publicidade hoxe
Percorrendo o Santo Grial - Cabecera

Percorrendo o Santo Grial

Nunha sociedade ambiciosa de poder e recoñecemento, as xoias lendarias son un obxectivo prioritario, a súa procura destrúe séculos e séculos, varias son as reliquias extenuadas pola inmensa cobiza dos bípedes alípedes.

Neste universo brillante destaca un tesouro cun halo de divindade e fortaleza espiritual propia. Esta marabilla ten o seu propio exército custodio, cabaleiros entregados a unha única causa, preservar e conservar na escuridade o ansiado Grial.

Estes cabaleiros que transcenden o tempo lograron que o auténtico, o primixenio, ese Grial de encantamento perplexo, permaneza esvaecido no místico anonimato do idealismo máxico.

Perenne vida para o posuidor de tan desexado ben, con poderes extraordinarios e un carrusel sen final de apetecibles dádivas e benaventuranzas inimaxinables. Tanta ventura non debe estar ao alcance da cobiza e ansias de poder que de sempre amosou o ser humano. Tampouco debe ser un reducido grupo de persoas, os que gocen do benestar permanente e divino que asegura a gran alfaia.

Mais o segredo da súa situación semella que permanece ao alcance de calquera que posúa a ousadía e a sensibilidade suficiente para ir na súa procura, descubrilo e aprecialo.

Entre numerosos acivros atraídos polo magnetismo dun misterio de tan extraordinaria magnitude, aínda sen coñecelo provoca intensa admiración. Sen outras condicións nin condicionantes comezamos a camiñada.

Axiña un débil murmurio e o acompasado croar dunha parella de ras atrae inmediatamente a dispersa atención dos andantes. Alí, en Fontlor, o dúo de ventureiros camiñantes presenciaron emocionados o feble gurgullar do que ía ser o seu compañeiro e guía a partir daquel intre.

Auga nova, cristalina, cantareira e brincadeira. Empapados da vitalicia nacenza os andantes comprobaron axiña como aquel líquido de aparición recente eran quen de escapulirse sen excesivas complicacións do seu sedento acoso.

Un descanso para presenciar detidamente unha nacenza de gran vitalidade, mais a chamada do fío vital, que sen pausa avanzaba entre unha multitude de luces e sombras, foi quen de lograr que a seguiran sen condicións.

Andar e andar, non contemplaban o desmaiar, a súa era unha senda entre vexetación de seu, ribeira exultante que na súa nobreza acolle aos intrusos sen desconfianza, unha anfitrioa que devece por intimar cos visitantes.

Percorrendo espazo e tempo, axiña os exploradores se decataron que malia aos esforzos dos nativos, aquí os foráneos non asentan con facilidade. Semella un mal endémico dunha paraxe sen par como a que estaban a descubrir.

Escoitar, aproximarse, afastarse e regresar ao leito acuoso, para vadear e refrescar o espírito sedento de natural interacción.

Unha xornada completa ata o chiscar solar, era mester para os extasiados camiñantes asentar, nunha morada preto dun alborozado murmurio coa batuta sonora dun bufo real, un agasallo na estrelada escuridade que xurdía dende o alto dunha fraga que custodiaba unha igrexa que imploraba agarimo.

Inmersos no descanso nocturno os soños rebulían na contorna, un regueiro de sangue azulada templaria avanzaba ao encontro do val das Mouras, un val cun encantamento irresistible, absorbente, insaciable,… Todo un reto para os novatos exploradores, que entre soños e realidade continuaron percorrendo o Grial, que ata o presente segue no sitio e custodiado por esas damas cincentas de irresistible que moran no seu gran Val.

Por: Xosé Manuel Lobato
Publicado o 11 de Decembro do 2014 | 1:20 p.m.