publicidade hoxe
O verbo (V) - Cabecera

O verbo (V)

O emprego do Infinitivo persoal (ou conxugado)

O infinitivo persoal é unha das formas máis particulares do noso idioma xa que, con puntuais excepcións, é practicamente exclusivo do galego-portugués.

Xa vimos con anterioridade que a primeira persoa sempre será o infinitivo do verbo -algo que o diferencia nos verbos irregulares do futuro de subxuntivo, que posúe as mesmas terminacións-, e consistirá en lle engadir á raíz do verbo as seguintes terminacións: -(a/e/i)R, -RES, -R, -RMOS, -RDES, -REN.

Cando se pode empregar o infinitivo persoal?

Como regra xeral deberemos dicir que se debe empregar sempre que no contexto onde apareza este infinitivo puider presentar máis dun suxeito para evitarmos calquera dúbida na interpretación, independentemente de que pareza máis obvio un suxeito ca outro.

Exemplo:

-Por chegar tarde non te vimos

Neste caso vemos que aparentemente o suxeito de “chegar” podería ser “ti” ou “nós”, algo que xa nos validaría perfectamente o seu uso, pero isto non quita de que puider ter como suxeito calquera outra das seis persoas.

Con todo, debemos empregar o infinitivo persoal nos seguintes casos:

Cando o infinitivo posúe un suxeito (expreso ou non) que sexa distinto do verbo principal

Exemplos:

-Non puidemos mallar o millo por non amañares o malladoiro

-Non che probaremos o combinado de non lle botares mentraste

-Non che naceron nada ben os nabos por descoidares a nabiña

Se o infinitivo presentase o mesmo suxeito ca o verbo principal pero fose antes e precedido de preposición

mexacanExemplos:

-Para saberes canto é un moio de viño pregúntallo a unha persoa maior.

-De non achares un mexacán pois trae outra planta calquera

Cando presente o mesmo suxeito ca o verbo principal, aínda que vaia despois, pero a unha considerábel distancia pola inserción no medio doutra(s) frase(s).

Exemplo:

-Preparade ben a ódega, apretade o monllo… para acadardes unha mellor seca do trigo

Cando depende dunha forma verbal en terceira persoa e impersoal, xa que vai ocorrer o que vimos no apartado e.1.

Exemplos:

-Cómpre aprendermos todas aquelas panxoliñas

-Sería ben necesario mirardes se o can ten parasitos

Xamais se empregará o infinitivo persoal en perífrases nin en complexos verbais dado que o suxeito do infinitivo xamais poderá ser diferente ao do verbo principal da perífrase, ou do complexo, e ademais practicamente sempre van xuntos.

Exemplos:

-Xamais paras de dicir necidades

-Queren saber onde deixaches o naipelo

Tampouco se empregará o infinitivo persoal cando se empregue cun valor imperativo, moi usado especialmente na lingua falada.

Exemplo:

-Veña, coller as peitugas e preparalas

O participio. Tipos de participios

Para formarmos o participio engadiremos á raíz do verbo a terminación -DO (cantado, comido, partido).

Tamén encontraremos verbos que soamente van presentar participios irregulares (dicir > dito; facer > feito; poñer / pór > posto; escribir > escrito; morrer > morto; ver > visto)

Pero encontraremos varios verbos que van presentar dous participios, un regular (acend-er > acend-ido) e outro irregular, xa sexa variando a raíz ou tamén a terminación (acend-er > aceso; cans-ar > cans-o)

A seguir veremos os principais verbos que presentan este dobre tipo de participios:

acender

acendido

aceso

bendicir

bendicido

bendito

calmar

calmado

calmo

cansar

cansado

canso

coller

collido

colleito

comer

comido

comesto

chocar

chocado

choco

desenvolver

desenvolvido

desenvolto/desevolveito

distinguir

distinguido

distinto

encoller

encollido

encolleito

envolver

envolvido

envolto/envolveito

enxugar

enxugado

enxoito

escoller

escollido

escolleito

escorrer

escorrido

escorreito

espertar

espertado

esperto

fartar

fartado

farto

fixar

fixado

fixo

gastar

gastado

gasto

limpar

limpado

limpo

maldicir

maldicido

maldito

murchar

murchado

murcho

nacer

nacido

nado

pagar

pagado

pago

prender

prendido

preso

quentar

quentado

quente

resolver

resolvido

resolto

salvar

salvado

salvo

tinxir

tinxido

tinto

toller

tollido

tolleito

torcer

torcido

torto

volver

volvido

volto

quenllaE non esquezamos que o participio é unha forma verbal que está moi próxima ao adxectivo e coma este pode concertar en xénero e en número con aquel substantivo ao que se refira.

Exemplos:

As mimosas xa están enxoitas

-As arandeiras están moi murchas

-O arroaz estaba medio comesto polas quenllas

Fraseoloxía:

*”Morder pola calada” (facer as cousas ou dicilas con disimulo)

*”Apandar co morto” (levar ou cargar coa culpa de algo que non se fixo)

*”Non lle coller un gran de millo no cu” (ser unha persoa moi presuntuosa)

*”Estar na corte e non ver as vacas / estar na horta e non ver as verzas” (non se decatar de algo evidente)

*”Estar vou non vou” (ser unha persoa moi indecisa ou estar a piques de finar)

*”Estar ou ser pesado/-a coma a roda dun muíño” (ser unha persoa moi cargosa, desagradábel…)

Refraneiro:

*”O que abusa da montura, non vai lonxe nin lle dura”

*”O cadelo e o meniño van a onde lle dean cariño”

*”O crego e o raposo, se perden a mañá, perden o día todo”

*”Sol madrugador, home rezador e muller cortés, eu renego dos tres”

*”Vale máis burro que me leve ca cabalo que me mate”

*”Home xornaleiro, nin boa meda nin bo palleiro”

 logo nosa escrita

Por: Carlos Loureiro Rodríguez
Publicado o 17 de Abril do 2015 | 12:13 p.m.