publicidade hoxe
Poetízate… - Cabecera

Poetízate…

Mario Benedetti, Nicolás Guillén, Díaz Castro, Xulio López Valcárcel… Poetízate. Arrandéate feliz na randeira da primavera. Mergúllate nos seus grandes ollos verdes. “Quiero hacer contigo/ lo que la primavera/ hace con los cerezos”, escribiuno Neftalí Ricardo Reyes Basualto; ou sexa, Pablo Neruda, o home que amaba o amor, Veinte poemas de amor y una canción desesperada é a proba.

Federico García Lorca, Antonio Machado, Rosalía de Castro, Xohana Torres, Manuel María… Poetízate. Recupera a voz do teu pobo. O poema do país que ten fame de Paol Keineg (Ed.rueiro, 1975) axudarache (sen dúbida) a ollar, mirar, sentir. Nunca a Bretaña vos estivo tan preto da Galicia. A súa paisaxe, os seus costumes, a súa loita pola identidade de seu, “roubáronme o meu pan/ arrincáronme a fala materna do meu pazo de neno…” latexan na alma da Nosa Terra.

Poetízate (Ed. Xerais, 1996) déixate seducir pola antoloxía poética preparada por Fran Alonso. Comprobarás que a poesía non morde, non é aburrida, nin romanticona, nin difícil. De Rosalía de Castro ás poetas novas. Toda unha viaxe para gozar e intuír á poesía.

Antón Avilés de Taramancos, Xosé María Álvarez Cáccamo, Xosé Vázquez Pintor, Miro Villar, Antía Otero, Manuel Pereira Valcárcel… Poetízate. Bótalle unha nova ollada ás “cousiñas”. Porque a poesía –ao dicir de Maurice Blanchot- lembra o que os pobos, as nacións e os deuses non recordan. Parafraseando ao meu admirado Manolo Rivas, diríavos amigos/as do noticieirogalego.com que gustaríame moito enviarvos un fardel de néboa. Ás veces a néboa (coma a poesía) serve para ver mellor.

Por: Xosé Luna Sanmartín
Publicado o 22 de Marzo do 2014 | 1:27 a.m.

Outros temas de Da lectura e outras "Cousiñas"