publicidade hoxe
O verbo (VI) - Cabecera

O verbo (VI)

As perífrases verbais

Entendemos por perífrases verbais aquelas construcións formadas por unha forma verbal persoal e unha forma verbal nominal (participio, xerundio ou infinitivo), que forman unha unidade funcional dado que os dous elementos constitúen un único núcleo tanto verbal como de significado debido a que adoptan un significado unitario distinto á suma do de cada un dos dous verbos. As perífrases verbais van expresar ideas como a temporalidade, o modo ou o tipo de acción. Entre as dúas formas verbais poden figurar elementos de enlace como preposicións, conxuncións…

1. Tipos de perífrases verbais:

Atendendo ao significado expresado por esta estrutura verbal teremos tres tipos de perífrases: temporais, modais e aspectuais. Tamén engadiremos ao final o apartado de “perífrases pasivas”, que moitas das veces non son consideradas como perífrases.

1.1. Perífrases temporais:

Serán aquelas perífrases que nos van indicar o tempo, e dentro deste tempo teremos un tipo delas que simplemente nos marcarán a futuridade dun modo xeral e outras dunha maneira inmediata. O verbo auxiliado sempre irá en infinitivo.

1.1.1. Perífrases temporais de futuridade xeral:

*IR + INFINITIVO (reparar que en galego xamais irá no medio a preposición “a”)

Exemplo:

Chegou a primavera e axiña van xermolar as claudieiras

1.1.2. Perífrases temporais de inminencia:

*QUERER + INFINITIVO (sempre e cando o verbo auxiliado exprese fenómeno meteorolóxico)

Exemplo:

-Mirei cara ao horizonte e talmente quere chover

*ESTAR PARA + INFINITIVO

Exemplo:

-Está para saír unha nova novela negra galega

*HABER (en pasado) + (DE) + INFINITIVO

Exemplo:

-Houberon (de) caer naquela corredoira porque chovera abondo

1.2. Perífrases modais:

Serán aquelas que expresen a actitude do emisor perante a acción expresada polo verbo, xa sexa indicando unha obriga ou ben unha probabilidade.

1.2.1. Perífrases modais de obriga:

almofada*HABER (DE) + INFINITIVO

Exemplo:

-Has de empregar as almofadas queiras ou non queiras

*HABER QUE + INFINITIVO

Exemplo:

-Hai que podar os bidueiros antes que comecen a botar folla

*TER DE / QUE + INFINITIVO

Exemplos:

-Teño de ir pola peixaría por mor de ver se teñen pescada

-Mañá temos que podar os vimbios

*DEBER + INFINITIVO (cómpre termos coidado con esta perífrase porque será de obriga cando indique obriga o mesmo cá anterior e non hipótese)

Exemplo:

-Debedes de mercar unha baralla nova

1.2.2. Perífrases modais de hipótese (probabilidade):

*DEBER DE + INFINITIVO (cómpre termos en conta o visto na anterior)

Exemplo:

-Deberías aprender a tocar o berimbao

vimbios*PODER + INFINITIVO (sempre e cando o verbo “poder” non vaia co significado de “ser capaz de”, porque daquela non sería perífrase)

Exemplo:

-Poderías pasarme un buril para gravar aquela peza?

*HABER + INFINITIVO (sempre e cando indique probabilidade e non obriga)

Exemplo:

-Aínda se han meter nunha boa lea por mor de non calaren

1.3. Perífrases aspectuais:

Serán aquelas perífrases que teñan como referente o tipo de acción desenvolvida, xa sexa para indicar o comezo ou o final desta acción, se a acción está acabada ou en proceso ou ben se unha acción se repite varias veces.

