publicidade hoxe
Millán: “Entre cursos intensivos e cervexas alemás xa estou ben integrado, sehr gut!” - Cabecera

Millán: “Entre cursos intensivos e cervexas alemás xa estou ben integrado, sehr gut!”

Millan na praia de Lübeck, en Travemunde

Millán Abeledo é unha desas persoas, un deses valentes, coas cousas claras e forza máis que de abondo para conseguilas. Co seu violoncello como pasaporte e unha morea de plans que levar a cabo (soños non, realidades), Millán meteu todas as súas ganas nunha maleta e puxo rumbo a Lübeck, Alemaña.

Millan Abeledo

Nome: Millán Abeledo Malheiro

Idade: 24 anos

Profesión: Músico Violonchelista

Lugar de nacemento: Silleda

Lugar de residencia: Lübeck (Alemaña)

Tempo de estancia: 1 ano

Ata aquí o trouxeron as súas ganas de continuar os seus estudos de música nunha escola con prestixio, con antigüidade, con tradición. Quería estudar co que hoxe é o seu profesor. Quería ter un verdadeiro futuro como violonchelista. E cando as cousas se queren con esa forza, o destino pouco máis pode facer que poñerse nas túas mans…

“É unha sorte poder rematar aquí os estudos, estou moi ilusionado e teño moitas ganas de aproveitar esta oportunidade, non só musical senón tamén persoal”.Asegura coa modestia que caracteriza ós grandes.

Con todo, ahistoria da emigración de Millán comezara xa tempo atrás. No ano 2008, con apenas 18 anos, deixou a súa Silleda querida e colleu un tren con destino Zaragoza. “E que tren… Un “Estrella” dos vellos, vellos, incomodísimo”.

Por sorte, nada que ver a viaxe co que atopou á súa chegada, “disfrutei de tres anos mañicos moi frutíferos. Aprendín moita música, fixen moi bos amigos de todas as partes de España e entre as migas e o cierzo (para os que o descoñezan coma min, direi que é o vento típico de Zaragoza, conxelado en inverno e ardente no verán), coñecín á que hoxe é miña moza”. Ventos aparte, aproveitou o tempo, non me dirán que non…

Desembarco na capital

Despois destes tres anos a seguinte parada de Millán foi Madrid, onde o agardaba a Escola Raíña Sofía, todo un luxo. “A Escola sitúase na mesma Praza de Oriente, ou sexa, en pleno centro de Madrid. Era unha gozada estar estudando mentres podiamos ver unhas postas de sol que parecían un mesmo cadro de Velázquez, co Palacio Real debaixo. Ademais Madrid ofrece unha oferta cultural e musical de moita calidade. Espero que así siga sendo”.

Millan tocando na OrquestraE coma no xogo da oca, rematada a etapa na capital, tocou seguir tirando o dado, seguir buscado casilla na que caer. E desta volta, a casilla atopábase algo máis lonxe. “O que quería era finalizar a miña formación nun país que ten unha historia e cultura musical, dentro da música clásica se entende, que é referente a nivel mundial”. Máis aínda tendo en conta as oportunidades posteriores, “a oferta de traballo e as posibilidades de dedicarte dignamente ao meu mundo multiplícase por uns cantos centos aquí”.

LübeckSe botamos un ollo cara o momento musical no que se atopan un e outro país, á marxe da tradición (ou precisamente por ela segundo se mire), as cousas son ben diferentes. “Nas épocas de bonanza investíronse cartos en novos Conservatorios, baixo o meu punto de vista demasiados centros e pouco orden e planificación, creáronse novas orquestras e auditorios que permitiron unha educación musical moito mellor que a que había ata entón”.

Entón, cal é o problema? “Pois chega ó rematar os estudos, cando saes do conservatorio e te atopas coa dura realidade. Os auditorios están baleiros, o movemento laboral musical é moi escaso e, pola pola contra, miras cara Alemaña e ves que as cousas son moi diferentes. Aquí hai un plan pedagóxico nos Conservatorios directamente relacionado coa realidade laboral que ven despois. É dicir, prepárante para que poidas conseguir o mellor traballo posible e progresar despois. Agora si, hai que currar, non se regala nada”.

