publicidade hoxe
Manuel Regueiro - Cabecera

Manuel Regueiro

In Memoriam

A chuvia póusase silandeira, tristeira, sobre a verde herba do campo de Figueiroa. O marcador está apagado. Unha cadeira permanece baleira xusto detrás da portería. Un fermoso “Pájaro Azul” revolotea libremente polas inmediacións da Pena Máxima. Hoxe non hai fútbol na Estrada da Vida.

Leo e releo –mil veces mil– o derradeiro whatsapp que nos enviaches dende a habitación do hospital. Toda unha auténtica lección de vida. Todo un verso de amor, “Quérovos”. Velaí a túa última palabra para todas e para todos os amigos (que se contan por centos), “Quérovos”.

Ficamos pampos, enmudecidos, consternados, sobrecollidos, desprotexidos, orfos do noso amigo levado. Miramos cara o ceo, non atopamos consolo posible.

Tan só acertamos a dicirche que Nós tamén te queremos. Levarémoste por sempre nun recuncho do noso corazón, meu amigo. E cada vez que vaiamos ao campo do teu ensoñado Sporting Estrada –onde arestora a chuvia se pousa tristeira – pensaremos sempre en Ti.

Daquela, seguiremos –como gustabas de dicir– “futboleando”. Daquela    –digo–, debuxaremos na nosa faciana un grande sorriso de satisfacción, orgullo e honra por ter gozado da túa amizade na estrada da Vida. Deica sempre, Regueiro.

Por: Xosé Luna Sanmartín
Publicado o 7 de Novembro do 2014 | 12:50 p.m.

Outros temas de Da lectura e outras "Cousiñas"