publicidade hoxe
Os signos de puntuación (I) - Cabecera

Os signos de puntuación (I)

Os signos de puntuación son aqueles signos ortográficos que nos van axudar na correcta escrita así coma nunha correcta lectura, sendo ademais unha peza fundamental no estilo da escrita.

O PUNTO (.):

O punto será aquel signo ortográfico que vai marcar o final dun sintagma con sentido completo.

Hai tres tipos de puntos: o punto final, o punto e á parte e o punto e seguido.

-O punto final: é aquel que se coloca ao final rematando un texto.

-O punto e á parte: emprégase para separar dous parágrafos con contido diferente dentro dun texto.

-O punto e seguido: emprégase para separar enunciados dentro dun parágrafo.

Como non existe unha norma fixa para aplicar na división en parágrafos, o mesmo vai ocorrer co uso do punto e seguido e do punto e á parte.

Non se usará o punto tras os signos de interrogación e exclamación, como tampouco tras os puntos suspensivos nin o punto das abreviaturas. Pero si que pode seguir a paréntese ou raia cando cumpra.

Pero deberemos ter en conta que se unha paréntese se abre tras un punto, o punto que remata o texto intercalado debe quedar dentro da paréntese.

Exemplo:

-FAHIM.- Moi ben… (lendo rápido) as mulleres e rapazas desde os 13 anos terán que levar burka (soletreando) ata os pés. Listo. (Mirando cara MULÁ OMAR.) Algún decreto máis, Mulá Omar? [do libro Tulipáns vermellos de Xosé Luna].

O punto tamén se usa nas abreviaturas (adv.), pero non en siglas (ONU) nin nos acrónimos (Sida) nin en símbolos internacionais (Kg).

A COMA (,):

Será un signo de puntuación que marque unha breve pausa que se produce dentro dun enunciado.

A coma pode separar os diferentes elementos dunha enumeración que non vaian unidos por conxuncións coordinantes.

Exemplo:

-Aquel rapaz era moi arteiro, argalleiro, un moinante e un leriante.

Tamén se emprega a coma para marcar pausas que delimitan un vocativo, unha aposición ou as oracións de relativo explicativas.

Exemplo:

meixela-Oe, María, mírame que teño aquí nesta meixela
-Unha vez muxidas as vacas, levas o leite para a neveira.
-Os atletas, que pararan un chisco a beber auga, volveron ao mesmo ritmo.

A coma é moi empregada para inserirmos incisos aclaratorios.

Exemplo:

noitarega-A noitarega, que é unha ave nocturna, ten as ás moi longas.

Cando unha oración subordinada circunstancial vai anteposta á oración principal levará unha coma despois e se for inserida no medio da principal, iría entre comas.

Exemplos:

-Se pasases de novo pola miña chousa, non esquezas de avisarme.
nogueira-A nogueira, cando non dea noces, é preciso podala.

O mesmo ocorre cando desprazamos calquera sintagma nunha modificación estrutural dunha frase.

Exemplos:

-Mesmo ao alborexar, o patrón foi cortar a matogueira.
-O patrón, mesmo ao alborexar, foi cortar a matogueira.

Tamén cómpre lembrar que debemos empregar sempre a coma tras adverbios que non teñen relación co que vén despois senón que con algo anterior.

Exemplo:

-Non, hei de resolvelo eu só.

O PUNTO E COMA (;):

Trátase dun signo de puntuación intermedio entre o punto e a coma, por conseguinte empregaremos este signo para separar sintagmas de rango inferior aos separados por un punto e tamén para separar elementos dunha relación xerarquizada nun nivel superior ao da coma.

Exemplo:

-Esta foi a aliñación: de gardameta, Xenxo; na defensa: Lois, Cibrán, Breixo e Paio; no centro do campo: Caitán, Damián, Guillerme e Breogán; e na dianteira: Xabier e Salvio.

Fraseoloxía:

odre-vino*”Non estar para lerias” (Non estar de bo humor)

*”Ser moi raposeiro” (Ser moi astuto)

*”Ver o lixo en ollo alleo e non ver a tranca no seu” (Ver os defectos dos demais e ignorar os propios)

*”Ser/estar peor ca unha bosteira” (Ser/estar moi sucio)

nino*”Estar cheo coma un odre” (Estar demasiado farto tras comer, ou beber)

*”Saír do niño e botar a palla fóra” (Que unha persoa estaba calada e de súpeto comezou a falar)

Refraneiro:

pegureiro-2*”Po en xaneiro, lama en abril, tocan as huchas coma un tamboril.”

*”Pola Candeloria metade do inverno fóra; se chove ou venta, inda entra.”

*”Rubias ó sol nado, pegureiro andarás mollado; rubias ó sol posto, pegureiro andarás enxoito.

*”Se ben me queres, trátame como debes.”

*”Se cazares, non te gabes; e se non cazares, non te asañes.

*”Por un cravo pérdese un cabalo; por un cabalo, un cabaleiro; e por un cabaleiro, un reino.

logo nosa escrita

Por: Carlos Loureiro Rodríguez
Publicado o 20 de Novembro do 2014 | 10:54 a.m.