publicidade hoxe
Moncho Lemos: “Entramos na casa da xente e acompañamos as súas vidas” - Cabecera

Moncho Lemos: “Entramos na casa da xente e acompañamos as súas vidas”

Moncho Lemos

E así, acompañándonos nas nosas vidas, leva a voz de Moncho Lemos máis dun cuarto de século. Non acostuma a chamarse crítico musical e asegura que hai moitos que saben máis ca el, pero aínda así, toda unha vida entre música e cine da para moito, para saber moito. Non ten complexos á hora de falar dunha canción ou dunha película, e cando remata o horario laboral dedícase ó que máis lle gusta, buscar novas cousas das que falar no programa seguinte.
Moncho Lemos Nome: Ramón Pérez Lemos

Un lugar: calquera lugar é bo se a compañía é adecuada. O lugar onde vivo, Brión, e por suposto o casco vello de Compostela.

Un hobby: escoitar música dese xénero que é o smooth jazz

Unha comida: Tortilla de patacas, churrasco e polbo.

Unha virtude: é unha resposta que deben dar os que me rodean, ás veces cremos que determinada calidade que posuímos é unha virtude e pode acabar sendo unha incomodidade.

Un defecto: ás veces son un pouco hipocondríaco.

Un soño: xa sabes iso de que deberías pedir que os deuses te protexeran dos soños cumpridos…”cando os deuses queren castigar ós homes, concédenlle os seus soños”.

Sei que non é sinxela a escolla pero, se tiveras que quedar con unha, serías quen de decidir entre o cine, a música e a radio?

A música é unha banda sonora permanente. Existe un tipo de música para cada estado de ánimo, situación… Subscribo un  slogan de hai algúns anos que dicía “sería terrible vivir sen musica”.

Que significou, e significa, a música na túa vida Moncho?

Sempre disfrutei da música, foi a que me permitiu comezar con 18 anos a traballar na radio como DJ e como locutor de radiofórmula e programas musicais.

Podemos dicir que es unha das persoas que máis sabe de música de Galicia… Aí é nada…

Non, iso seguro que non, coñezo a varias persoas con moitísimos máis coñecementos musicais, saber e criterio. Digamos que eu saio na radio e na televisión e entón o meu traballo ten unha notoriedade. Pero coñezo bastantes persoas que saben moitísimo máis de música ca min, con coñecementos para parar un tren! O que pasa é que non é sabido máis alá do seu entorno.

En que momento xurde esta paixón? Ven de cativo? Quen che inculcou o amor pola música?

Descubrín a música na radio, miña nai tiña un taller de costura e unha academia desas que se chamaban de corte e confección, e a radio da miña infancia, sempre prendida na casa, tiña radionovelas e música todo o tempo… Aí comecei a poñer música como banda sonora da miña vida.

Así é que se a música significou, a radio…

A radio foi unha afección, un hobby e tiven a sorte de facer do meu hobby un oficio, unha profesión… De neno e adolescente quería traballar na radio. A radio significou o feito de poder dedicarme ó que me gusta, e ese creo que é o mellor exemplo do que pode significar na miña vida.

Tamén fixeches televisión pero, pese a non saír do audiovisual, é un medio ben diferente. Que che ofreceu a TV?  

A televisión ten notoriedade e amplifica o teu traballo. Entendo que é un electrodoméstico que entretén e acompaña, sempre digo que a televisión é radio con imaxes (risas) Un pouco esaxerado, pero centos de horas de programas de TV son programas de radio feitos cunha cámara diante… Sempre comento que moitos programas de tv podemos escoitalos sen necesidade de mirar a pantalla, iso é a radio.

Moncho Lemos no programa da TVG Fondos ReservadosOutro elemento indiscutiblemente vinculado á túa persoa, é o cine, non? Outra gran paixón?

O cine chegou tempo despois de estar xa traballando na televisión, cun programa que naquel momento recibín como un encargo, o de poñer en marcha “Luces da Cidade”. Eran aínda os primeiros anos da TVG e eu xa facía crónicas de cine e reseñas, entón a partir de aí… Un pouco como xornalista de espectáculos e cultura fun camiñando cara o cine.

Que me dis desta frase; “O bo do cine é que durante dúas horas os problemas son doutros”, é de Pedro Ruíz. Dirías que nos fai falta o cine para esquecer a realidade?

O cine naceu nun barracón de feira… Polo tanto sempre foi evasión, unha atracción festeira como a noria, os carruseis ou mesmo aqueles espectáculos de freaks e seres deformes que percorrían as feiras, a muller araña, a barbuda, o home máis pequeno do mundo… O cine estaba nos barracóns o mesmo lado que eses fenómenos.

Que programa ou proxecto dos que levaches a cabo ó longo da túa carreira destacarías? De cal te sentes especialmente orgulloso e por que?

Poder traballar no que me gusta creo que xa é motivo suficiente para estar a gusto… Evidentemente nun traballo de tantos anos hai tempo para equivocarse moito e acertar ás veces… Ti falas de Pedro Ruiz, eu agora digo unha frase de José María García, “Se equivoca el que trabaja”.

Moncho Lemos co Dúo Máster de ValgaÓ longo de tanto tempo nos medios, ten que haber unha morea de anécdotas, cóntanos algunha. Algún momento ou vivencia especial desas que da esta profesión.

Xusto hai agora pouco menos dun ano foi o accidente de Angrois, eu estaba na praza do Obradoiro para retransmitir pola Televisión de Galicia o especial do 24 de xullo os fogos do Apóstolo. Xa sabedes o que pasou. Tiven que acabar contando como se baleiraba a praza, que houbera un accidente e todo o demais… E isto sen ter datos, porque non me podía mover de alí. Estábamos para a festa e acabamos en cuestión de minutos tentando reflectir o clima dunha desgraza.

Tivo que ser ben difícil… Precisamente a Radio e a Televisión Galegas foron a túa casa ó longo de todos estes anos. Sería a mesma persoa (e o mesmo xornalista) Moncho Lemos sen elas?

Evidentemente unha empresa onde levas traballando máis dun cuarto de século, marca a túa vida profesional.

Que che di a xente cando te paran pola rúa ou te recoñecen? Sénteste querido?

Moncho LemosSinto que acompañamos á xente. Entramos na casas da xente e acompañamos as súas vidas. Sempre digo que traballamos para entreter á xente, para facerlle a vida mais amable. Sempre me considerei máis un profesional do entretemento que da información.

Algunha espiña cravada? Algunha persoa á que che gustaría entrevistar, tema do que falar, proxecto que poñer en marcha…

Gustaríame ter a miña propia estación de radio, a miña propia emisora.

Dedicando a túa vida profesional a campos coma estes, que che gusta facer ó chegar á casa? A que dedicas o tempo de lecer?

Xa sabes que os que nos dedicamos a isto temos moi esvaídos os límites entre ocio e traballo. Sempre estás vendo cousas, oíndo, mirando, lendo… E parece que todo che serve de alimento. Anotas ou quedas con referencias que ves cando estás lendo ou escoitando algo e pensas; anda, isto podería servir para…

Máis razón que un santo! (Risas) E xa para rematar, non me podo esquecer dos clásicos… Unha película e unha canción?

Calquera dos milleiros de películas e cancións que sempre nos quedan pendentes de ver ou de escoitar.

Moitas grazas por conversar connosco Moncho. Moncho Lemos en Fondos Reservados

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 23 de Maio do 2014 | 1:58 p.m.

Outros temas de Plató Aberto