publicidade hoxe
Pili Pampín, unha vida dedicada á canción - Cabecera

Pili Pampín, unha vida dedicada á canción

Pili Pampín

Pili Pampín naceu en Rivasar (Rois). Gravou a súa primeira cinta de casete acompañada pola Orquestra Compostela, e na actualidade é unha das artistas máis recoñecidas de Galicia. Os seus éxitos forman parte da verbena galega e de programas relevantes de Radio e Televisión coma o Luar da TVG.

Pili PampínNome: Pili Pampín

Idade: 42 anos

Domicilio: Santiago de Compostela

Profesión: Cantante

Como comezou no mundo da música?

Dende pequeniña, sempre me gustou cantar, e como a maioría da xente sabe, meus pais tiñan un restaurante e ás veces cantaba na voda dalgún amigo. Nunha desas vodas estaba o mestre Manuel Muñiz, que foi quen me lanzou como artista.

A quen admira profesionalmente?

A Isabel Pantoja e Pastora Soler.

A día de hoxe, atópanse no mercado varios discos de Pili Pampin. Cal deles foi o que máis marcou a súa vida profesional?

O que máis marcou a miña carreira foi, sen dúbida o primeiro disco que saquei, que se chamaba “Pili Pampín e a Orquesta Compostela”

No seu último traballo, dedicoulle un tema ao seu pai (“Un amigo se va”) que se afasta bastante da liña habitual de Pili Pampín. Como xurdiu esta composición?

Era un tema obrigado que eu lle debía. Gustoume tanto a versión da cantante Maggie Carles, que a adaptei a miña personalidade e sinceramente penso que quedou fermosísima.

Vostede conta co apoio dun público crecente e entregado, ademais dun amplo Club de Fans nas redes sociais. O pasado 30 de novembro recibiu unha sorpresa no programa da TVG, “Desexos Cumpridos” onde se reencontrou con Marhy López (a presidenta do Club de Fans) e coñeceu en persoa a María Costa, unha fan de Suíza. Que significou para vostede este encontro?

A verdade é que foi un momento moi especial. Aparte, por suposto, levei unha gran sorpresa, xa que non me esperaba a ningunha das dúas. Foi moi bonito.

Na súa carreira musical, tivo a oportunidade de actuar xunto a grandes artistas nacionais e internacionais. Que se sinte ao ser unha das últimas persoas que compartiu escenario con Manolo Escobar?

Ese é un recordo que xamais esquecerei e que sempre quedará no meu corazón.Pili Pampín

Vostede foi xurado de Recantos xunto a X.M. Piñeiro e M. De Andrade. Que significou para vostede ter que valorar aos concursantes?

A experiencia foi moi complicada a verdade, porque ademais eu fun concursante no seu momento e sei perfectamente o que se sinte, polo que é difícil poñerse do outro lado.

Gayoso leva moitos anos presentando un dos programas con maior audiencia da Televisión de Galicia. Que sentiu cando se viu vostede nese programa por primeira vez?

Unha alegría inmensa, sempre lles estarei agradecida. Luar é unha gran experiencia.

Durante o verán, dedícase á verbena e aos concertos en sala. Como se prepara para levar a cabo todas esas actuacións: vestiario, repertorio, instalacións…?

Prepárome durante todo o inverno. Efectivamente cando máis traballo teño è no verán entón o resto do ano toca preparase.

Que consello lle daría a aqueles que están lendo esta entrevista e que teñen un soño por cumprir?

Que sempre confíen en eles. E loiten polos seus soños.  

 

Por: Silvia Villanueva Villanueva
Publicado o 28 de Febreiro do 2014 | 4:06 p.m.

Outros temas de O Recanto de Silvia