publicidade hoxe
Mayka Braña: “Gústame entrar na casa da xente e chegar a formar parte da familia” - Cabecera

Mayka Braña: “Gústame entrar na casa da xente e chegar a formar parte da familia”

Mayka Braña

Mayka Braña é para moitos, para case todos, Sara. A Sara coa que cada semana ás nais galegas se identificaban ó sentar diante da televisión para ler ese “Libro de Familia” que é xa parte fundamental do audiovisual galego, da televisión galega e se me apuran, da historia de Galicia. Agradecida por ter formado parte dun proxecto coma este, Mayka é desas mulleres que se fixo a si mesma, desas que cando un as escoitala falar só pode pensar; “ben merecido que o tiñas”.

Mayka Braña

Nome: Carmen Braña Alonso (Marín)

Un lugar: unha cabana no Polo Norte agardando pola Aurora Boreal

Un hobby: ir ó cine

Unha comida: pasta coa salsa de tomate secreta da miña avoa

Unha virtude: a paciencia

Un defecto: a preguiza

Un soño: facer unha película de comedia tola

Moitas veces ós actores non vos gusta que vos identifiquen demasiado cun papel, pero nunha serie da repercusión de “Libro de Familia” é inevitable. A xente seguirá chamándote Sara pola rúa, e imaxino que neste caso ata se perdoará…

Non hai nada que perdoa, un actor sempre ten que dar o mellor de si mesmo, a cambio tamén se recibe moito e, ás veces, dirante moito tempo. O curioso é que a xente continúe sentindo fidelidade por esta serie, ese é un fenómeno que non se dá coa maioría dos proxectos que se fan nestes momentos. Se te fixas a xente xa non di que ten que marchar para a casa por riba de todo para ver algo concreto na televisión, e iso é o peor que lle pode pasar á nosa televisión que sempre se mantivo grazas a fidelidade.

A nivel profesional que supuxo Libro de Familia para ti?

Supuxo aprender moitísimo de moitos profesionais diferentes e cometer erros, medrar, gañar e perder, pero sen competir por nada, nin tan sequera por acadar máis audiencia.

Cando che deron este papel imaxinabas no que se ía converter todo aquilo?

Todos presentiamos unha gran acollida no momento da estrea da serie, pero non imaxinabamos estar a formar parte dun traballo que pasaría á historia.

Naquel momento ti levabas xa anos entre os focos, non só en televisión senón tamén en cine e teatro, como foron aqueles comezos? Creo que na túa casa ademais non sentou moi ben aquilo de “mamá, yo quiero ser artista”…

Efectivamente, ninguén poderá dicir xamais que me regalou nada! Nin tan sequera o apoio moral necesario (risas). Cousa que entendo porque iso de querer ser actriz soaba a extraterrestre! Incluso os comezos, que serían ós seis ou sete anos no colexio facendo teatro, recórdoos difíciles, porque era unha nena moi tímida e custábame un mundo falar en público. A cambio tiña moi boa memoria e unha grandísima teimosía. Bastou con que pensara que nunca ía ser capaz de facelo, para loitar con todas as miñas forzas por poñerme enriba do escenario. Xa ves que a miña primeira batalla foi comigo mesma! Despois descubrín que dentro dun personaxe podía superar calquera cousa, e aí sigo.

Mayka Braña nunha das súas interpretaciónsSeguiches adiante co teu soño e recibiches formación en interpretación, foi moi sacrificado todo o proceso?

Traballaba nunha oficina en Marín de 9 a 2, chegaba á casa, comía algo e saía pitando para estar ás 4 na Universidade de… Coruña! Alí foi onde fixen o Máster en Estudos Teatrais e Cinematográficos. Así catro días á semana durante ano e medio… Ata o coche acabou rompendo! Pero de aí saíron un par de anos de traballo en Mareas Vivas e xa que tiña que seguir indo a Coruña para gravar, pois decidín facer un curso de dobraxe que me levou uns meses e que tamén aproveitei ben.

