publicidade hoxe
Os signos de puntuación (II) - Cabecera

Os signos de puntuación (II)

OS DOUS PUNTOS (:):

Empregaremos os dous puntos antes dunha enumeración, para indicar que a continuación vén unha conclusión ou exemplo ou tras un encabezamento dun discurso ou carta.

Exemplos:

-Na carta do restaurante había os seguintes peixes: linguado, xarda, robaliza, chicharro e castañeta.

linguado-1 xarda-1 robaliza-1 chicharro-1 castaneta-1

-Castelao deixou escrito: se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma.
-Prezado amigo Lois:
simplemente quería lembrarche…

OS PUNTOS SUSPENSIVOS (…):

Empregamos os puntos suspensivos para indicarmos a suspensión dun discurso, para evitar a transcrición dunha palabra malsoante e tamén, neste caso entre paréntese ou corchete, para indicar a supresión dun anaco dunha cita literal.

Exemplos:

-Levamos os cativos ao zoo e puideron gozar coa vista dos seguintes animais: un voitre, un parrulo, un crocodilo
-O rapaz dixo… polo que foi castigado pola nai.
-Hai dez anos, o 21 de setembro de 2004, o Parlamento Galego aprobou por unanimidade o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. (…) Foi aquela unha páxina máis do libro da esperanza do noso país, escrita con sintagmas de simpatía, optimismo e xenerosidade e impresa coa tipografía colaborativa de noso. [Manuel Bragado].

AS PARÉNTESES ( ):

As parénteses empréganse para meter no seu medio un inciso (algo que en certos casos tamén empregamos as “raias”) ou tamén aclaracións.

Exemplos:

-Rosalía de Castro (Santiago de Compostela, 1937-Padrón, 1885) marcou coa súa obra un antes e un despois na nosa literatura.
-Convén que traiades o material necesario (botas, mochila, tenda de campaña…) para facermos esa ruta de sendeirismo.

Nunha obra teatral empregamos as parénteses para indicar un “á parte” ou as “anotacións escénicas”.

Exemplo:

OPTIMISTA.- Demo! Non sei por que me asustei. (Á parte) Certamente, no Camiño de Santiago todo é máxico. (Cara ao público.) Mirade como é a historia, que ata me pareceu escoitar un eco con personalidade propia. Nin sequera repite o que lle din. El ten o seu xeito de pensar.

Ás veces tamén podemos empregar as parénteses cadradas ou tamén chamadas CORCHETES ( [] ) Estes soen ser empregados coa función das parénteses para indicar un inciso ou unha aclaración nun texto que xa vai dentro de parénteses.

Exemplo:

-O noso rexurdimento veu marcado por tres grandes escritores, especialmente poetas (Rosalía de Castro [1837-1885], Eduardo Pondal [1935-1917] e Curros Enríquez [1851-1908] ).

A RAIA (-):

Emprégase a raia para indicar o comezo do expresado por cada participante nun diálogo. Tamén a podemos empregar nun diálogo a modo informativo, como se fose para incluír un “á parte” ou unha anotación. Finalmente, empregaremos a raia para marcar os elementos dunha relación, especialmente se estes elementos van en liñas diferentes.

Exemplos:

-Cando voltaredes da excusión? -preguntou súa irmá.

-Ingredientes para unhaTorta de améndoa”:
-150 g. de améndoas crúas.
-130 g. de manteiga.
-100 g. de azucre.
-50 g. de auga.

AS COMIÑAS (“ “) (‘ ‘) («»):

Soemos empregar as comiñas simples (‘ ‘) para indicar significados ou acepcións puntuais. Canto ás dobres, empregámolas para enmarcar unha cita textual, títulos de artigos, conferencias, alcumes…

Exemplos:

-A esfolla, ‘acción de lle quitar a folla a certos froitos’ soe ser no verán.
-Sempre lembrarei aqueles versos de Rosalía “cando penso que te fuches / negra sombra que me asombras”.
-Acudín á lectura do “Alba de Gloria” de Castelao.

SIGNOS DE INTERROGACIÓN (¿ ?) e ADMIRACIÓN (¡ !):

abazcaro-1Empregamos o signo de interrogación para marcarmos unha pregunta directa e o de admiración para unha entoación exclamativa. Tanto o signo de interrogación coma o de admiración poden ir ao comezo e ao final ou simplemente ao final das oracións.

Exemplos:

-Que entendes ti por abázcaro?
-Díxenche que non quero outra albóndega!

Fraseoloxía:

*”Asar a manteiga nun guizo” (Intentar algo imposíbel)

*”Ser delgado coma un espicho” “Ser delgado coma un fío” (Ser demasiado delgado)

* “Ser máis feo ca pegarlle a un pai” (Ser moi feo)

* “Coller a vaca polos cornos” (Enfrontar algo de cara)

* “Andar de/coa lúa” (Andar de mal humor)

* “Ser amargo coma o fel” (Que algo é moi amargo)

Refraneiro:

* “O que ós vinte non se casa, ós trinta non fai casa e ós corenta non é rico, arre borrico!”

* “A troita para que guste, ha de ter sete efes: fresca, frita, fría, fiada, fragosa, fea e femia”

palleiro* “Alegría alegrote, que o rabo do porco está no pote!”

* “É mellor un mal arregro que un bo preito

* “En xaneiro media arca e medio palleiro e o porco enteiro”

* “Home vello e muller nova, fillos ata a cova”

logo nosa escrita

Por: Carlos Loureiro Rodríguez
Publicado o 21 de Novembro do 2014 | 10:57 a.m.