publicidade hoxe

Muíño de salgueiro

salgueiro

Daquela banda do río,
hai un salgueiro plantado,
para lle sacudir as moscas
a quen está do meu lado.

Así explicaba a cantiga tradicional unha das funcións desta árbore polifacética. É que valía para case todo por mor do doado que era traballar as súas pólas coa navalla. Adaptábase a calquera circunstancia que xurdise no momento. Así, facíanse con el todo tipo de aveños de labranza, dende xugos ou cangas ata arados ou grades, carros e muíños. Só cumpría ter tempo, maña e imaxinación para que aparecesen nas nosas mans esta grande variedade de enredos.

No caso do muíño, ademais do anterior, cumpría unha navalla e un regueiro onde botalo a andar. Pois non podemos enganarnos, a finalidade última do muíño, malia que facelo xa era un xogo, era ver andar ese rodicio de aspas, non só ese día senón tamén ao día seguinte e, se cadra máis.

Todo aquilo que oían de esguello nas súas casas ou axexaban no propio lugar, sobre esta roda que non paraba, metíalles cobiza de podelo construír e así ser, por un intre, tamén maiores. Non se esquece facilmente o misterio que gardaba o muíño alá dentro das súas paredes. Ese elemento que funcionaba durante todo o día e sobre todo de noite, gardando as súas quendas.

Vamos ó muíño, vamos,
miña cariña de rosa;
vamos ó muíño, vamos,
esta semaniña é nosa.

Estes muíños ou aceas, pois recibían a auga directamente do rego, que batía nas aspas dun rodicio vertical, facéndolle moverse, é moi propio dos lugares máis húmidos. Aparecen, feitos do mesmo xeito e coa mesma madeira cá nosa, na Bretaña francesa onde lle chaman moulin à eau, en zonas do Norte de Italia, onde se coñecen como moulinet  ou mulinello, en Portugal como azenha ou sarilho e en Navarra como molinete, aínda que o facían do mesmo xeito pero con canas de trigo cruzadas.

ASÍ SE FAI

MATERIAL: un pau de 20 cm de longo e 3 cm de diámetro, un pau de 30 cm de longo e 1´5 cm de diámetro, dúas gallas de 25 ou 30 cm e unha navalla.

TEMPO DE CONSTRUCIÓN: media hora.

ESTACIÓN: todo o ano.

Muíño de salgueiro paso 1Muíño de salgueiro paso 2Muíño de salgueiro paso 3Muíño de salgueiro paso 4

Fendemos á metade o pau máis gordo. Traballamos as dúas partes ata conseguir dúas láminas de 3 mm de gordo, tratando de facelas o máis iguais posibles. Na parte media delas facémoslle un encaixe de 3 mm a media madeira ata que, ao xuntalas, faga unha cruz perfecta. Deseguido, collemos o pau de 30 cm, que servirá de eixe para o muíño, e facémoslle un burato, coa punta da navalla, centrado e lonxitudinal, do ancho das láminas e, de longo, que teña o ancho e medio dunha lámina. Para facer isto, marcamos na pel o longo do burato. Deseguido, cravamos a punta da navalla en cada un dos extremos e dámoslle uns cortes lonxitudinais de extremo a extremo e imos quitándolle madeira ata que nos entre a aspa de xeito folgado. A seguir facemos a mesma operación, pero desprazando 1 cm cara a un lado, perpendicular ao anterior, para que a montaxe sexa máis doada. Para montar as aspas, primeiro metemos unha coa parte non fendida cara a fóra, de xeito que coincida a fendedura da aspa coa do eixo. Collemos a outra e metémola polo burato ata que coincida coa fendedura da anterior. Ao coincidiren, desprazamos a primeira aspa contra a segunda. Como, ao desprazárense, queda unha fendedura libre no eixo, metémoslle unhas cuñas xustas para así asegurar as aspas. Cortamos, dependendo da anchura do rego, o eixo á súa medida, deixando centrado o conxunto das aspas. Logo facémoslle un rebaixe de 1 cm de ancho, coa navalla, en cada extremo e, finalmente, buscamos o sitio apropiado e espetamos as gallas no leito do rego e poñemos o eixo derriba para que, ao bater a auga nas aspas, consiga movelas a xeito de rodicio de muíño.

Muíño de salgueiro

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 18 de Marzo do 2014 | 11:43 a.m.

Outros temas de Picaraxadas