publicidade hoxe
O Patriarca do Teatro Galego - Cabecera

O Patriarca do Teatro Galego

O 2 de marzo de 1909 –baixo o fondo musical dun óleo con arrecendo aos verdes prados da vizosa parroquia de Lamas, A Estrada– os veciños de Sanlouzáns foron testemuña dun alumeamento moi especial. Un pereiriño que co lonxear do tempo faría da súa aldea un lugar universal.

Estudou na anovadora escola da Unión de Rubín. Alí aprendeu as primeiras letras. Os primeiros números. E alí tamén aprendeu que o mellor faro para impedir que os pobos tropecen é unha escola. As estradas da vida levárono ao lugar das Pallotas de Cercio, onde traballou de zoqueiro e tocou o cornetín e o baixo na banda de Mato.

Con vinte anos cumpridos desembarca na cidade das ideas, da liberdade, da cultura, cunha maleta e un soño, escribir e representar teatro galego. E abofé que o conseguiu. Moitas das súas pezas superaron a teatro cheo as cen representacións. Ían dirixidas ao grande público, á colectividade de emigrantes galegos que como unha marea humana enchían todos os recunchos desa Galicia Ideal que era Buenos Aires.

Dende o estreo de Se o sei… non volvo á casa no Teatro Maravillas (un 28 de decembro de 1938) ata a volta do dramaturgo a Galicia (no ano 1950), triunfa nos mellores teatros da Arxentina, Maravillas, Mayo, Avenida, Variedades, Liceo, Argentino, La Comedia de Rosario, Roma de Avellaneda, e tamén no Teatro Solís de Montevideo.

Sempre na compaña de Maruxa Villanueva, “a Raíña do alalá” e de Fernando Iglesias “Tacholas”, o actor máis grande que tivo Galicia. Velaí a tríade do Teatro Galego.

Volta á terra mais os tempos aínda non eran chegados. Faise practicante. Casa con Luísa García e xuntos comparten a súa vida no seu “Fogar de Breogán”.

Erguemos (máis unha vez) o pano do teatro de noso para festexarmos a súa magna obra. O Daniel das Pallotas, o Filósofo do Arado, Buxanciño, o último labrego da nosa dramaturxia foi o creador da primeira compañía de teatro profesional (sen subvencións de ningunha clase). O autor máis representado do teatro galego. O que estreou e dirixiu por primeira vez Os vellos non deben de namorarse (un 14 de agosto de 1941) no Teatro Mayo de Buenos Aires. Manuel Daniel Varela Buxán foi, en definitiva, o Patriarca do Teatro Galego.

Por: Xosé Luna Sanmartín
Publicado o 13 de Febreiro do 2015 | 11:15 p.m.

Outros temas de Da lectura e outras "Cousiñas"