Dende logo non perdiches o tempo, décheslle importancia á formación…

Si, seguín formándome todo o que puiden! De feito, un tempo despois fixen un posgrao en Arte Dramática na Universidade de Santiago, onde aprendín actividades tan dispares como a esgrima. E tamén ensinanzas que empreguei máis tarde como por exemplo, a de escribir guións. Tamén recordo que neses tempos fixen unha axenda coa dirección de todas as produtoras de Madrid e preparei portfolios para deixarlles.

E vaia maneira tiveches de deixarllos, non?

(Risas) Dinme conta de que indo en metro tardaría moito! Así que fixen un mapa co percorrido máis axeitado e aluguei un taxi (co seu taxista incluído, claro) por todo un día. Acabamos esgotados os dous! Pero era máis barato que pasar en Madrid varios días! En conclusión, supoño que todo o proceso foi sacrificado, pero fun moi feliz.

Mayka BrañaCando se che presentou a posibilidade de facer un papel coma este, que se prevía que ía ser un éxito, que pensaches? Que sentiches?

Pois mira ti que non o escoitei á primeira sequera… Supoño que pensaba que non podía ser verdade despois de todo o que tiña pasado! A ver, voume explicar; ós quince días de facer o casting chamoume a directora para dicirme que fora ó día seguinte para darlle a réplica a un actor. Eu díxenlle que non me viña moi ben avisándome así con tan pouca antelación e entón ela tivo que repetirme algo que eu non escoitara nun principio, “mira que ti es a escollida para o papel, e necesitamos probar ó que fará do teu home, así que tes que vir mañá para darlle a réplica a outro actor”. Nese momento o que pensei foi que acababa de quedar como unha parva diante da directora e volvín o local no que estaba cuns amigos sen dicirlle nada a ninguén. Coido que fun para a casa flotando! Ó día seguinte estaba pletórica. Aínda que eu só tiña que dar a réplica e non ían gravar a miña parte, levei a mesma roupa que levara ó casting, por si acaso! (Risas)

E a nivel persoal? Tamén neste senso significou moito porque no teu caso si que marcou tamén o comezo do teu propio libro de familia, non? (Risas) Como foi ese momento no que te decatas de que estás embarazada, apenas uns días despois de que che deran o papel de Sara?

Foi a maneira máis rápida de que me dera en toda a cara a frase “a vida é o que sucede cando ti tes outros plans”. Pero bueno, inda que ó principio foi un shock para todos, a verdade é que se os nenos veñen cun pan debaixo do brazo, este trouxo unha fogaza das boas! Foi unha grandísima lección de vida e a posibilidade de traballar xuntos durante os seus primeiros nove anos coido que ningunha outra actriz o pode dicir.

Mayka Braña no Empire State

Sara non ía ter máis rapaces, pero Mayka quedou embarazada e unha cousa levaba irremediablemente á outra! Supuxo unha dificultade engadida para ti rodar durante o embarazo? Ansur debe ser o actor máis novo da historia, pasou da barriga ó estudio…

Cando lle pregunten a que idade empezou el a traballar poderá dicir; “ós menos un” (risas). Dificultades, se as houbo, non as recordo. Tiven un chófer e unha asistente persoal que se adiantaba a todas as miñas necesidades. Só con mirala xa saía que necesitaba auga ou que me axudase a subir as medias. Sentinme moi coidada e mimada por todo o equipo e foi moi especial, sabía que era unha privilexiada. O realmente duro veu despois, ós poucos días volvín a traballar e aquilo foi como a carroza que se converte e cabaza. Noites sen durmir, moitas secuencias que estudar, madrugar, conducir doéndome os ollos, e ó chegar xa no había ninguén para mimarme! E todo o día sen ter tempo nin para sacar o leite… As esixencias, como é normal eran igual para todo o equipo pero eu tiña que esforzarme o dobre ou o tripla e así durante varios meses. Foi outra proba de superación pero desta si que saín un pouco tocada… Os posteriores embarazos de dúas compañeiras xa se puideron levar doutra maneira, por sorte para elas!

