantarme por un só estilo de música. Gústanme variedade de estilos. Quizais se tivera que escoller un, diría o Jazz, o R&B, Soul, Gospel ou Pop-Rock.. É unha música que descubrín fai uns anos e que me cativou por completo. Dende entón é un referente a seguir.

A quen admiras profesionalmente? Tes algún ídolo musical?

Profesionalmente admiro moito a cantantes internacionais como Christina Aguilera, Whitney Houston, Tina Turner , Bon Jovi, (e non só pola súa traxectoria profesional na música, senón pola súa historia persoal e de superación). Xa a nivel nacional, Rocío Dúrcal foi o ídolo musical da miña infancia, así como Mónica Naranjo, Tamara, Rocío Jurado e incluso Isabel Pantoja. Era a música que se escoitaba na miña casa desde sempre.

Rocio VarelaCal é a túa experiencia profesional?

A miña experiencia profesional na música, como dicía, é curta pero intensa. Estiven no coro ”Teenagers” do instituto durante 3 anos. Despois de deixalo, empecei cunha compañeira guitarrista dese mesmo coro a facer pequenos concertos en bares de Pontedeume. Con 17 anos decidín presentarme ao meu primeiro concurso de canto en Ferrol (”Canta Ferrol”), no que obtiven o 3º premio, e a partir de aí, cantei na Fashion Night de Ferrol e de Pontedeume. Todo iso impulsoume dalgunha maneira a participar no Casting de ”Recantos”. Actualmente, formo parte do Coro Universitario da USC e do programa Compostela Actúa, e no coro Glee Club para dinamizar as artes escénicas. Por outra banda, fago actuacións individuais.

Que significou para ti entrar en Recantos?

Entrar no concurso supuxo un antes e un despois na miña vida. Recantos devolveume a ilusión que perdera pola música. E non só iso, grazas a estar nun programa de televisión gañas o recoñecemento e o interese de moitas persoas, e iso sempre gusta! Ademais, Recantos fíxome pensar en moitas cousas… Incluso dubidei se estudar música no Conservatorio e deixar a miña actual carreira.

Rocio VarelaQué é o que mais marcou a túa experiencia en Recantos?

Sen dúbida, coñecer aos meus compañeiros, que son un apoio fundamental no concurso. E traballar ao lado de grandes profesionais que me axudan a sacar o mellor de min en cada actuación.  

Que actuación, das que levaches a cabo en Luar, foi a túa favorita? Por que?

Quizais, a miña actuación favorita (que non canción favorita) foi a última, na que interpretei ”Gríntenme pedras do campo”, e non só pola boa puntuación que recibín. Foi a primeira actuación na que saquei todo o meu potencial e, sobre todo, a primeira actuación na que disfrutei realmente encima do escenario. 

Como te sentes no escenario de Luar sabendo que tantos artistas de renome cantaron nel?

Ao principio é bastante impresionante estar alí, pero unha vez que levas tempo, xa estás coma na casa. Admito que moitas veces, non nos damos conta do privilexiados que somos!

Que significa a nivel persoal a túa experiencia en Recantos? Que aprendiches?

Non se pode explicar con palabras. A experiencia de estar en Recantos hai que vivila, sentila. Persoalmente, estame axudando sobre todo a crecer como persoa e a convivir con moitas personalidades. É incrible!

Que estás a aprender do xurado?

Para min os tres son persoas moi diferentes, que respecto moito como profesionais que son. Os tres me aportan valoracións positivas, ou polo menos eu vounas tomar así sempre. Simplemente, os seus veredictos me axudan a mellorar profesionalmente. Valoro a súa sinceridade e xustiza a hora de aplicar as puntuacións.

Que opinas do equipo de Luar?Rocio Varela

Non hai palabras. Son realmente uns grandes profesionais!!! Estou inmensamente agradecida. Da gusto formar parte deles aínda que só sexa por uns meses.

Como é a relación cos outros recanteiros da túa edición?

Pois a diferenza doutras edicións, este ano somos unha familia, unha piña. Aínda que eu comecei tarde no concurso, eles souberon acollerme estupendamente. Son grandísimas persoas coas que cada venres paso grandes momentos. Teñen a unha amiga para toda a vida!

Que significa para ti o teu Club de Fans?

Todo. Un artista, por moito talento que teña, se non ten a persoas que o apoien, que o sigan, nunca chegará a absolutamente nada. Sempre gusta contar con xente verdadeira ao teu lado, e eu, por sorte, téñoa. Os fans son o 50% dun artista.

Fuches a algún outro concurso?

A maiores da experiencia de ”Canta Ferrol” que comentei antes, e a onde fun animada por uns mestres dos instituto, non. A nivel televisivo, nunca. Máis que nada porque non me vía preparada nin con nivel para enfrontarme a algo así. Agora, aínda que aínda son moi nova, non descarto presentarme a outros concursos a nivel nacional como ”La Voz”, ”El numero uno” ou incluso a nivel internacional como ”Factor X”.

Que opinaron os teus amigos e familia cando lle dixeches que entrabas nun concurso de cantantes? 

Ao principio á miña familia non lle fixo moita graza (risas), máis que nada polo tema das cámaras. Son todos moi reservados. Pero apoiáronme e a día de hoxe alégranse sempre de que me vaia ben no concurso. Os meus amigos foron os ”culpables” de que me presentara ao casting, así que alegráronse máis ca min incluso! ”Facía moito tempo que o merecías” dicían.

Rocio VarelaComo te sentes cando a xente te recoñece pola rúa?

É unha sensación rara, pero ao mesmo gratificante. É un orgullo, sobre todo que te recoñezan por algo que che gusta facer coma no meu caso pola música. Pero bueno, intento levalo sempre con moito agradecemento e humildade. Hai que ter sempre os pés na terra.

Que proxectos tes en mente ou estás realizando?

Pois seguirei as fases que poida e que me deixen en Recantos. Continuarei a miña carreira pouco a pouco, compaxinándoa coa música sempre. E como futuros proxectos gustaríame facer un grupo de Jazz e facer versións de cancións en Galego. Gustaríame sacar un disco de rancheiras tamén, aínda que é un estilo que xa non se escoita, nin se vende. Tampouco descarto traballar nunha orquestra, e de feito xa recibín algunhas peticións. Pero sería solo como proba uns anos, xa que non me gustaría vivir diso toda a vida, é un mundo bastante sacrificado.

Que consello lle darías a alguén que está lendo esta entrevista e ten un soño por cumprir?

O primeiro consello, dicirlles que ningún soño é demasiado grande, que só temos que loitar por el. As cousas non se fan solas, nin chegan á nosa vida solas. Temos que poñer ganas, esforzo, ter iniciativa propia e sobre todo, non tirar nunca a toalla.  Ás veces a última chave é a que abre a porta! O meu consello é que se poñan obxectivos, metas. O segundo e último consello, que non fagan o que fixen eu. Se a música, ou o deporte ou calquera outra actividade coa que soñen, se  é algo que lles gusta realmente dende sempre, que aprendan e se especialicen dende moi pequenos niso que lles gusta. Que non perdan  a ilusión por falta de apoio. Que eles mesmos se impoñan a todas as persoas  e que non deixen que os demais escollan por eles.

 

Por: Silvia Villanueva Villanueva
Publicado o 9 de Abril do 2014 | 2:50 p.m.

Outros temas de O Recanto de Silvia