publicidade hoxe
Marcos Roca, a un paso do seu primeiro disco - Cabecera

Marcos Roca, a un paso do seu primeiro disco

Marcos Roca

Con 24 anos, Marcos Roca xa ten no seu haber a experiencia de participar nun programa musical. Nado en Guitiriz, dedícase a hostalería, aínda que a forte aposta pola súa calidade vocal chegou da man da súa propia familia que, convencidos da súa valía, presentárono ao popular concurso Recantos de Luar, sendo escollido como representante da zona de Lugo na edición 2012-2013. Tras probar sorte e saír reforzado das críticas do xurado, na actualidade Marcos Roca loita por atopar o seu oco no mundo da canción.

Como comezaches na música?
Pois desde moi noviño participei en diversos concursos como o Festival da canción de Ordes, no Festival do Landro e mesmo en programas televisivos como “Noites de Xolda” na TV de Lugo ou “Super Master” na TVG.

Unha das actuacións da que me sinto máis orgulloso foi a interpretación do tema “O rei”

Que estilo de música é o que máis che gusta?
Todos os estilos me agradan, aínda que me identifico máis coa coñecida “pachanga” ou as baladas. Non obstante, as rancheiras semella que non se me dan mal e ata lles estou collendo gustiño.

A quén admiras profesionalmente? Tes algún ídolo/ídolos musicais?
Por suposto! Para min os meus cantantes “intocables” son Camilo Sexto e Pablo Alborán.

Cal é a túa experiencia profesional?
O certo é que musicalmente non conto con moita, aínda que gustaría ter máis e loitar polo que, ata agora, acadei.

Marcos RocaQue significou para ti entrar en Recantos?
Recantos para min… só o podo definir cunha palabra, “todo”. Foi o mellor que me puido pasar, xa que participar na edición 2012-2013 se converteu nese “empuxón” que precisaba a miña carreira.

Que foi o que máis marcou a túa experiencia en Recantos?
O que aprendes, ver aos compañeiros mellorar e comprobar como cada venres se atopaban ao “pé do canón” para que toda esa xente que nos admiraba puidese gozar das actuacións.

Que actuación das que levaches a cabo en Luar foi a túa favorita? Por que?
Para min unha das mellores foi, sen dúbida, o tema “O rei” xa que me permitiu descubrir que era do meu estilo, sentinme moi cómodo interpretándoa, porque foi coa que maior puntuación recibín por parte do xurado e porque, ademais, foi unha das máis aclamadas polo público.

Que significou a nivel persoal a túa experiencia en Recantos?
Resultou unha grata experiencia, moi boa, xa que coñecín a moita xente, puiden vivir a experiencia ao máximo e, a nivel persoal, permitiume coñecer a xente marabillosa.

As críticas do xurado resultan moi boas para enfrontarnos ao noso futuro musical

Que aprendiches do xurado?
Creo que só fai falla ver a miña primeira actuación e a última. O certo e que aprendín moito; parece mentira, pero as súas críticas e os seus consellos resultan moi bos para enfrontarnos ao noso futuro musical.

 

Marcos RocaQue opinaron os teus amigos e familia cando lles dixeches que entrabas nun concurso de cantantes?
Pois a verdade é que o tomaron moi ben porque o culpable de que entrara foi meu irmán. El foi o que me inscribiu no concurso sen que eu o soubera.

Como te sentes cando a xente te recoñece pola rúa?
Resulta difícil de explicar en palabras pero transmíteme moita enerxía cando a xente di o meu nome.

Que proxectos tes en mente ou estás realizando?
Buff, en mente teño moitos que me pasan pola cabeza pero de momento vou pouco a pouco, gravando uns temas e esperando a ver como reacciona o público.

Que consello lle darías a alguén que está lendo esta entrevista e ten un soño por cumprir?
A verdade é que resulta complicado dar consellos pero diríalles que xunten todas as súas forzas para acadar os seus soños, xa que o máis bonito desta vida é ver cumprirse os soños. Que, aínda que haxa algo que os tire para atrás, que nunca se rendan pois sempre haberá alguén que valore o seu traballo.

Por: Silvia Villanueva Villanueva
Publicado o 8 de Novembro do 2013 | 11:35 a.m.

Outros temas de O Recanto de Silvia