publicidade hoxe
No día do ensino - Cabecera

No día do ensino

Principio a teclear sen saber realmente de que vou falar. Que perigo! Estou dentro do coche, na beiravía, co portátil apoiado no volante. Pola beirarrúa pasa unha señora, mira un momento o que estou a facer e apura o paso (é que vai chover dun momento a outro).

Non é a primeira vez que me ocorre (o de non saber de que vou falar) mais na escrita (como na vida) ás veces hai que arriscarse e tirar para diante. Enfrontarse a un folio en branco é coma enfrontarse nun partido de fútbol, todo pode suceder.

O de falar, despois de todo, sabido é que non ten cancelas. O que é verdadeiramente difícil é escoitar, iso si que ten mérito, ficar caladiño para logo se se pode, engadir algo interesante.

Arestora, vénme á cabeza unha frase que lle escoitei esta semana a Berasategui, o cociñeiro, que máis menos viña a dicir que “se na miña casa educáronme a non falar das “cousiñas” que sei, que vou dicir (léase, comentar) das que non sei”.

Ás nove teño pensado ir ao Teatro Principal a ver unha peza teatral da que me falaron pola mañá na pescadería. É orixinal de Cándido Pazó, As do peixe. Seica ris e choras sen cambiar de escena; ou sexa, que a obra ten a sal e a pementa da vida. Alá iremos.

Xusto agora que ía mandar o artigo ao noticieirogalego.com chégame un whatsapp. Trátase dun video para que reflexionemos sobre o ensino. Leva por título, Austin´s Butterfly, non está mal. Podédelo ollar na rede.

Teño lido (e estou dacordo) que o ensino que non chega a aprendizaxe, queda curta. E é que poderás ser un sabio, un excelente investigador, un extraordinario lingüísta ou un matemático de “Champions League”, pero o título de mestre acádase polo que os teus alumnos/as logran aprender.

Neira Vilas sempre conta que en Cuba cando suspende un neno, todo o seu entorno (mestres, compañeiros, amigos, familia, colexio, sociedade) solidarízanse, apóiano, colaboran con el, ata que supera a adversidade, porque entenden que o ensino, a educación, debe ser o máis importante asunto de estado.

Principia a chover, boa semana.

Por: Xosé Luna Sanmartín
Publicado o 1 de Novembro do 2014 | 1:20 a.m.

Outros temas de Da lectura e outras "Cousiñas"