publicidade hoxe
O verbo (IV) - Cabecera

O verbo (IV)

Os verbos irregulares

Como se puido comprobar xa en temas anteriores a tendencia do galego é cara unha regularidade nos seus paradigmas verbais, pero con todo acharemos unha boa serie de verbos irregulares que veremos a seguir; pero antes convén facermos dúas precisións moi importantes:

D.1. A case total irregularidade vaise producir nos presentes así coma naqueles tempos que se forman sobre o chamado “tema de perfecto”, é dicir, a raíz coa que se forma o pretérito perfecto. En galego son catro tempos os que se forman con esta raíz: o propio pretérito perfecto, o pluscuamperfecto, o imperfecto de subxuntivo e o futuro de subxuntivo. Daquela, como se verá máis adiante, o importante é coñecermos esta raíz do perfecto porque para formar os outros tres tempos soamente lle teremos que engadir a correspondente terminación (-RA, para o pluscuamperfecto; -SE, para o imperfecto de subxuntivo e -R para o futuro de subxuntivo). Vexamos un exemplo:

O pretérito perfecto do verbo “saber” é “soub-en…”, polo que á raíz “soub-” soamente lle teremos que engadir as correspondentes terminacións (vogal temática + sufixos) para formarmos os outros tres tempos: “soub-era” pluscuamperfecto), “soub-ese” (imperfecto de subx.) e “soub-er” (futuro de subx.).

Non podemos tampouco esquecer que as terminacións do futuro de subxuntivo e as do infinitivo persoal ou conxugado son as mesmas polo que estes dous tempos coinciden nos verbos regulares, pero, como acabamos de ver, nos verbos irregulares non van coincidir debido a que o futuro presentará unha raíz e o infinitivo outra (a primeiro persoa do infinitivo persoal será sempre o infinitivo do verbo). Así teremos que o infinitivo persoal do verbo “saber” será “saber, saberes…” mentres que o futuro de subxuntivo será “souber, souberes…”

D.2. O futuro de indicativo así coma o condicional en galego serán practicamente sempre regulares, non como ocorre co castelán, e así teremos que do verbo “haber” serán “haberei, haberás…habería, haberías…”, do verbo “saber” serán “saberei, saberás… sabería, saberías…”… Sen embargo teremos que excluír o verbo “facer” que presentará as formas “farei, farás… faría, farías…”.

D.3. Principais verbos irregulares:

VERBO

Pres. Indicativo

Pret. Perfecto
(véxase D.1.)

Pres. subxuntivo

Caber (1)

caibo
cabes
cabe…

coub-en
coub-eches…

caiba
caibas…

Dar

dou
dás
dá…

d-ei (2)
d-eches
d-eu (2)…

dea
deas
dea…

Dicir

digo
dis
di
dicimos…

dix-en
dix-eches…

diga
digas…

Facer

fago
fas…

fix-en
fix-eches…

faga
fagas…

Haber

hei
has
ha, hai…

houb-en
houb-eches…

haxa
haxas…

Ir

vou
vas
vai
imos (3)
ides(3)
van

fun (4)
fuches
foi
fomos
fostes
foron

vaia
vaias…

Ouvir (5)

ouzo
ouves
ouve…

ouvín
ouviches…

ouza
ouzas…

Parir

pairo
pares
pare…

parín
pariches…

paira
pairas…

Poder

podo
podes…

puid-en
puid-eches…

poida
poidas

Poñer

poño
pos
pon…

pux-en
pux-eches…

poña
poñas…

Pór (6)

poño
pos
pon
pomos
pondes
pon

pux-en
pux-eches…

poña
poñas…

Pracer

prazo
praces
prace…

prougu-en
prougu-eches…

praza
prazas…

Querer

quero
queres…

quix-en
quix-eches…

queira
queiras…

Saber (1)

sei
sabes…

soub-en
soub-eches…

saiba
saibas…

Ser (7)

son
es (8)
é…

fun (4)
fuches
foi
fomos…

sexa
sexas…

Ter (9)

teño
tes
ten
temos
tedes / tendes
teñen

tiv-en
tiv-eches…

teña
teñas…

Valer

vallo
vales…

valín
valiches…

valla
vallas…

Ver

vexo
ves
ve…

v-in
v-iches
v-iu

vexa
vexas…

Vir

Veño
vés
vén
vimos
vides / vindes
veñen

v-in (10)
viñ-eches
v-eu
viñ-emos
viñ-estes
viñ-eron

veña
veñas…

 

1. Os verbos “caber” e “saber” en galego sempre presentarán “B” e non “P” na raíz (souben, soubera, saiba, couben, coubese, caiba…)

2. Ollo con estas formas porque a tendencia sempre é a empregar as formas incorrectas “*din” e “*dou”.

3. Sempre empregaremos na escrita estas formas e soamente se empregará “vamos” na forma correspondente do imperativo.

4. As formas do pluscuamperfecto, do imperfecto de subx. e do futuro de subx. son: “fora, foras… fose, foses… for, fores…”.

5. Este verbo non se emprega en gran parte de Galiza, pero é outra forma diferente do verbo “oír”.

6. Este verbo, que non deixa de convivir na lingua falada co verbo “poñer”, tamén presenta irregularidade no imperfecto de indicativo onde as formas son: “puña, puñas, puña…”. Nos outros tempos será regular “porei, porás, poría…”

7. O pretérito imperfecto de indicativo será “era, eras…”

8. Xamais se poderá empregar a forma “*eres” en galego.

9. O pretérito imperfecto de indicativo será “tiña, tiñas…”

acivro
autofalante
amorodo

10. Para os tempos de perfecto empregarase sempre a raíz “viñ-” (viñ-era, viñ-ese, viñ-er…)

Exemplos:

A verdade é que eu non che caibo nese recuncho

-É moi posíbel que nese acevedo non caiban máis acivros

-Non deu acabado de cortar a herba do adro

Poida que cada vez haxa menos alfándegas

Ides todo recto e a continuación colledes aquel atallo

-Cando ouzas o cantar da bubela, daquela estaremos en primavera

-Esa vaca xamais pare máis dun cuxo

-Xamais pondes os altofalantes no seu sitio correspondente

-Preparei os amorodos con nata cando me prougo

-Aínda que soubese aquelas andrómenas, non chas diría

-Cando esas cousas vallan para artellar, xa te aviso

-Aínda que te viu aturuxar, nada dixo…

Fraseoloxía:

*”Ser unha tarabela (ser unha persoa moi informal)

*”ser falso/-a coma as pesetas” (ser unha persoa falsa, mentireira…)

*”Chover coma a mexeira dun gato” (chover pouco)

*”Estar coma unha sardiña entre dous gatos” (estar en dificultade, en perigo…)

*”Non ter máis ca unha palabra” (que unha persoa é moi seria, moi honesta…)

*”Estar alegre coma unha pascua” (que unha persoa está moi contenta)

Refraneiro:

*”Ano de ameixas, ano de queixas”

*”Aproveita o que non presta, verás o que fai falta”

*”Bendigo a sorte dos galos, que a tódalas pitas teñen e a ningunha manteñen”

*”O que a can alleo dá pan, perde o pan e perde o can”

*”Lúa nova e lúa vella, baixamar ás oito e media”

*”O amor e a morte vencen ó máis forte”

 logo nosa escrita

Por: Carlos Loureiro Rodríguez
Publicado o 7 de Abril do 2015 | 12:10 p.m.