publicidade hoxe
O pronome persoal (II) - Cabecera

O pronome persoal (II)

Colocación dos pronomes persoais (C.D. e C.I.)

alambiqueTemos que dicir que os pronomes persoais átonos (C.D. e C.I.) por regra xeral sempre van enclíticos -pegados ao final- do verbo, polo que por regra xeral xamais deberiamos encontrar un pronome persoal átono comezando unha oración.

Exemplos:

-cambiáronlle o alambique / Sabela, mércame uns ananás…

CASOS EN QUE O PRONOME PERSOAL IRÁ ANTEPOSTO

E a seguir veremos todos aqueles casos, considerados como excepcións á regra xeral, nas que os pronomes átonos vaian antepostos ao verbo. Teremos que dicir que esta anteposición sempre virá provocada por algún elemento que vaia antes da forma verbal, que será o que obrigue a esa anteposición.

Exemplos:

-mercáronlle xa un chino / xa lle mercaron un chino… (neste caso vemos que a anteposición vén producida polo elemento “xa” anterior ao verbo)

Oracións nas que antes do verbo haxa adverbios

Neste caso temos que dicir que hai unha serie moi ampla de adverbios que conlevan a anteposición do pronome persoal.

cirolasExemplos:

-non me traias as cirolas até que estean cosidas / xa lles contaron que fixeras a primeira comuñón / aínda se lle nota abondo a corcova / sempre nos preguntamos polos nosos devanceiros / nunca nos explicaron o xogo da estornela

Pero tamén existen varios adverbios que soemos separar cunha pausa do resto da oración e conlevan moitas das veces a posposición, aínda que tamén podemos ver casos que estes mesmos adverbios forzan a anteposición, pero dando certo cambio de significado.

Exemplos:

-así gústame (dese xeito) / así me gusta (soamente desa maneira)
-mañá tráiochos (no día de mañá, de forma ambigua) / mañá chos traio (mañá sen falta)…

Outras veces un mesmo adverbio pode levar á anteposición ou á posposición segundo o significado puntual dese adverbio.

eirugaExemplos:

-logo cóntaslle a túa irmá o que é unha eiruga (logo = despois, en consecuencia) / logo che preguntarei a lección (logo = axiña)…
-agora ensínolles a seguinte exposición (agora = neste momento) / agora lles ensino a seguinte exposición (agora = axiña)…

Oracións nas que o verbo vaia precedido por cuantificadores e identificadores

Neste caso en xeral o pronome sempre irá anterposto.

Exemplos:

-todos me chamaron / todo o preocupa / con pouca cousa te conformas / tanta carraxe me produciu que axiña voltei / o mesmo me ocorreu a min o outro día / o propio catedrático o atendeu / ambos se interesaron polo seu estado / os tres lle dixeron o mesmo…

Oracións exclamativas e interrogativas

Tanto nas oracións interrogativas -soamente as directas- coma nas exclamativas o pronome persoal irá anteposto sempre e cando estas oracións leven antes do verbo algún elemento interrogativo ou exclamativo. En caso de que este elemento non exista os pronomes irán pospostos.

Exemplos:

-quen te ensinou a estivadar? / ensináronte a estivadar?
-como o fixestes? / fixéstelo así?
-que encabuxado se puxo! / púxose ben encabuxado, ho!
-que fachendoso te amosaches! / amosácheste ben fachendoso!

Oracións desiderativas (que amosan desexo)

O mesmo ca no caso anterior, o pronome irá anteposto se houber algún elemento para marcar a oración desiderativa, senón irá posposto.

Exemplos:

-oxalá me poidas convencer con argumentos / Deus cho pague, filliña…
-vállame Deus…

Oracións que veñen marcadas por unha focalización

Entendemos que un elemento está focalizado cando o que pretendemos é salientalo, facelo sobresaír. Cando ocorre isto cun elemento que vai antes do verbo o pronome persoal tenderá a ir anteposto.

Exemplos:

-ti mo dixeches (neste caso estamos salientando o “ti” -ti e ninguén máis ca ti) / dixéchesmo ti…
-o meu corazón che mando (salientamos “o meu corazón) / mándoche o meu corazón…

Oracións subordinadas

fervenzaNas oracións subordinadas o pronome persoal irá sempre anteposto ao verbo e soamente en raras excepcións, normalmente producidas por unha pausa tras a forma introdutoria da oración subordinada, pode aparecer a posposición.

Exemplos:

-non sabía que lles explicaras xa o que era unha fervenza/ non viñeran porque se esqueceran…

Colocación dos pronomes persoais nas perífrases verbais

Nas perífrases verbais (tanto con infinitivo coma con xerundio) o pronome persoal poderá ir co verbo principal da perífrase (antes ou despois segundo o visto anteriormente) ou ben enclítico ao infinitivo ou xerundio.

Exemplos:

-quéroa estudar / quero estudala / non a quero estudar…
-estana facendo / están facéndoa / non a están facendo…

Cando apareza calquera relacionante entre os dous elementos da perífrase daquela o pronome persoal pode ir co verbo principal, co(s) infinitivo(s) ou entre o relacionante e o infinitivo.

Exemplos:

-terás que darmo / terasmo que dar / terás que mo dar / non mo terás que dar…
-terala que saber cantar / terás que sabela cantar / terás que saber cantala / terás que a saber cantar /non a terás que saber cantar…

Fraseoloxía:

*”Chorar coma unha Madalena” (chorar moito)

*”Estar colorado/-a coma unha cereixa” (estar moi colorado/-a, coa cara moi encarnada)

*”Arder coma a neve” (acción de derreterse)

*”Andar coma o can e mailo gato” (levarse mal)

*”Arrotar coma frades” (estar moi farto de comer)

*”Estar alegre coma unha pascua” (estar moi alegre)

Refraneiro:

*”Viúva que moito chora ten ganas doutra voda”

*”As ganas de comer fan á vella correr”

*”Quen chega tarde nin oe misa nin come carne”

*”Quen está en casa allea, se ben está, ben estea”

*”O que non fuma nin bebe viño, o demo o levará por outro camiño”

*”Por dar un couce unha vaca non se lle pode cortar a pata”

 logo nosa escrita

Por: Carlos Loureiro Rodríguez
Publicado o 5 de Febreiro do 2015 | 11:20 a.m.