publicidade hoxe
Manoele de Felisa: “Síntome moi realizado cantando ós poetas e á nosa terra” - Cabecera

Manoele de Felisa: “Síntome moi realizado cantando ós poetas e á nosa terra”

Manoele de Felisa

Saben iso de… E ti de quen ves sendo? Pois neste caso, de Felisa. Manoele sempre foi para os seus veciños “o de Felisa”, que era a súa avoa materna. Así foi como, sen darse conta, Felisa acabou poñéndolle o nome artístico ó seu neto. Un neto que, pese a non ter antecedentes na familia, lle saíu músico, cantante, compositor, poeta… Digamos que saíu amante da cultura e a lingua galegas e con elas ven todo o demais.
Manoele de Felisa

Nome: Manuel Vázquez Fernández (Cuntis, 1976)

Un lugar: Galicia

Un hobby: cine

Unha comida: un arroz

Unha virtude: non sabería eu valorala

Un defecto: moitos proxectos na mente

Un soño: que Galicia non perda o seu idioma

 

Que xurde primeiro Manoele? A vea musical ou a paixón pola poesía?

En primeiro lugar fun músico e logo a música levoume a somerxerme na poesía.

Como comezaches no mundo da música? Eras moi novo, non? Algún antecedente na familia?

Empecei de cativo, con nove. E a verdade é que antecedente familiar non me cadrou, non tiven esa sorte.

E se non me equivoco tiveron moita influencia en ti as cantigas, non? Es un trobador moderno Manoele?

Pois si, foi coa poesía medieval coa que empecei a musicalizar poesía. Non creo que sexa moderno, falo das cousas que nos afectan na actualidade pero máis ben creo que son conservador á hora de musicalizar.

En que momento empezas a musicalizar os poemas da literatura galega? Como xurde esta idea?

Pois foi a fonte da que bebín. Escoitando a Batallán, Amancio Prada… Foi así como me inclinei cara esa faceta, e síntome moi realizado cantando ós poetas, á nosa terra. Gústame falar nas miñas cancións dos problemas que nos afectan.

Quen foi o primeiro? A que escritor lle puxeches música en primeiro lugar e por que o escolliches a el?

Cadrou que se dedicaba o Día das Letras Galegas ós trobadores, e o primeiro que gravei no meu primeiro disco no ano 99 foi a Martín Códax. Inda que xa antes andara xogando con versións dos meus preferidos.

Poderiamos dicir que é tamén unha maneira de divulgar a obra destes persoeiros? É unha forma de achegar ó público estes referentes da nosa cultura?

Pois na miña opinión, así é. Eu creo que é unha maneira de darlle outra dimensión, outra canle de difusión. O feito de empregar un medio diferente, neste caso a música, axuda a divulgalos por suposto.

Manoele de Felisa acompañado polos escritores; Xosé Neira Vilas, Xosé Luna e Rosalía Morlán ademais doutros amigosAdemais de poñerlle música e cantar os poemas dos grandes escritores galegos, tamén tes as túas propias creacións, verdade?

Si tamén teño os meus poemas e as miñas cancións, de feito o disco “Chove” está dedicado case por enteiro ás miñas composicións.

Como definirías a túa obra Manoele? Sobre todo como compositor, como son as túas cancións?

O único que busco é transmitir a esencia de Galicia a través do idioma e contando as costumes do noso país. Só busco a sinxeleza melódica e harmónica para poder contar e cantar con claridade a mensaxe e a sensación que quero transmitir.

Se hai algo no que coincides con esas figuras da literatura ás que pos música, é no amor pola cultura e pola lingua galegas. Que importancia ten todo isto na túa obra?

Pois tena toda, porque non podería concibir a miña música carente desa mensaxe.

Algunha vez escribiches poesía? Ou a túa faceta compositora sempre foi da man da música?

Si, tamén teño escrito poesía, a algunha póñolle música e outras quedan aí…

Un escritor co que te identifiques en particular?

Moitos son cos que me sinto identificado, un podería ser Neira Vilas.

Manoele de Felisa con VÍctor Freixanes, prologuista de Cantos de Lembranza, e o músico Amancio PradaE un cantautor ou músico que teñas como referente?

Amancio Prada

Que lles parece ós escritores en cuestión, ou as súas familias no caso dos que xa non están, a túa labor?

Pois ata o de agora sempre tivo boa acollida a miña intención de musicalizar e divulgar doutro xeito a obra dese escritor.

Como recibe o público estes proxectos? Que aceptación están a ter?

Pois ao público eu creo que tamén lle agrada ter unha nova visión da poesía.

Que tipo de público se sente máis identificado? Mozos, maiores, nenos?

Pois en xeral a todo o mundo lle gusta, inda que os nenos sempre son máis receptivos.

Tamén formas parte dunha orquestra, non si? Fálanos do Grupo Limón. Que tipo de música facedes?

Pois facemos música de verbena e de actualidade, tentando non perder de vista a esencia histórica da Verbena en Galicia.

Como comezaches ti no mundo das orquestras? Non é esta a primeira da que formas parte, verdade?

Pois empecei de cativo porque había unha en Cuntis e leváronme con eles, dende aquela xa non puiden deixar este mundo.

Grupo Limón

O último proxecto que tes pendente, e que estás xa a piques de presentar, é “Cantos de Lembranza”, xunto con Neira Vilas precisamente. En que consiste este proxecto?

Pois basicamente é unha homenaxe á lembranza da infancia de Neira Vilas.

Como foi a preparación deste disco? Como foi o proceso? Estivo presente Neira Vilas?

Si, Xosé estivo presente e participou en todos os pasos do proxecto, algo que para min é moi importante. É fundamental saber que el aprobou a nosa iniciativa de principio a fin.

Manoele de Felisa con Xosé Neira VilasA título persoal, que supuxo para ti este proxecto?

Pois a posibilidade de traballar cóbado a cóbado cun histórico vivo da nosa literatura como é Neira Vilas.

E por máis que queiramos evitala hai unha pregunta que, tal e como están as cousas, é obrigada, está a afectar a crise tamén a este mundo?

Pois evidentemente a este sector tamén lle afecta, como a todos, pero temos que seguir loitando e ofertando cultura pois é a única maneira de tirar para diante. Como facía “Gumersindo” que poñía sempre cara boa ao seu mal tempo…

E como non quero rematar falando de cousas tristes, imos facelo cunha curiosidade, por que Manoele de Felisa? Por que este nome?

Felisa era miña avoa materna, e con ese nome me coñecen no meu pobo, en Galicia todos somos da casa de alguén…

Moitas grazas por ter conversado connosco Manoele.

Manoele de Felisa interpretando un dos seus temas acompañado de persoeiros como Xosé Neira Vilas

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 21 de Maio do 2014 | 10:30 a.m.

Outros temas de Entre Nós