publicidade hoxe
Naomi: “O primeiro que preguntei foi que era ese ruído, a resposta foi: ese ruído é Nova York” - Cabecera

Naomi: “O primeiro que preguntei foi que era ese ruído, a resposta foi: ese ruído é Nova York”

Finantial District_Wall Street_

Cun bule bule de bolboretas no estómago, e esa sensación difícil de distinguir a cabalo entre unha emoción desbordada e un medo terrible. Así recorda Naomi o seu aterraxe en Nova York fai agora tres anos. Dende entón, un sinfín de experiencias e unha gran oportunidade de medrar no terreo profesional. Pero tamén un obxectivo claro; regresar. Cando sexa posible, pero regresar.

Naomi Nome completo: Naomi Fernández González

Idade: 29

Profesión: Planner estratéxica

Lugar de nacemento: Lalín

Lugar de procedencia: Malta

Lugar de residencia actual: Nova York

Tempo de estancia: 3 anos

Quizais polo nome podería pasar desapercibida neste país, probablemente tamén polo idioma, xa que o pequeno acento hispano que lle pode quedar a un inglés máis que dominado, está á orde do día nesta cidade. Agora ben, ao que a escoite falar de como bota de menos a hora de comer na casa, ou facer referencia ao pouco que chove en Nova York, xa non lle quedan dúbidas; é galega. Moito.

Acabou na Gran Mazá buscando facerse un oco nun sector difícil, o da publicidade.  En Galicia fixo prácticas mentres estudaba, pero realmente comezou a traballar en Madrid despois de acabala carreira. As súas primeiras experiencias foron como executiva de contas en dúas axencias de publicidade; Shackleton e Grupo R. Non lle foi mal, pero logo de dous anos deuse conta de que non era cara aí cara onde quería enfocar a súa carreira.

Moitos deixaríanse levar pola inercia, pola comodidade, polo medo ó fracaso. Pero Naomi non. Decidiu cambiar o rumbo e comezou o Bootcamp For Account Planners na Miami Ad School, dito así parece que xa foi daquela cando marchou “facer as Américas” pero non, isto inda foi en Madrid. Alí formouse como Planner Estratéxica, e dende entón soubo que acadar o seu soño pasaba inevitablemente por marchar.

No 2010 colleu as maletas e cruzou a fronteira por primeira vez. Fíxoo con destino a Malta, onde estivo seis meses traballando como camareira para aforrar cartos e practicar o inglés, “si, seino, a Malta non se vai mellorar o inglés… Pero tamén quería sol, praia, bo tempo…” (Sincera é, iso non se lle pode negar!).  

Manhattan skyline_desde Dumbo_Logo de aforrar uns cartiños (e coa dose de praia cuberta para unha tempada), deu o salto definitivo, o que a levou ó outro lado do charco. “Vin porque non quedaban moitas opcións aí, pero vin ilusionada, con moitas ganas de chamar ás portas, de demostrar o que sabía facer e o que quería aprender. Esa ten que ser a actitude se queres conseguir algo: tes que tratar de ser positivo e entusiasmarte pensando no teu obxectivo. Se non transmites iso, é difícil que a xente crea en ti e che dea unha oportunidade. O camiño xa é difícil de por si, así que hai que intentar manter unha actitude positiva ó andalo”. Dende logo, non hai como ter as ideas claras.

Vin porque non quedaban moitas opcións aí, pero vin ilusionada, con ganas de demostrar o que sabía facer”

Flatiron building_Madison Square Park_E con esa actitude positiva, as ganas de triunfar desbordando e a ilusión dos comezos, Naomi propúxose sacarlle todo o partido á capital do mundo dende o principio.  “Estiven nunha nube de felicidade os tres primeiros meses: ía a clases de inglés pola mañá e logo collía a Lonely Planet e perdíame cada día por un barrio distinto. Ó ir a outro país sempre tes a sensación de non saber canto tempo te vas acabar quedando, así que eu propúxenme aproveitalo ó máximo. De feito, sinto que coñecín mellor NY en tres meses que Madrid en tres anos”.

Agora todo nestas rúas lle resulta familiar, pero non sempre foi así. “Cando cheguei vivía en Williamsburg, un dos barrios máis visitados de Brooklyn, a min dicirme Williamsburg daquelas era o mesmo que dicirme Cortegada (risas), non tiña nin idea de se vivir aí era bo ou malo. Agora boto a vista atrás e dáme a risa ó pensar que nun primeiro momento me deu inseguridade camiñar por esas rúas”.

