publicidade hoxe
Os cuantificadores e os identificadores - Cabecera

Os cuantificadores e os identificadores

Tradicionalmente sempre se falou de “Indefinidos”, pero imos facer unha subdivisión entre “Cuantificadores” -que serán aqueles que indiquen cantidade- e os “Identificadores” -que serán aqueles que se refiran á identidade ou calidade-.

Os cuantificadores

Antes de nada temos que dicir que nunca debemos confundir os cuantificadores cos numerais (que se verán no tema seguinte) porque os cuantificadores non expresan unha cantidade precisa senón que “indefinida”.

Formas:

As formas dos cuantificadores son as seguintes:

-algún(s,) algunha(s)
-alguén
-algo
-ningún(s), ningunha(s)
-ninguén
-nada
-ren / res
-ambos (entrambos), ambas (entrambas)
-todo(s), toda(s)
-cada, cada cal, cada un, cada unha, cadaquén, cadanseu(s), cadansúa(s)
-un(s), unha(s) un(s) canto(s), unha(s) canta(s)
-varios, varias
-un(s) pouco(s), unha(s) pouca(s)
-bastante(s)
-moito(s), moita(s)
-ben
-pouco(s), pouca(s)
-abondo(s), abonda(s)
-demasiado(s), demasiada(s)
-máis
-menos
-tanto(s), tanta(s)
-tan pouco(s), tan pouca(s)

Exemplos:

-Traédeme algún adival para atar a palla do carro / terás que amosegar bastantes castañas para o magosto / agarrade ben entrambos as angarellas / por esa corredoira soamente hai unhas poucas encrucilladas / a noiva non levaba todo o enxoval que tiña…

Cómpre dicirmos que moitos cuantificadores posúen a mesma forma que moitos adverbios, especialmente aqueles que non teñen morfemas de xénero e/ou número. A diferenza vai estar no significado. Nos que posúen morfemas de xénero e número xa queda máis claro porque o adverbio é invariábel e soamente podemos ter dúbidas naquelas formas coincidentes (exemplo: teñen cartos abondo -adverbio- / teñen cartos abondos -cuantificador-, pero teñen diñeiro abondo -adverbio ou cuantificador-).

Moitas veces a fronteira entre cuantificador e adverbio é demasiado difusa (ninguén, nada…)

Contracción do cuantificador ALGÚN(S) / ALGUNHA(S) coas preposicións EN e DE

 

ALGÚN(S)

ALGUNHA(S)

DE

dalgún(s)

dalgunha(s)

EN

nalgún(s)

nalgunha(s)

Exemplos:

-vin un teu poema nalgunha escolma daquela libraría / esa gravación en talla é propia dalgún espadeleiro

Na lingua falada soemos contraer as preposicións EN e DE cos cuantificadores ALGUÉN e ALGO, pero na escrita temos que evitar esta contracción.

Os identificadores

Os identificadores son empregados precisamente para identificar un substantivo seleccionando tipos ou membros entre os demais da mesma clase.

Formas:

estoxo
angarellas

As formas dos identificadores son as seguintes:

-outro(s), outra(s)
-calquera
-quenquera
-tal, tales
-mesmo(s), mesma(s)
-propio(s), propia(s)
-o(s) demais, a(s) demais
-o(s) máis, a(s) máis
-certo(s), certa(s)
-determinado(s), determinada(s)

Exemplos:

-tráeme calquera estoxo con tal que non sexa moi pequeno / tamén achamos os demais ferreiriños que fuxiran no niño / quenquera que fose o fregués que botou os cartos no cepillo, debía ser moi crente…

A forma QUENQUERA é simplemente unha variante de CALQUERA.

Contracción do identificador OUTRO(S) / OUTRA(S) coas preposicións EN e DE:

 

OUTRO(S)

OUTRA(S)

DE

doutro(s)

doutra(s)

EN

noutro(s)

noutra(s)

Exemplos:

-o carro ben precisaba doutros fungueiros / cumpría poñer un novo guindastre noutra obra do final da rúa…

Fraseoloxía:

*”Andar coma unha faba na pota” (andar moi rápido, con moita intranquilidade…)

*”Ser cándido/-a coma unha azucena” (ser unha persoa moi inxenua)

*”Ser pesado/-a coma o chumbo” (ser unha persoa moi cargosa)

*”Caer coma un figo maduro” (ter moito sono)

*”Ser / andar como unha gaita na festa” (ser unha persoa moi coñecida)

*”Deitarse coma as galiñas” (deitarse cedo)

Refraneiro:

dedal*”A castaña que está no camiño é do veciño”

*”A muller que non come cando o seu marido, ou pensa comer ou xa ten comido”

*”Cando anda o gato no tellado, xeada no prado”

*”Cazador e troiteiro nin boa vida nin bo palleiro”

*”Costureira sen dedal cose pouco e cose mal”

*”De novo, pan e ovo; e de vello, nin pan nin coitelo”

logo nosa escrita

Por: Carlos Loureiro Rodríguez
Publicado o 27 de Febreiro do 2015 | 12:29 p.m.