publicidade hoxe
O demostrativo - Cabecera

O demostrativo

En galego temos tres series do demostrativo dependendo do maior acercamento ou alonxamento do(s)/da(s) interlocutor(es)/-a(s) e van funcionar como determinantes ou como pronomes, a non ser as formas do neutro que sempre funcionarán como pronomes.

Formas

As formas do demostrativo son as seguintes:

 

Masculino

Feminino

Neutro

Singular

este

esta

isto

Plural

estes

estas

 

Singular

ese

esa

iso

Plural

eses

esas

 

Singular

aquel

aquela

aquilo

Plural

aqueles

aquelas

 

Sempre teremos que desbotar como formas do masculino plural *estos, *esos e *aquelos, formas que proveñen do influxo do castelán.

Tamén cómpre lembrar que no espazo do galego existen moitas combinacións das formas do demostrativo na lingua falada (*iste, *aquil, *ises… *esto, *eso…) pero á hora de escribirmos teremos que sempre empregar as formas co cadro anterior.

-Sempre será obrigatoria a contracción das preposicións EN e DE con todas as formas do demostrativo.

 

ESTE

ESTA

ESTES

ESTAS

ISTO

EN

neste

nesta

nestes

nestas

nisto

DE

deste

desta

destes

destas

disto

 

ESE

ESA

ESES

ESAS

ISO

EN

nese

nesa

neses

nesas

niso

DE

dese

desa

deses

desas

diso

 

AQUEL

AQUELA

AQUELES

AQUELAS

AQUILO

EN

naquel

naquela

naqueles

naquelas

naquilo

DE

daquel

daquela

daqueles

daquelas

daquilo

ourioloExemplos:

-deste magosto sempre me lembrarei / vai encanar a auga daquel manancial / o niño do vichelocrego está tras desa matogueira / teño unha forte dor neste ombro / sigo a matinar naquel ouriolo

-Tamén cómpre dicir que o demostrativo se contrae co indefinido OUTRO, só que non contraerá coa forma neutra. Ademais estas formas xa contraídas tamén contraerán obrigatoriamente coas preposicións EN e DE. As formas son as seguintes:

 

ESTOUTRO

ESTOUTRA

ESTOUTROS

ESTOUTRAS

EN

nestoutro

nestoutra

nestoutros

nestoutras

DE

destoutro

destoutra

destoutros

destoutras

 

ESOUTRO

ESOUTRA

ESOUTROS

ESOUTRAS

EN

nesoutro

nesoutra

nesoutros

nesoutras

DE

desoutro

desoutra

desoutros

desoutras

 

AQUELOUTRO

AQUELOUTRA

AQUELOUTROS

AQUELOUTRAS

EN

naqueloutro

naqueloutra

naqueloutros

naqueloutras

DE

daqueloutro

daqueloutra

daqueloutros

daqueloutras

Exemplos:

-a marmelada facíase daqueloutra maneira / prepararon o melgacho naqueloutra tarteira / acabaron de colocar os parafusos naqueloutros mobles / pon a secar as pebidas daqueloutro xeito…

mazaroca
morcilla
padiola
parafuso

Con todo, tampouco sería un erro empregarmos as formas sen contraer por moito que sexan de menor uso (estes outros non o sabían…).

-Casos de uso especial dos demostrativos:

*Podemos empregar o demostrativo como se for un substantivo co significado de “encanto” “xeito”, “problema”, “eiva”…

Exemplos:

-guapo, guapo non che é pero ten o seu aquel / resolver ese problema tenche o seu aquel / sempre anda a matinar no mal, tenche unha boa aquela…

*Pode levar o significado de “con motivo de”, “por mor de”…

Exemplo:

-co aquel do seu aniversario trouxéronlle un ordenador novo…

*”Daquela” pode indicar tempo ou tamén consecuencia.

Exemplos:

-daquela ninguén saltaba ao campo cunha padiola / apenas estudaches e daquela suspendiches…

*Noutros casos vai aparecer indicando “de repente”, “de súpeto”, “entón”…

Exemplos:

-nisto entrou a directora pola porta e todo o mundo calou / con estas colleu a morcilla e púxose a xantar…

*A construción “a iso de” acada o valor aproximativo.

Exemplo:

-a iso das dez colleu o martelo e púxese a cravar as puntas…

*As formas “aqueloutro” ou “aqueloutra” soen empregarse na lingua falada para omitir o nome dunha persoa.

Exemplo:

-oe, aqueloutra, cando vas volver por aquí?

*As formas “aquelar” e “aqueloutrar” podemos empregalas como formas verbais indicando “amañar”, “arranxar”…

Exemplo:

-cómpre aquelar o arado para labrar mañá a leira…

*Tamén as formas “aquelado(s)” e “aquelada(s) poderemos empregalas como adxectivos co significado de “educado/-a”, “ben posto/-a”…

Exemplos:

-aquela nena nin lles respondeu… érache ben aquelada / foiche ben aquelado para o bautizo…

Fraseoloxía:

*”Ser coma un reloxo (ser unha persoa moi puntual)

*”Fuxir do traballo coma do lume” (ser unha persoa moi preguiceira)

*”Estar coma unha cabra” (estar louco/-a)

*”Traballar coma unha besta” (ser unha persoa moi traballadora, esforzada…)

*”Casar coma os paxaros por detrás dunha silveira” (amigarse, amancebarse…)

*”Ser fabas contadas” (ser algo puntual, mínimo…)

Refraneiro:

*”A mazaroca no muíño; e no bolso, o diñeiriño”

*”A sardiña en maio xa pinga no borrallo

*”Dálle Deus noces a quen non ten dentes”

*”Día de moito, véspera de nada”

*”En cama molida non se goberna a vida”

*”Non hai casamento pobre nin enterro rico”

logo nosa escrita

Por: Carlos Loureiro Rodríguez
Publicado o 17 de Febreiro do 2015 | 7:58 p.m.