E precisamente iso é o que lle sobra a Millán; ganas de traballar, de estudar, de prepararse e de triunfar. Triunfos que xa conta por moreas a pesares da súa xuventude. No 2001 recibiu o primeiro premio do Concurso Nacional de Violoncello, organizado por la Asociación de Violoncellistas de España en Carcaixent. No 2011 o premio ó mellor bolseiro “Andrés Segovia – José Miguel Ruiz Morales” no ensino de violoncello impartido por Asier Polo en “Música en Compostela”, e ese mesmo ano un Accésit do primeiro premio no Concurso Nacional “Ruperto Chapí” en Villena (Alacante). Sen esquecer o máis recente que o recibiu hai apenas unhas semanas, o primeiro premio no Concurso Internacional Santa Cecilia, en Oporto. Premio que non só da boa proba do nivel ó que se atopa Millán, senón que ademais lle permitirá dar tres concertos no país veciño e un máis en París, ademais de grabar un disco, aí é nada. E estes son só algúns ós que facer referencia, moitos son os que nos quedan agora no tinteiro. Agora ben, a excusa perfecta para conversar con el de novo no futuro, non pensen que lle imos perder a pista a unha carreira como a súa! Iso si, todo sexa dito, os datos coñecémolos grazas ó seu pai,  xa lles dicía eu antes que os bos non tenden a presumir.

Millan nunha das lagoas de Lübeck

Quen ten un amigo…

Xa saben como segue, ten un tesouro! A eles lles agradece Millán ter superados os primeiros momentos en Lübeck. Sobre todo os primeiros cara a cara con esa lingua “de palabras interminables cheas de consonantes correlativas”. E é que ás veces,aínda que un pense que se defende… “Cheguei coas palabras básicas e pensando que sabía algo, pero non, que va, non tiña nin idea! Agora entre cursos intensivos e cervexas alemás xa estou ben integrado, sehr gut! (moi ben)”.

Por iso agradece ter contado con alguén aquí para dar os primeiros pasos. “Os músicos españois estamos espallados polo mundo adiante, así que tiña xa un par de bos amigos vivindo en Lübeck. A verdade é que me trataron como un rei e axudáronme moito ao principio: a matricularme, censarme, buscar piso… Todo isto en alemán é complicado! Ata para pagar no supermercado suaba…”.

Agora ben, a cidade gustoulle dende o primeiro momento, e mesmo atopou unha paisaxe máis similar a Galicia do que imaxinaba. “Lübeck é precioso, é unha illa rodeada de canles. Todo o centro é patrimonio da Humanidade e está moi coidada. É moi familiar, con pouca festa pero agradable”.

Aforro enerxéticoMillán na canle da cidade, que se conxela no inverno, acompañado dun amigo que foi de visita

Unha das cousas que máis lle chamou a atención ó noso amigo nada máis chegar foron os farois. Si, os farois. Ou máis ben a falta deles… “A partir das oito da noite as luces son mínimas e os farois están apagados, mesmo na praza principal e máis monumental de Lübeck. Está todo realmente escuro e agora cando volvo a Galicia fágome a pregunta, realmente é necesario tanto gasto de luz na rúa pola noite?”

Un tema complicado o da luz, non vaian pensar. É quizais un dos aspectos que máis marcan o noso día a día aínda que cando estamos aquí non reparemos nela, dámonos conto cando nos falta. Ou cando nos sobra… “Ó estar tan ó norte, no inverno temos moitas menos horas de luz, e no verán ás 4 da maña xa é día e os paxaros cantan coma tolos (ata que te tolean a ti). Ademais ó non haber persianas, os españois non o levamos moi ben…”.

Millan coa su familia cando foron de visita, no Hospital de LübeckMirando o peto

Como en todos os lugares, en Alemaña hai moitas diferenzas no que se refire ó nivel de vida dunhas zonas a outras. A zona na que vive Millán, segundo nos conta, non é das máis caras pero aínda así é unha das máis coidadas. “Cónstame que se trata dunha cidade que inviste moito máis en temas sociais que na mellora de infraestruturas, pero de todas maneiras o Casco Antigo, onde eu vivo, é Patrimonio da Humanidade e está moi coidado e limpo. Lübeck vive moito do turismo polo que se esmeran en ter a cidade preparada para o turista”.