Mayka BrañaFalemos de cine Mayka, xa fixeras outros papeis, pero o teu salto a gran pantalla veu con Vilamor, de Ignacio Vilar. Fuches tamén a nai do protagonista, que pasa? Transmites ese sentimento maternal? (Risas)

Pois eu tampouco o entendo. Houbo unha época na que só me collían para enfermeira, cousa coa que tampouco me identifico para nada! Pero o de nai é peor porque é un rol que detesto (risas). O que pasa é que teño que defender a morte ós meus personaxes, me gusten máis ou menos, teño que amalos para poder transmitilos.

Mellor na televisión ou no cine? E o teatro? Onde estás máis cómoda?

Mellor na televisión. Porque me gusta entrar na casa da xente e chegar como a formar parte da familia. Teatro fai moito que non fago pero fai uns meses interpretando a Morgana, nunha performance da rúa en Pontearnelas Medieval, e interpretando un anaco de Lady MacBeth para a vídeocreación “Crea. María Casares”, volvín sentir a súa maxia. Pero iso, o que che digo, máis cómoda estou na televisión porque sinto menos presión e polo tanto, máis liberdade para investigar.

E se falamos de xéneros? Cal é o xénero que máis che gusta? E aquel que che quedaría por facer?

Estou convencida de que estou feita para a comedia, sobre todo xestual, pero por algún estraño motivo isto só o penso eu! Gustaríame facer tamén unha gora, e unha de zombis. E de psicópata. E de mala malísima. E unha de suspense. E… (risas).

Vou un pouquiño máis alá, algún papel concreto que soñes con facer? E algún director co que che gustaría especialmente traballar?

Se é por soñar, encantaríame traballar con Emilio Martínez-Lázaro. E facer un personaxe que durante toda a película parece unha cousa e no último segundo sexa todo o contrario.

Mayka Braña caracterizada no papel de Morgana, para o teatroComo están agora as cousas Mayka? O audiovisual galego (coma o resto) está a pasar un momento complicado. E ademais, xusto no momento no que mellor se estaban a facer as cousas, non? Co talento e as ideas que temos, volveremos atrás por mor desta crise? Cal sería a solución?

Pois logo dunha época de pesimismo total, agora empezo a confiar outra vez no futuro. Coido que os que o teñen que facer daranse conta de que non todo vale e de que tanto low-cost pode pasarlles unha factura demasiado cara. Efectivamente, na nosa terra sóbranos creatividade e talento para sacar as cousas adiante, só precisamos a implicación das partes necesarias. O máis intelixente é aprender dos erros propios, observar os métodos que funcionan noutros países, e adaptalos ás nosas posibilidades, que seguro que as temos. Temos que promover un sinal de identidade, unha marca propia que nos identifique de cara ó resto do mundo. Estase empezando a falar do audiovisual galego fora das nosas fronteiras, ben, pois agora é cando necesita un pulo, coma o bebé que empeza a camiñar; con agarimo, con firmeza e con orgullo.

En qué andas metida ti nestes momentos? Algún proxecto en mente? Contounos un paxariño que andas explorando unha nova faceta…

Pois estou nun momento de reciclaxe profesional, sobre todo por necesidade persoal… Volvendo a facer seminarios e coñecendo novas técnicas, outras perspectivas e, en definitiva, abrindo a mente e ampliando horizontes. Sinto que me estou enriquecendo con experiencias moi gratificantes. Nestes momentos estou coa gravación da webserie “Clases de lo Social”, do director pontevedrés Pablo Cacheda, que sairá cara final de ano. E con respecto á faceta da escritura, que é algo que me apaixona dende sempre, teño un problema, que me falla a disciplina, o que quere dicir que teño todos os proxectos a medias. Por sorte logrei rematar a película documental “Castelao vive en Pontevedra”, e a súa rodaxe está prevista para Outono nesta fermosa cidade.

Mayka Braña posando diante dun gran mural

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 9 de Maio do 2014 | 1:19 p.m.

Outros temas de Plató Aberto