publicidade hoxe
Na lembranza dun xornalista - Cabecera

Na lembranza dun xornalista

O outro día, ao pasar por Vilanova de Arousa, contemprei dende a ventá do meu coche un pequeno parque onde, nunha ocasión, van alá cáseque corenta anos, merendei un bocadillo de pan con plátano.

Este lugar leva arestora o nome de Julio Camba, o grande xornalista que gastaba nas súa crónicas un extraordinario sentido do humor, e que era quen de elevar unha simple anécdota á categoría de artigo filosófico-literario. “Cando un alemán admira unha catedral” –dixo nunha ocasión – “non se sabe se é o alemán o que mira para a catedral ou a catedral a que mira para o alemán”.

Daqueles veráns de mediados dos setenta, cando iamos aos baños a Vilagarcía, gardo infinidade de lembranzas, a Praza de Abastos, os xeados de limón do “Carrito da Ibicenca”, os paseos ata o “muelle”, a Praia de Compostela (ateigada de “picholeiros” que chegaban en tren), a Praia das Sinas (á que iamos a fin de semana), os cines Arousa, Fantasio e Cervantes.

Parabamos nunha rúa contigua ás Baldosas, na casa da Señora Lola, unha viúva dun capitán da Mariña Mercante. A casa posuía unha magnífica biblioteca con valiosos exemplares, con encadernación de luxo, da literatura universal. Entre eles, La ciudad automática, esa marabillosa homenaxe a Nova York, de Julio Camba.

Fronte da casa estaba a taverna, “Entra y verás”, que tiña como particularidade que as comandas á cociña, sita no primeiro andar, facíanas por un telefonillo e as tapas (os choquitos “en su tinta”) eran a especialidade, chegaban por unha especie de ascensor manual sito a carón da barra.

Por certo, contoume Xosé Neira Vilas que cando o autor de La Rana Viajera, andaba por Bos Aires (tiña 18 anos), sen cartos, trazou un plan perfecto para regresar a Galicia de balde, sen pagar a pasaxe.

Argallou dar un mitin anarquista para que o deportasen. E dito e feito. Escolleu minuciosamente o lugar, A Praza de Maio. Alí estaba a Casa do Governo, a catedral, o Banco da Nación… E largou o discurso.

Naturalmente, segundo tiña previsto, as autoridades competentes detivérono e metérono no barco. Obxectivo cumprido. Só houbo un pequeno problema, o barco non chegaba a Galicia, paraba en Bilbao.

Por: Xosé Luna Sanmartín
Publicado o 30 de Agosto do 2014 | 11:05 a.m.

Outros temas de Da lectura e outras "Cousiñas"