publicidade hoxe
Mercedes Queixas: “Vivo rodeada de palabras, como todas as persoas, e gústame escoitalas, lelas, tocalas” - Cabecera

Mercedes Queixas: “Vivo rodeada de palabras, como todas as persoas, e gústame escoitalas, lelas, tocalas”

Mercedes Queixas

Pode que fora a maneira na que algúns dos seus profesores influíron nela, a que rematou levándoa á docencia. E de seguro que foi a paixón pola lingua e a palabra a que fixo que a materia escollida fora a Lingua e a Literatura Galegas. Con esta premisa, e despois de exercer como coordinadora en Laiovento e vivir en primeira persoa todo o proceso editorial, a escrita era case un destino obrigado. Sobre todo para quen a ve coma un refuxio, como un recuncho protector, coma un xeito de evadirse do mundo exterior. Ela é Mercedes Queixas, e ademais de todo isto é a secretaria xeral da Asociación de Escritores en Lingua Galega.   

Mercedes Queixas

Nome: Mercedes Queixas Zas
(A Coruña, 1968)

Un lugar: a praia das Salseiras (Caión- A Laracha- A Coruña)

Un hobby: ler con tempo (misión case imposíbel)

Un soño: a igualdade das mulleres

Unha comida: calquera que pase polas mans de miña nai

Unha virtude: a capacidade de traballo

Un defecto: a autoesixencia

Un soño: a igualdade das mulleres

Por que estudar Filoloxía? Que significa a palabra, a lingua para vostede e para a súa vida Mercedes?

Decidín estudar Filoloxía galega cando cursaba COU, estudei no Instituto de Monelos na Coruña e claramente foi influenza do labor de varios profesores, nomeadamente da profesora de lingua e literatura galega daquel ano. Eu entendo a palabra como esa chave que abre a nosa capacidade de intercomunicación, como a raíz do proceso de socialización, unha porta aberta ao coñecemento. Vivo rodeada de palabras, como todas as persoas, e gústame escoitalas, lelas, tocalas. Gústame observalas con atención para facelas miñas, deconstruílas para reconstruílas… Coido que reparo cada vez máis nas palabras para poder desatender os ruídos. Nos últimos anos a palabra actuou para min como refuxio protector e reparador de tanta agresividade exterior.

A palabra en xeral, e a palabra en galego en particular…

Si, gusto especialmente de darlles luz ás palabras de noso, partillándoas co meu alumnado, contribuíndo a amplificar o legado patrimonial oral e literario que tanto tempo estivo invisibilizado e estigmatizado. Gusto tamén de aceptar o pulso que ás veces as propias palabras me botan para trascender o seu significante e modelar novos significados a través da escrita.

Foi vostede coordinadora da Editorial Laiovento, cal foi o seu labor neste tempo? Como recorda aquela etapa?

Traballar no equipo de Laiovento aprendeume a coñecer, a querer e a valorar todo o que ten a ver co proceso de edición. Desde a recepción dun orixinal até o momento da entrada recendente do primeiro volume impreso. Un proceso que, para min, aínda hoxe non perdeu boa parte da maxia que encerra.

Ademais desenvolveu este labor ó pouco de rematar os seus estudos, non si? Foi o seu primeiro traballo? Que lle supuxo aquel contacto directo cos libros?

Os meus primeiros traballos remunerados foron como profesora nunha academia e como asesora lingüística nun estudo de dobraxe da Coruña. Mais, deseguido chegou a proposta de Francisco Pillado para me sumar como coordinadora a este proxecto. O seu catálogo de publicacións, visto máis de vinte anos despois, demostra que era e aínda é, un proxecto imprescindíbel para contribuír a enriquecer a oferta lectora e a normalización lingüística e cultural aínda en proceso.

Mercedes QueixasTivo que ser unha gran aprendizaxe. Por unha banda no que respecta ó funcionamento da industria editorial, e pola outra no que se refire a coñecer xente…

Efectivamente, así foi. Para calquera persoa allea ao mundo editorial, é difícil intuír ese proceso de conversión da escrita persoal, íntima e solitaria nun auténtico convivio de voces colectivas e intercambio de opinións a nivel público. Aquí é onde as palabras adquiren o gran protagonismo. Ese carácter de ágora converxente, de adro das palabras que unha editorial posúe, ten para min un alto valor humanista, cohesionador e económico para a sociedade.