“Cando o avión ía aterrar e se vían todas as luces da cidade, aí si que sentín medo ante a nova etapa que estaba a piques de comezar”

Aínda garda na memoria o momento no que chegou ó aeroporto “miles de taxistas ofrecéndose levarte á cidade, non os famosos taxis amarelos, non; outras compañías diferentes que poñen o prezo segundo lles ven o aire, se é a primeira vez que chegas, sempre te acaban estafando. Non recordo ben como fun á casa esa noite, só da sensación de bolboretas cando o avión ía aterrar e se vían todas as luces da cidade. Aí si que sentín medo ante a nova etapa que estaba a piques de comezar”.

Descanso para comer na terraza da axencia onde traballo_Case todo o que chega a Nova York, sexa polo motivo que sexa, queda hipnotizado por esta cidade. Hai de todo o que un se poida imaxinar e ademais ó grande. Os ollos non dan abasto para ver todo o que hai que ver e un séntese de repente moi pequeniño no medio dese ir e vir constante que nunca se detén.  Aturulloume durante moito tempo o estrés que produce a cidade en si, o ritmo que leva a xente, a velocidade coa que pasa todo, ata hai pouco non paraba de queixarme. Non é que agora me guste, pero en certo modo supoño que un colle o ritmo porque non queda outra: aquí ou espabilas ou marchas. É cruel, Nova York é moi cruel en moitos sentidos e faicho pasar realmente mal. Pero algo ten que fai que che encante ó mesmo tempo. A relación que un ten con esta cidade é masoquista. Curiosamente pásalle a moita xente: todos temos momentos de amor e odio cara Nova York”.

Se lle preguntas polo que máis lle chamou a atención da cidade a esta lalinense, a primeira resposta sorprende, ou quizais non tanto… “A primeira noite, logo de chegar do aeroporto, o primeiro que preguntei foi que era ese ruído, a resposta foi: que queres dicir? Ese ruído é a cidade, é Nova York”.

Lincoln Memorial_Washington DC_E como era de esperar, entre o estrés e o ruído, falar de calidade de vida resulta complicado. “O que ben sendo calidade de vida en Nova York é unha lenda urbana, aquí a xente vive para traballar as horas que fagan falta e cando un medra suficientemente no seu ámbito laboral e quere calidade de vida, marcha de Nova York”.

A xornada de Naomi comeza ás seis da mañá para saír a correr “e así deixalo feito, como diría miña avoa”. Almorza na casa e chega á oficina ás 9. Entre a súa casa e o traballo, un traxecto de media hora en metro, o cal está moi ben para ser Nova York. O seu horario vai (“en teoría”) ata as seis da tarde, cunha hora polo medio comer, “moitas veces faise en vinte minutos porque cada un come basicamente cando ten fame (risas), non hai un horario establecido, hai xente que segue máis o estilo americano de comer ás doce e outros coma min comemos á unha normalmente. Precisamente por non haber un horario establecido, pode que teñas reunións de doce a dúas, co cal tes que levar a comida á reunión ou comer antes ou despois”.

Casa Carrie Bradshaw Sexo en NY_en West Village_En termos económicos, esa idea preconcibida que temos da Gran Mazá,  non é equivocada. Asegura Naomi que se trata dunha cidade cara e que incita tremendamente ó consumismo. É certo que hai unha gran cantidade de posibilidades culturais de balde, pero malia todo non compensa os prezos do resto das actividades, nin do nivel de vida. “Unha das cousas que comecei a facer cando cheguei era levar o tupper na mochila e comer en calquera sitio mentres turisteaba. Facíao por aforrar e tamén por comer san, e sígoo facendo, sempre traio ó traballo a comida feita na casa”. Aínda así, ir o supermercado tampouco é a panacea, e a cesta da compra hai que mirala con lupa. Aínda que en termos xerais segundo nos conta, os salarios van bastante acordes co nivel de vida. O problema maior son os prezos da vivenda, cuns alugueres incriblemente altos, “gran parte do soldo medio vaise en pagala renda, que ademais aquí pódena subir sen control ningún, non existe subida do IPC como tal e se o dono quere subir $400 ó mes no momento de amplialo contrato, pode; e se non aceptas, a buscar outro piso”.

“Gran parte do soldo medio vaise en pagala vivenda, que ademais aquí pódena subir sen control ningún”

Consciente de que é un tópico, non o pode evitar, a maior diferenza? A comida, nin punto de comparación, asegura. Pero para alguén para quen a familia é tan importante como para Naomi, hai tamén outra fundamental, “o valor que se lle da á familia e ós maiores. Aquí a xente é moito máis individualista e independente. A familia é importante, pero non do mesmo xeito que para nós, non é ese piar fundamental que nos supón ós galegos”.

