publicidade hoxe
Marín acolle o Campionato de España de Baloncesto Júnior e deixa o pavillón ben alto - Cabecera

Marín acolle o Campionato de España de Baloncesto Júnior e deixa o pavillón ben alto

Marín Peixe Fresco Júnior

Con este van xa tres edicións do Campionato Nacional Júnior de Baloncesto que se celebra en Marín. Cada vez máis a cita convértese en ineludible para os afeccionados a este deporte, xa que aquí se dan cita as novas promesas do basket, e quen sabe, igual hai algún que outro Pau Gasol por descubrir. Con Pablo Alonso, director deportivo do Marín Peixe Fresco, falamos sobre o desenvolvemento da cita e sobre a actuación dos anfitrións, que deixaron o pavillón, e nunca mellor dito, ben alto.

Pablo Alonso, director deportivo Marín Peixe FrescoEn primeiro lugar teño que preguntarche pola vosa actuación neste Campionato Nacional Pablo, como valoras a actuación do Marín?

Pois a valoración é máis que positiva. A verdade é que competimos impresionantemente ben, de feito nin nós mesmo contabamos con competir tan ben. Estivemos a un nivel moi bo e non podemos estar máis que estar satisfeitos e orgullosos co traballo feito.

Finalmente quedastes sétimos, e por diante dunha das mellores canteiras de España…

Así é. Quedamos nunha sétima praza que significa moito, máis tendo en conta os nomes que están aí… Sen ir máis lonxe o sexto clasificado é o Manresa, e o quinto o Barcelona, ou sexa que… Xogámoslle de cara ós equipos máis potentes e efectivamente, quedamos por diante do propio Joventut de Badalona, que é unha das mellores canteiras de España e que viña defendendo o título que acadara no ano 2013. Así que contentos, moi contentos.

E é que o nivel era moi alto…

Son en total 32 equipos. Os 32 equipos máis fortes de España e moitos con presenza e ACB.

Os equipos máis fortes e as promesas do baloncesto tamén…

Si, iso é quizais un dos maiores reclamos, o feito de poder ver a xogadores novos que o día de mañá serán os que trunfen neste deporte a nivel nacional. En canto a xogadores galegos podemos destacar a Jonathan Barreiro do Real Madrid e a Álex Mazaira do Barcelona, dous exemplos de deportistas de aquí da casa que están a triunfar e moito e que seguro que darán que falar.

Campionato de España de Baloncesto Júnior (Marín 2014)E no que se refire ó campionato en si, ó que é a organización, como foi a cousa? Como o valorades? 

Pois moi ben. Para nós estes eventos sempre son positivos, aínda que supoñen tamén un gran esforza evidentemente. Non se trata de que esta semana sexa dura, nin do traballo que hai que facer nestes sete días, trátase sobre todo da organización previa, e do mes e medio que levamos preparándoo todo. É xa o terceiro ano que o poñemos en marcha e as esixencias da Federación son moitas, así que require moito tempo e traballo.

Pero cando un ve o resultado supoño que pagará a pena, porque a xente responde, non?

A verdade é que non nos podemos queixar porque durante toda a semana a resposta do público foi moi boa e tivemos o pavillón a tope. Iso é o máis importante para nós, claro, que a xente veña ó pavillón e disfrute do evento.

E para elo tendes tamén actividades paralelas, non si?

Si, xa fixemos a Festa Infantil na Alameda, e hai actividades todos os días para invitar á participación. Loxicamente cando máis xente hai e polas tardes, pero ó longo de todo o día se ve movemento e as actividades complementarias tamén axudan.

Campionato de España de Baloncesto Júnior (Marín 2014)E iso tamén se reflicte a nivel do club? Notades que se incremente o número de rapaces?

Si, a verdade é que si. Dende hai tres anos para aquí, dende que comezamos a celebrar o campionato, si que é certo que tivemos un boom importante de rapaces, e sobre todo, de rapazas. Cada vez son máis os que se achegan ás escolas e queren probar e cada vez temos máis equipos femininos en todas as categorías. Hai uns anos apenas había nenas pero agora por sorte cada vez anímanse máis.

Tendes apoios suficientes? Ou botades en falta máis respaldo institucional?

Home, por querer sempre queres máis apoio, non? Pero tamén é certo que son tempos difíciles e somos conscientes da situación e demais. Pola nosa parte estamos pendentes de acadar un patrocinador que temos aí… E que sería importante, claro.

E se falamos do primeiro equipo Pablo, como valorades esta primeira tempada en Adecco Prata, a categoría bronce do baloncesto español como se adoita dicir?

Pois para nós a tempada foi moi positiva porque acadamos a permanencia que era o obxectivo fundamental e polo tanto podemos dicir que foi un éxito. Tiñamos un equipo creado a partir da nosa propia base, practicamente o mesmo equipo da tempada pasada salvo algúns fichaxes que nos completaron, e logramos manternos que era o que queriamos. Así que nese sentido satisfeitos tamén.

Afección no Campionato de España de Baloncesto Júnior (Marín 2014)

Fotos: Marín Peixe Fresco e J.G Márquez

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 9 de Maio do 2014 | 6:40 p.m.

Outros temas de Dende a Bancada