E ademais, supón ter formado parte dun referente da edición galega como Laiovento, que supoño que é para sentirse orgullosa…

Orgullo e agradecemento para Laiovento sempre. Traballar en Laiovento significou aprender dos compañeiros do consello editorial, do persoal traballador da imprenta Sementeira, do proceso de distribución, do labor visibilizador (ou non) do libro galego de moitas librarías, das autoras e autores, das súas escritas creativas ou de investigación… Foi un traballo sempre enriquecedor na medida en que permitía estar ao día do pensamento narrativo, dramático e ensaístico case sen querer. Un luxo impagábel! Asemade, rematada esa etapa, síntome moi honrada tamén de formar parte do catálogo editorial de Laiovento, con varias das miñas achegas ao ensaio, xunto a autoras e autores referentes tanto desde unha óptica contemporánea galega como internacional. Laiovento é, para min, esa casa amiga a onde gustas de volver porque sabes que a benvida é sempre afectuosa e reconfortante.

Despois chegou a docencia. Cal é o seu obxectivo no que respecta ós seus alumnos? Ata que punto pode influír un mestre na formación dos alumnos?

O profesorado ten influído en min, especialmente na etapa do bacharelato, e posteriormente na Facultade de Filoloxía da UDC. Inconscientemente, ten contribuído para formarme, para ir construíndo un pensamento, asumir uns valores e non outros, concibir un determinado proxecto de país, etc. No meu caso, no meu labor docente, teño presente a procura de comunicación, diálogo e proximidade na relación co alumnado. Prácticas que vin levar a cabo a unha parte do meu profesorado; asemade, teimo en evitar aquilo que penso que non funcionou cando eu era estudante. Procuro que o meu alumnado consiga as competencias na materia que a lexislación impón, mais preocúpame cumprir outros obxectivos para min moi importantes como escoitar as súas preguntas, medos e incertezas. É fundamental, ao meu ver, axudarlles a analizar a realidade desde ópticas diferentes ás que reciben, dialogar con elas e eles, facelos partícipes das ensinanzas, porque sempre saben moito máis do que lles parece. Así é como eu tamén aprendo día a día e me contaxio da súa forza e enerxía.

Mercedes QueixasE no medio de toda esta relación directa coa Literatura, dende o aspecto editorial e dende o aspecto docente, o de escribir era case irremediable… Tiña que acabar chegando o momento…

Visto agora coa perspectiva que permite o tempo, a verdade é que parece que as curvas do camiño ían conducindo sen remedio cara á escrita como destino final. Escribir foi para min, desde a adolescencia, un acto moi persoal. Comecei a publicar xa adulta, dun xeito bastante fortuíto, non intencionado pola miña parte, grazas á petición do que logo foi o volume Os trobadores do Reino de Galiza, editado por A Nosa Terra. Escribir o meu primeiro libro e parir a miña primeira filla foron experiencias moi próximas no tempo para min. O tempo axudou a medralas. A partir de aí o tempo tamén se encargou de ir visibilizando a escrita dentro do campo do ensaio e con ela tamén ampliei os coñecementos ao redor da lingua e da literatura galegas. Con todo, entendo que a escrita é unha evolución, como a vida mesma, o que explica a distancia das publicacións anteriores co meu último traballo, Vivir, aventura irrepetíbel, unha biografía da poeta viguesa Mª do Carme Kruckenberg, que puiden reconstruír a partir das múltiples conversas mantidas con ela durante aproximadamente dous anos. Un luxo de experiencia vital e creativa para min, que nunca agradecerei abondo á poeta, e que puido ver a luz grazas á atención da editorial Galaxia.

Como escolle os temas sobre os que escribir? Que a levou a escribir sobre persoeiros da cultura galega? Por que eles?