1.3.1. Perífrases aspectuais perfectivas (que a acción está rematada):

*TER + PARTICIPIO

Exemplo:

-Xa teño visto aquel cavorco

merluza*LEVAR + PARTICIPIO

Exemplo:

-Polo que levo visto, non sabes o que é unha congostra

*DAR + PARTICIPIO

Exemplo:

-Non deches rematado aquela tarefa para a corta feira

*ACABAR / REMATAR / TERMINAR DE + INFINITIVO

Exemplo:

-Aínda acabaron de facelo trasantonte

*DEIXAR(SE) DE + INFINITIVO

Exemplo:

-Por fin deixaron de preguntar polo encoro

1.3.2. Perífrases aspectuais imperfectivas (expresan acción non rematada, que inda se está desenvolvendo):

*ESTAR / ANDAR/ LEVAR / CONTINUAR / SEGUIR… + XERUNDIO

ESTAR / ANDAR / LEVAR /CONTINUAR / SEGUIR A + INFINITIVO

Exemplos

-En cal das veigas están agromando / a agromar os grelos?

-O rapaz anda encirrando / a encirrar o can decotío

*SER A + INFINITIVO

Exemplo:

-Todas eran a lle preguntar polo entrecosto

1.3.3. Perífrases aspectuais incoativas (indican o comezo dunha acción e sempre levarán infinitivo):

*BOTAR(SE) A + INFINITIVO

Exemplo:

-O alumnado do curso de poda botouse a enxertar axiña

*ROMPER A + INFINITIVO

Exemplo:

-O caldo rompeu a burbullar ao momento

*PEGAR A + INFINITIVO

Exemplo:

-O touro pegou a bradar dunha maneira inaturábel

*COMEZAR / EMPEZAR… A + INFINITIVO

Exemplo:

-A brétema comezou a esvaecerse xa dende moi cedo

*POÑERSE / PÓRSE A + INFINITIVO

Exemplo:

-Puxéronse a fedellar pero non acharon nada de nada

*DAR EN + INFINITIVO

Exemplo:

-De súpeto deu en impar e non se cumpría de alento

*SOLTARSE A + INFINITIVO

Exemplo:

-O pícaro soltouse a andar antes do previsto

1.3.4. Perífrases aspectuais reiterativas (indican a repetición dunha acción):

*VOLVER (A) + INFINITIVO

Exemplo:

-Volveu a rezar as mesmas ladaíñas ca o día anterior

*TORNAR A + INFINITIVO

Exemplo:

-O leite non tornou a callar de novo

1.3.5. Perífrases aspectuais terminativas (indican a proximidade do final ou o final dunha acción):

*CHEGAR A + INFINITIVO

Exemplo:

-Deulle ben voltas pero chegou a sabelo de memoria

*ACABAR / TERMINAR / REMATAR… POR + INFINITIVO

Exemplo:

-Tras moito practicar, terminou por facer bailar o trompo

*ACABAR / TERMINAR / REMATAR… + XERUNDIO

Exemplo:

-Terminou barbeándose coa vella navalla do avó

1.4. Perífrase pasiva:

*SER + PARTICIPIO

Exemplo:

-Aquela beiravía aínda non fora rematada

Fraseoloxía:

*”Caer da burra embaixo” (decatarse de algo, rectificar…)

*”Estar posto/-a polo estado, polo concello…” (estar sen facer nada, non amosar interese por un traballo…)

*”Ter o demo no corpo” (ser unha persoa moi inquieta…)

*”Erguerse co galo” (espertar ou erguerse moi cedo)

*”Ser un Xan de ninguén que vai a ningures” (ser unha persoa de pouca valía, importancia, un miñaxoia…)

*”Ter unha lingua coma unha subela” (ser unha persoa moi dada á crítica dos demais)

Refraneiro:

*”Cando a lebre diga misa, o coello sexa abade e o raposo sexa frade, deixarei a miña casa e perderei a túa amizade”

*”Lúa nova tronada, trinta días mollada”

*”Maio ventoso… pró labrego fermoso e pró mariñeiro penoso”

*”Neve enriba da lama, vén a choiva e faille a cama”

*”O mariñeiriño da nosa ribeira, de día traballa e de noite peneira”

*”Quen ó lado do río mora, unhas veces ri e outras chora”

logo nosa escrita

Por: Carlos Loureiro Rodríguez
Publicado o 24 de Abril do 2015 | 11:20 a.m.