Magnolia Bakery de Sexo en NY_en Greenwich Village_E é precisamente este piar, o que máis bota en falta. A todos, sen excepción, e quizais en especial á súa compañeira de batallas. “Boto de menos a miña irmá cada vez máis, estraño a meus pais un mundo, e dóeme especialmente estar lonxe de meus avós. Iso doe demasiado”. Xunto con eles, cousas cotiás, as do día a día, esas que nos resultan de todo aburridas ata que deixamos de facelas, “esas reunións familiares que alongan toda a tarde e acaban en partidas de cartas ó quente da cociña. O ter tempo libre no que non sintas necesidade de facer nada. Simplemente estar. Conducir. Boto de menos á miña Zoa (unha cadeliña… non, mentira, un cadelón!). Boto en falta a improvisación nos plans; que non teñas que programar ver ós amigos con días ou semanas de antelación porque todo o mundo ten plans, quedar no momento e porque si, sen ter que facer nada interesante; simplemente un café (de máquina) nunha cafetería ou saír de cañas e que se alongue a noite ata as seis da mañá”.

“A xente é máis individualista e independente. A familia é importante, pero non do mesmo xeito que para nós,

Ás veces resulta incrible os recordos que levamos gardados aínda sen decatarnos, o de Naomi é case do ideario popular, “o xantar do mediodía no que ás veces hai que calar e darlle volume ó televisor porque sae a noticia do xabaril que fozou nunha leira. Antes poñíame nerviosa que houbera que estar en silencio mentres a televisión oubeaba. Agora ríome moito cando vou e sigue pasando o mesmo”.

Empire State ó fondo_Flatiron District_Iso si, por sorte, e aínda que pareza imposible, similitudes tamén as hai. O que máis lle recorda á nosa terra, ó seu Lalín natal, é a paisaxe. “Curiosamente, se saes da cidade e vas ó norte do estado, é súper parecido ó de Galicia. O estado de Nova York é moi verde todo o ano, aínda que o clima non se parece moito, os invernos son duros e neva bastante, pero chove pouco e no verán fai unha calor infernal”.

Deportista por natureza e activa como a que máis, Nova York descubriulle tamén unha nova paixón. Esta cidade incítate a facer cousas constantemente, e a pesares da parte negativa que iso leva consigo de non parar un minuto, ten tamén unha parte positiva. Eu por exemplo, comecei a correr en serio, sempre fixen algo de exercicio e ía ó ximnasio, a clases, etc. pero no traballo a xefa e mais outros compañeiros compiten en carreiras e metéronme ganas tamén, así que comecei a adestrar para a media maratón de Brooklyn, que xustamente é o día das letras galegas. O caso é que na última carreira de seis millas lesionei o xeonllo esquerdo e non sei se me dará tempo a recuperar e seguir adestrando”. E é que nunca se sabe onde se atopa a nosa vocación agochada!

Para ir rematando, non podemos deixar de tomar nota, recomendacións da casa? “Algo que a min me encanta é camiñar por Fort Greene e Clinton Hill en Brooklyn. Non son barrios tan turísticos, pero teñen un encanto histórico que transmite paz e sensación de non estar en Nova York. Ademais hai tendas e cafeterías moi chulas e as fins de semana montan unha feira que da gloria vela! Sempre recomendo tamén ir si ou si ó mercado de Chelsea, sobre todo se coincide con algunha festa tipo Halloween ou Nadal. É interesante como o decoran e sempre da curiosidade pensar cómo sería antes, cando era a fábrica de Oreo. Se o que interesa é ver algo diferente que aínda non aparece en moitas guías, recomendo ir escoitar á señora Marjorie Eliot, que da un concerto de jazz todos os domingos na súa casa en Harlem. Faino en homenaxe ó seu fillo que morreu hai anos e para ela é unha forma de facer os domingos menos tristes. Pon cadeiras pola casa adiante e a xente entra e dálle a vontade. E como tiro para o barrio, hai que deixarse perder por Bushwick e as rúas cheas de fábricas e graffitis”.

Manhattan skyline_desde Williamsburg_Tampouco se bota atrás se tivera que darlle un consello a alguén que estea pensando en virse para aquí, non o dubida, “adiante, que un ten que buscarse a vida onde pode ou onde quere, e medrar no que lle apeteza. E si, non é que sexa doado por motivos coma o visado, atopar piso, atopar amigos que te fagan sentir coma na casa, etc. Pero un ten que intentalo porque se tes esa inquietude por facelo, tarde ou cedo arrepentiraste se non o intentas”

En canto a volver a Galicia, a decisión está tomada. A intención desta morriñenta é volver á súa terra, e estar preto dese Lalín que tanto bota de menos. “Preséntasenos difícil para volver nun futuro próximo; iso xa o sabiamos antes de vir, pero a miña intención é volver, cando sexa, pero volver. Quero estar preto dos meus e non velos tan só dúas veces ó ano, así que retornar é a única opción que quero”.

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 22 de Abril do 2014 | 3:35 p.m.

Outros temas de Galegos por aí adiante