Aínda que poida resultar estraño, na maioría dos casos foron propostas de traballo colectivo ou encargos editoriais, como os volumes sobre Frei Martín Sarmiento, Ramón Piñeiro ou Lois Pereiro, coincidindo coa dedicación do Día das Letras Galegas. Pola contra, a biografía sobre María do Carme Kruckenberg responde a unha curiosidade persoal sobre a súa vida e o longo proceso creativo da autora, que intuía ben interesante e de necesario coñecemento. E por suposto tamén á miña admiración pola súa obra. Outros traballos relacionados co ámbito da sociolingüística, da didáctica da lingua e coa normalización lingüística no sector do ensino, responden á converxencia entre o interese e a preocupación persoal e profesional.

Algún co que se sinta identificada? Algunha das súas obras da que estea especialmente orgullosa?

Sentinme satisfeita co resultado de todos os traballos porque, unha vez rematados, era consciente do avance na mellora das miñas aprendizaxes, das descubertas inesperadas, da posibilidade de partillalas con aquelas persoas que se achegasen a ler. Escribir axudoume sempre a entender moito mellor o presente, a desanobelar confusións históricas que explican que este país con tantas fortalezas non poida ser dono de seu. Ora ben, non podo deixar de recoñecer un afecto moi especial polo último libro, por esta biografía da que falabamos, xa que o procedemento de escrita foi moi diferente. O tempo de conversas con Carme, recibir a súa vida tan xenerosamente, que aceptase que eu a contara, compartir cada palabra, cada experiencia, cada fotografía, cada poema… Todo isto foi unha experiencia que nunca esquecerei, e que sei que nunca lle agradecerei bastante.

E cando se escribe sobre persoeiros doutras épocas e doutros momentos, inflúe o momento actual? Explícome. Inflúen no seu caso as súas circunstancias e a súa situación á hora de escribir?

Son da idea de que non é posíbel extrapolar realidades vividas noutro tempo á ollada actual. Isto é o que explica que nos custe tanto entender o alcance de pensamentos e actuacións doutro tempo, especialmente se non o vivimos. Se ás miñas fillas lles custa tanto entender como me podía comunicar coas amigas na miña adolescencia sen whatsapp, como vou ser eu capaz de comprender plenamente a Idade Media, por exemplo, coa distancia tan grande que existe e non só no plano temporal? Cada persoa debe ser inserida nun contexto xeográfico, temporal, económico e sociolóxico determinado, que axude a explicar a súa biografía. Nestes casos, ademais, o fundamental é analizar a obra propia e as vinculacións con autores e autoras coetáneas, que contribúan a definir o máis obxectivamente posíbel o que corre o risco de ficar unicamente en imaxinario colectivo.

Mercedes QueixasDi vostede que lembra da súa infancia un medio rural vivo, útil e necesario. Mantén esta descrición?

Manteño, si, e reafírmome nela. A miña infancia ofreceume un choque impactante: a cidade versus a aldea. Esta última era símbolo de lecer, de ausencia de normas estritas, de contacto co medio natural. A terra era fonte de alimento. Na Picota apañaba as cereixas e a Pinta e a Canela bambeábanme no carro cheo de herba fresca. En Leborís recollía o leite recén muxido por encargo da avoa. A Estación do tren era motor de vida en Meirama. Na aldea aprendín a lingua que meus pais gardaban para si convencidos de que o mellor era educarme na lingua dos poderosos e da cidade. Hoxe percorro os espazos da infancia e non os atopo porque foron engulidos polo que se dá en chamar modernidade e progreso. Urbanización ou cementación? E non é metáfora, topónimos da miña memoria de infancia só restan aí, na memoria; desapareceron tanto do mapa dos ollos como do topográfico, asolagados pola mina de lignito de Meirama. Non llelos podo amosar ás miñas fillas porque non existen fisicamente os espazos que lles daban nome.

Que importancia tivo na súa vida esta dicotomía cidade – aldea? E na súa obra? Na literatura galega en xeral?

