publicidade hoxe
Namorando paxaros - Cabecera

Namorando paxaros

Fiel cunha premisa como única confesión válida, os designios naturais. Crenza profunda nunha natureza sabia e auténtica, beizón para todo ser vivo, sen exclusións por taras, tamaño ou calquera outra característica individual ou colectiva.

Un home inmerso na filosofía da nai natura, mesmo orixinou no seu momento controversias e confusión, a diferenza entre persoa e filosofía, pois a confabulación era, e continua sendo tan profunda entre ambos, que filosofía e persoa se funden nun único ente.

Marcelino deixouse guiar e foi ao mesmo tempo un guía ideal, o seu profundo coñecemento e habilidade de mímese superaba á realidade, a súa foi unha cruzada a contracorrente dos seus semellantes, mentres ía oscilando no natural ritmo pendular.

Aínda que todas as datas tiñan significado durante a súa vital existencia, chegado xaneiro sobrevoaba no ambiente a vida ruda e agreste, cada intre era unha nova oportunidade para liberar o seu espírito nun universo sen límite, onde a interacción entre a realidade e a abstracción eran os alicerces da imaxinación.

Empregado a tempo total da sapiencia popular de antano, unha ciencia que tentaba acomodar coa súa propia experiencia e singular interpretación do mundo natural.

Co enroque das campás no derradeiro alento de cada ano, comezaba un xaneiro magnetizado por un desexo enfermizo de luz, intimamente relacionado co tremor do raposo arteiro e unha concatenación de feitos que desencadeaban expectación e máxima emoción en Marcelino.

O fenómeno máis esplendoroso era o coñecido coma o rechouchío con paixón, comezaba nunha lonxitude temporal que oscilaba do san Agatón a san Antón, era este o pórtico de preparación do mundo alado para a súa gran data.

Mañá e tarde unha garulada de adoración percibíase en toda a súa dimensión, milleiros e milleiros de paxaros estaban namorándose agardando o dous de febreiro, un día especial para os piadores.

Día e hora que comezaba co segundo despois da hora meiga, a realidade é que nese instante comezaba instintivamente a bocexar a cova da moura, nese intre polo aire penetraba dentro da cavidade a gran ara da moura.

Ara que no momento da súa acollida no interior da cova comeza unha radiación luminosa, queima mística cunha gama de colorido sen parangón e, arrecendo bravo a tesouro indomable no que se expanden todos os olores da natureza.    

Arde sen cesar a descoñecida substancia durante a dilatada noitebra, no alborexar un halo de inconsistente debilidade formase arredor da cova, unha desbordante multitude de paxaros namorados nunha entropía de sons e axitación para peteirar sen cesar.

Marcelino sempre foi fiel coa gran cita, observa en silencio, cavila e goza con tanto ser alado que se respecta nunha cerimonia inmemorial. Despois pregoa, xa casaron os paxariños e na ara a queima foi sublime, a natureza coma sempre non desilusiona.

O esplendoroso día da Candelaria segue sen defraudar, a súa vivencia é unha experiencia que non deixa indiferente a ninguén, un ensaio que a Marcelino levouno ao pórtico da inmortalidade, onde segue na actualidade mentres permaneza na lembranza da nai natura.

Por: Xosé Manuel Lobato
Publicado o 28 de Xaneiro do 2015 | 8:03 p.m.