publicidade hoxe
Okutu: “É unha satisfacción ser parte do historial de atletas que logrou saltar máis de 8 metros” - Cabecera

Okutu: “É unha satisfacción ser parte do historial de atletas que logrou saltar máis de 8 metros”

Jean Marie Okutu

O paso que tiña que dar Jean Marie Okutu para entrar na elite do atletismo español non era sinxelo, un paso de 8 metros nada menos. Fai uns días que acaba de conseguilo e grazas a este salto acadou o seu máximo obxectivo para este ano; unha praza para o Europeo de Zurich que terá lugar en agosto. O seu nome non soa moi galego, certo, pero a pesares de ter nacido en Ghana, Okutu chegou a Marín con 6 anos e aquí continúa adestrando, polo que pouco máis hai que dicir. Campión de España dos anos 2009, 2011 e 2013, e en pista cuberta en 2013 e 2014, agora toca conquistar o estranxeiro. Empezará por Europa pero quizais Latinoamérica non sexa tampouco mala idea…

Jean Marie Okutu

Nome: Jean Marie Okutu Kouletio (Benin, 1988)

Un lugar : Marín

Un hobby: ver series

Unha comida: aliñas de polo

Un soño: ser olímpico

 

Acabas de acadar a marca que precisabas, ese 8,01 que era a marca soñada…

Si, era a marca que desexaba facer dende fai tempo e por fin saíu. É a mínima que precisaba para estar no Europeo de Zurich, e a verdade é que estou moi contento.

Este era o obxectivo da tempada, non si?

Si, o obxectivo principal era facer a mínima e agora que a temos xa nos planteamos a tempada doutra maneira. Agora o que toca é adestrar ben para chegar nas mellores condicións ó Europeo e poder facelo o mellor posible.

Es campión de España dos anos 2009, 2011 e 2013. E tamén en pista cuberta en 2013 e 2014. A túa traxectoria parece imparable…

Levo uns anos bos a verdade, e espero seguir así… Sobre todo espero que as lesións me respecten.

De feito es o décimo segundo español en superar a barreira dos 8 metros, iso é como para sentirse orgulloso dende logo…

É unha satisfacción enorme poder formar parte do historial como un dos atletas que logrou saltar máis de 8 metros.

Como te atopas nestes momentos? Fisicamente como estás?

Agora mesmo atópome nun estado de forma moi bo. Non hai grandes molestias que me impidan adestrar ou competir con normalidade e iso agradécese. Mentres continúe todo vai ben porque poderei seguir adestrando duro e traballando para chegar ben ás probas importantes.

E a nivel anímico? Como te atopas de forzas e motivación de cara a ese Europeo?

O nivel de motivación é moi alto, estou moi motivado de cara ó Europeo. Aínda quedan uns meses, pero xa teño moitas ganas de que chegue o día e de verme aí. Será do 12 ó 17 de agosto e ata entón hai que traballar.

Jean Marie OkutuCon que obxectivos vas a ese Europeo de Zurich?

Non vai a ser unha proba sinxela, e o nivel é moi alto pero hai que loitar por ela, sobre todo se quero acadar un sitio para estar na final.

A que momento lle das máis valor de todos os vividos ata o de agora? A que campionato ou que salto en concreto?

Ó Campionato galego do outro día. Posto que foi onde conseguín esa marca que levaba tantos anos buscando.

Onde estás establecido nestes momentos?

Continúo adestrando en Pontevedra, como levo anos facendo. Formo parte do Club Barcelona e estou moi a gusto alí, moi contento de estar neste equipo e formar parte deste club. Pero polo de agora estou adestrando en Pontevedra.

Faise difícil vivir o deporte a este nivel? Primeiro no que á vida persoal se refire, e despois tamén fisicamente, porque o salto de lonxitude é unha disciplina que castiga moito ó corpo…

Non é que se faga difícil pero hai que ter moi claro o que un quere e sacrificarse un pouco para chegar a conseguilo. É algo que me gusta facer e disfruto moito con elo, entón non é que se faga difícil, pero tamén hai unha parte de sacrificio.

Polo de pronto ti si que “aparcaches” a túa outra carreira profesional, non si?

Polo de agora, a día de hoxe si. É certo que me formei como administrativo pero agora mesmo estou centrado no deportivo.

Jean Marie Okutu

Como comezaches ti no atletismo? E como decidiches que o teu era o salto?

Pois foi a iso dos 8 anos, xogando. A min gustábame facer deporte e o atletismo era uno dos que máis atraía. A medida que fun medrando xa viron que tiña calidades para o salto e decidinme polo salto de lonxitude.

Como te ves para os Xogos de Río?

Para Río aínda quedan uns anos e polo de agora prefiro centrarme no momento que vou vivindo e ir ano a ano.

Non sei se para ti, como para moitos outros, Yago Lamela foi un referente, non sei se queres dicir algo sobre el…

Foi un dos mellores saltadores a nivel nacional e tamén a nivel mundial. Tiven o pracer de coñecelo en persoa no seu momento e cando souben da noticia a verdade é que foi un golpe duro. O atletismo español non podía imaxina unha noticia similar. Non se agardaba.

Jean Marie OkutuComo estamos de nivel nesta disciplina en España? Hai bos saltadores pero, falta aínda un pouco de impulso?

O nivel de salto en España é moi bo. Temos a Eusebio Cáceres que dará moitas alegrías nestes próximos anos e despois tamén ven xente moi nova que hai que ter moi en conta, porque seguro que tamén escoitaremos falar moito deles.

Para rematar falemos de proxectos e falemos de futuro, cal é o teu obxectivo prioritario neste momento? Para que che desexo sorte neste intre?

Un dos obxectivos xa está cumprido! Agora hai que preparar ben o Campionato Nacional e chegar na mellor forma ó Europeo, onde se buscará un posto como finalista.

Grazas por ter conversado connosco Jean, e sorte entón para o Europeo!

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 30 de Xuño do 2014 | 11:35 a.m.

Outros temas de Dende a Bancada