Nacín e medrei na cidade mais a aldea sempre estaba presente, puntual cada cinco días e nos períodos vacacionais. Tiña dúas aldeas, o que non deixaba de abraiar a algúns compañeiros e compañeiras de escola, nomeadamente aqueles que xa perderan a aldea como referente das xeracións familiares. Non é unha variábel que teña influído na miña obra ensaística, mais o certo é que noutras experiencias creativas inéditas si que está permeabilizando as palabras, visionando persoas e escenarios que xa non me acompañan e evocando espazos e tempos que os obxectos conservados me axudan a fixar na memoria. Na literatura galega podemos tamén observar a evolución do mundo rural e urbano, o abandono do primeiro a favor do segundo. É a literatura o grande espello do tempo e das transformacións sociais e no caso galego non ía ser diferente.

Ademais de filóloga, docente e escritora, é vostede tamén a Secretaria Xeral da Asociación de Escritoras e Escritores e Lingua Galega. Fálenos desta asociación, da súa función e do seu obxectivo. En que consiste o labor da AELG?

A AELG foi fundada en 1980 e reúne nesta altura máis de 430 socias e socios. Traballa para a dignificación do oficio de escritor e escritora, así como da súa promoción e das súas obras, do fomento da interconexión entre eles e da interrelación con outros profesionais, quer sexa doutras literaturas quer doutras artes en xeral. Por outra banda, preocúpase tamén pola transmisión da cadea da escrita, por ofrecer un sistema lingüístico, literario e cultural propio no que asentar as súas raíces. Por iso a Escola de Escritoras e Escritores da AELG organiza periodicamente, en diferentes concellos do País, obradoiros de escrita creativa, guiados polas propias escritoras e escritores, para transmitir á sociedade, e moi especialmente á mocidade, a experiencia apaixonante do acto creador, tentando concienciar do imprescindíbel que é a estimulación creativa na escrita e o seu papel complementario na formación do individuo. Visibilización e formación serían dous eixos vertebradores do traballo da AELG que nestes anos conseguiu unha implementación social importante e necesaria como demostra o elevado volume de consulta diaria do seu web.

Mercedes QueixasXa para rematar Mercedes, aínda que sexa unha pregunta demasiado ampla e difícil de sintetizar, seino, como valora vostede a situación da literatura galega na actualidade? Coa visión de quen a escribe, a le, a ensina, e trata ademais de defendela a través do asociacionismo…

Eu vívoa con paixón e con moito orgullo, porque observo unha literatura que sempre foi quen de dar pasos adiante, de se superar no fondo e na forma, de construír referentes éticos para a cidadanía, de dar respostas e suscitar interrogantes ao lectorado, de gañar progresivamente lectoras e lectores cada vez máis novos e mellor formados, de contribuír a crear unha importante industria cultural galega sustentadora dun nada despreciábel capital económico e de postos de traballo para o noso País.

Parece que isto vai a ir seguido dun pero…

Si, así é, porque tamén a observo con preocupación, con moita preocupación. O índice de vendas diminúe a un ritmo moi significativo, a subministración de novidades ás bibliotecas públicas decreceu alarmantemente nestes últimos anos, non se percibe aínda por parte da Administración o desenvolvemento da Lei do libro nin de planificacións proactivas, ilusionantes que promovan o libro e a lectura como ben de consumo necesario ao alcance da maioría social, mais, no entanto, si se aplica un gravame impositivo inexplicábel a través do IVE que impide o acceso aos produtos culturais de moitas familias. Por outra banda, os espazos de visibilización do libro galego practicamente desapareceron por mor da crise dos medios de comunicación e da falta de convocatoria de premios literarios como os que se xestionaban desde concellos ou colectivos do asociacionismo cultural. Se a todo isto sumamos as escasísimas posibilidades que unha autora ou autor en galego ten de poder concibir o traballo da escrita desde unha óptica profesional e de internacionalizar a súa obra, é doado intuír un panorama de preocupación e desasosego. Nomeadamente ao pensar no cativo horizonte que enxergan as novas xeracións de escritoras e escritores, as mellores preparadas no idioma de noso por certo, que deberán tomar o imprescindíbel e irrenunciábel relevo xeracional.

Esperamos que así sexa, moitas grazas polo teu tempo Mercedes.  

O meu agradecemento, sempre, para vós, pola vosa atención e preocupación ao programar este espazo visibilizador na rede para as persoas creadoras de cultura en lingua galega.

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 18 de Xullo do 2014 | 8:50 a.m.

Outros temas de Encontros coa Cultura