Pode que en xeral os prezos sexan un pouco máis altos que en España. Xa saben, a nosa referencia habitual é a do café, aínda que igual a partir de hoxe introducimos unha nova. “Eu sempre tomo dúas referencias para calcular cómo de caro é un lugar: un café e un kebap. O café máis barato está en torno aos 1,50- 2 €. Por certo bastante malo… E un kebap pode roldar os 5”.

No supermercado os prezos están bastante igualados e podes encher o cesto por máis ou menos o mesmo que en España, aínda que loxicamente non mercando as mesmas cousas. “En especial bótase de menos o peixe fresco, os ovos da casa e o embutido. De peixe no súper, só podes atopar salmón conxelado e atún en lata, que por certo ven de Ribeira, (menos mal!) E tampouco hai Cola Cao, que tamén se bota de menos!”. A maiores dous clásicos; a empanada (recorden que é de Silleda) e o polbo.

Se falamos de cervexas a cousa cambia claro… “Hainas de todo tipo, e as mellores son as trigo, a verdade é que isto si que se agradece porque unhas cervexas sempre veñen ben para practicar con máis fluidez o ditoso idioma”. Iso, por suposto, todo sexa por integrarse!

Millán cun amigo tomando o típico viño quente para soportar o frío do inverno

O carácter alemán

Se tiramos de tópicos, todos temos unha idea ben clara, non si? Adoitamos pensar nos alemáns como persoas frías, cuadriculadas, máis ben serios e con cara de poucos amigos se me apuran… Claro que mellor non falemos de como seriamos os galegos se atendemos ós tópicos. A verdade é que iso de que son fríos é máis mito ca outra cousa, eu como estranxeiro síntome moi agradecido do trato que me dan a diario. Máis aínda cando saben de onde ven, “adoran España e ós españois, e chama a atención a cantidade de alemáns que falan español bastante ben. Están moi interesados na nosa cultura. Iso si, aquí as cousas levan o seu tempo e a confianza é outra cousa… pasar de colega a amigo cos alemáns é máis complicado, no meu novo grupo de amigos diría que os alemáns son contados, son de círculos máis pechados e é difícil acceder a eles”. As comparacións son odiosas pero, para que negalo… “Nós somos moito máis majos.

E moito máis ruidosos, iso tamén. “O ruído e o ambiente na rúa a partir das sete da tarde é outro dos cambios que máis se notan”. Será por iso que apagan os farois claro…

O Mercado de Nadal, un clásico

Millán acompañado duns amigos no Weihnachtsmarkt (Mercado de Nadal)Lübeck é unha cidade perfecta de fin de semana, perfecta para disfrutala, pequena, práctica e moi agradable para pasear. Iso é o que máis nos recomenda Millán se nos decidimos a coñecela. Un dos seus maiores atractivos é o Mercado de Nadal, o famoso Weinachtmarkt que se pon no mes de decembro na praza do Concello, “a nivel nacional é un dos maiores atractivos da cidade e todos os días da semana está cheo de ambiente, onde podes comer as típicas salchichas e aderezalo todo co típico viño quente, que aínda que ao principio pareza algo de tolos, ao segundo vaso non lle volves facer ascos, dalgunha forma hai que loitar contra o frío!”.

Un frío que Millán, polo de pronto, soportará un inverno máis, xa que a intención é quedar por terras alemás algún tempo máis e aproveitar as súas oportunidades. “Que como me vexo no futuro? Non o sei… Dependerá de moitas cousas persoais e profesionais. Creo que o mellor é deixarse levar e tentar de buscar a felicidade onde esteas”. E parece que aquí non está moi mal, non? Habería que saber o que conta o seu violonchelo.

 

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 18 de Xuño do 2014 | 1:12 p.m.

Outros temas de Galegos por aí adiante