publicidade hoxe
María Mariño: “A esgrima é un deporte que esixe moito tanto física como mentalmente” - Cabecera

María Mariño: “A esgrima é un deporte que esixe moito tanto física como mentalmente”

Maria Mariño, campiona de España 2013

María é probablemente das poucas deportistas no noso país que pode dicir que foi campiona de España da súa modalidade en todas as categorías. E non é dicir pouca cousa. Colleu o florete con oito anos e dende esa xa non o soltou. Algo similar tamén pasoulle co pódio, unha vez que subiu xa non quixo baixar máis. Modesta como ela soa, é o seu club, o Olivo de Vigo, o que ten que sacar peito e dicir as cousas como son; que María é a mellor esgrimista galega que tivemos ata o de agora e unha das españolas con máis títulos, un historial impresionante con apenas 20 anos.
Maria MariñoNome: María Mariño Blanco (Pontevedra, 1993)

Un lugar: París

Un hobby: esgrima

Unha comida: pasta

Unha virtude: ilusión

Un defecto: impaciencia

Un soño: unha olimpíada

 

En primeiro lugar María, como foi esa Copa de Europa de Clubs que vindes de disputar a pasada fin de semana en Bucarest?

A verdade é que foi unha pena porque ó final escapóusenos o bronce! Pero bueno, o resultado final está ben e estamos contentas.

E agora que toca? Campionato de España xa?

Pois si, estamos xa na recta final da tempada. En principio xa non nos quedan competicións internacionais, pero a nivel nacional queda a que é a cita máis importante, o campionato de España.

E como o afrontas? Levas tres anos consecutivos sendo Campiona de España Júnior, e este ano das o salto á categoría absoluta…

Eu atópome ben! Estamos adestrando moito e con traballo as cousas van saíndo. A nivel nacional estou moi contenta e o cambio de categoría quizais se nota un pouco menos… A nivel internacional cambia a cousa e si que é máis duro.

Como valoras eses tres títulos nacionais acadados? Que significan para ti?

Para min son moi importantes todos eles. Gañar ademais sempre e difícil e valóroo moito.

Hai algún que gardes con especial cariño? Algún que fora especialmente difícil?

O que máis quizais o primeiro. Porque ademais gañeino cando aínda era dunha categoría inferior e a final foi especialmente dura. Así que pode que se tivera que quedar con algún, quedaría con ese.

Maria Mariño competindo

 

Falemos un pouco da esgrima. Cal é a túa modalidade? En que consiste e en que se diferenza das demais modalidades?

A miña modalidade é o florete, é unha arma de convención, só se pode tocar de punta e a zona válida é unicamente o tronco. A outras dúas modalidades que hai son a espada e o sable, a espada diferénciase en que non hai convención, (o punto é para quen toca antes) e todo o corpo é zona válida. O sable tamén é de convención, pero a zona válida é de cintura para arriba e pódese tocar de punta e de fío.

Como acabaches na esgrima e cantos anos levas?

Pois a min víñame de familia. Empecei polo meu pai que xa estana neste deporte, e de feito é o meu adestrador tamén. Tiña oito anos cando probei e xa quedei!

Ademais creo que empezaches a acadar títulos dende moi nova, non?

Si, a verdade é que a nivel nacional foime moi ben e estou moi contenta porque podo dicir que fun campiona de España de todas as categorías.

Case nada… O que é certo é que non é un deporte típico, que che din os amigos?

Non, para nada típico! É un deporte minoritario así que normalmente a xente sorpréndese e pregunta moito (risas).

Maria MariñoE como o definirías? Que ten a esgrima que non teñan outros deportes?

Eu creo que a esgrima é un deporte que esixe moito tanto física como mentalmente, iso é o que o pode diferenciar de outros, é moi técnico e moi táctico. Eu animo a todos, dende adultos ata ananos a animarse! É moi divertido e a maioría da xente que o proba engánchase.

Quizais se teña a idea de que é un deporte moi difícil, 0caro ou mesmo perigoso, que hai de certo nisto?

Na miña opinión son ideas equivocadas, todos os deportes son moi difíciles se queres practicalos a un nivel competitivo, pero este deporte tamén pode ser moi divertido para pasar as tardes. No económico é un pouco do mesmo, para empezar e para divertirse, no noso club, e na maioría deles, déixanche o material para empezar e que probes. Así despois se queres xa o podes mercar ti, e se o mercas e non é material para competición, non é especialmente caro tampouco. Con respecto ó perigo nada de nada! Vamos moi ben equipados e non vas a levar nada máis que algunha que outra mazadura no peor dos casos.

Que dirías que é o máis importante nunha tiradora? Cal é a clave?

Penso que hai moitas cousas importantes, pero pode que a clave do éxito sexa o traballo.

Ti formas parte do club El Olivo de Vigo, pero agora creo que estás adestrando en Madrid, non? Como é iso?

Si, eu compito polo Olivo e sempre que podo sigo indo con eles, pero agora mesmo adestro no CAR de Madrid co equipo nacional. Decidín marchar un pouco por estudios e un pouco polos adestramentos, porque aínda o nivel do club está moi, moi ben, aquí en Madrid hai máis xente.

Maria Mariño competindoCales son os teus obxectivos nestes momentos? A curto e medio prazo, como te planteas a tempada?

Bueno, o obxectivo clave agora mesmo é o campionato de España Absoluto, tanto a nivel individual como por equipos. Hai que intentar gañalos como sexa!

Creo que na categoría júnior tiñas como meta estar entre as 32 mellores, non sei se agora se pode manter…

Home, era un obxectivo máis accesible para as probas júnior, agora mesmo este ano hai que traballar duro e intentar ir pasando os primeiros cortes nas probas absolutas.

E a longo prazo? Como te ves no futuro? Gustaríache dedicarte de xeito profesional?

Por agora estou bastante ilusionada coa esgrima e teño moitas ganas de seguir nisto así que mentres poida, quero intentar dedicarme a elo todo o posible. Un obxectivo podería ser chegar a unha Olimpíada. Sería un soño cumprido e queda tempo para traballar ata conseguilo.

Grazas María, e moita sorte!

Maria Mariño coas súas compañeiras de equipo e o seu adestrador e pai, Manuel Mariño

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 22 de Maio do 2014 | 4:40 p.m.

Outros temas de Dende a Bancada