publicidade hoxe
Lúa Piñeiro: “O primeiro día que o probei souben que nacera para o Taekwondo” - Cabecera

Lúa Piñeiro: “O primeiro día que o probei souben que nacera para o Taekwondo”

Lua Piñeiro

Lua PiñeiroLúa Piñeiro é dese tipo de persoas para as que parece que as horas durasen máis do normal. Desa xente que prepara unha Olimpíada, saca unha carreira, traballa, estuda inglés e ten mozo mentres o resto nos sufocamos só de pensalo. Faino ademais cun sorriso e un agarimo dignos de gabar, pero que sabe agochar á perfección cando sae ó tapiz e amosa o carácter e a forza que a converteron esta fin de semana na campiona de España.

Lúa Piñeiro

Nome e apelidos:  Lúa Piñeiro Devesa

Un lugar:  Calquera sitio onde solo poida escoitar o vento, os paxaros ou as ondas do mar

Un hobby: Pasear cos meus cans

Unha comida: Polo ó limón con puré

Unha virtude: Son moi constante e se me propoño algo non para ata conseguilo

Un defecto: Teño carácter

Un soño:  Ir as Olimpíadas

Felicidades Lúa! Acabas de facerte co título de Campiona de España Sénior fai un par de días, noraboa! Que tal foi a proba?

Moitas grazas! A verdade é que tanto as semifinais como a final foron combates de moito nivel. O de semis foi con Madrid. Unha rapaza coa que o ano pasado fixera punto de ouro e este ano foime moito mellor. Quedamos 10-1. Fixemos un traballo moi específico para esta proba e creo que se viu reflectido no resultado. A final foi contra unha gran competidora, Sandra lorenzo, e quedamos 7-3. Estiven primeira en todo o momento e coas cousas moi claras, e o traballo ó final tivo a súa recompensa. As sensacións foron moi boas, estamos moi contentos co resultado e co traballo realizado. Teño que dalas grazas aos meus adestradores, Jesús Benito e Belén Asensio, a Luis Casais,  a Juan Luis e a Miguel Cuevas por estar aí sempre e apoiarme e como non, á Federación Galega por apostar por mi.

Fálanos da túa situación nestes momentos. En que estás metida? Onde telos ollos postos?

Pois a verdade é que quizás en demasiadas cousas (risas). Comezamos este ciclo olímpico cunha idea moi clara, que era apostar por conseguir un posto para Río 2016.  Queríamos terminar o 2013 estando dentro das 32 primeiras do Ranking Olímpico para así poder participar no prestixioso Grand Prix coas mellores do mundo. Conseguímolo e estamos traballando moi duro para estar aí arriba. Intentaremos terminar este ano mellor co anterior.

Que xa é moito dicir! Porque vexamos, campiona de Europa por equipos en Atenas, campiona de España sénior, cuarta do mundo en México, cuarta na copa do Mundo en costa de Marfil, gran posición no ranking olímpico…

É certo que non nos podemos queixar do conseguido este ano. Comezamos da mellor maneira quedando campiona de Europa de clubs e campiona de España sénior, o cal nos abriu as portas para participar en campionatos a nivel mundial. Pero enganaríate se che dixera que estou totalmente satisfeita cos resultados acadados. Se me preguntas que máis se pode pedir, eu contéstoche que o Ouro, para iso adestramos e por iso apostamos. Aínda temos a espiniña dese 4º posto no mundial e na copa do mundo, que para nós non é un bo resultado… Espiña que espero sacar pronto.

Es moi esixente, pero supoño que non queda outra. Todo isto forma parte desa carreira cara Río 2016…  

Sen dúbida! Como dicía emprendemos esa carreira co comezo do novo ciclo olímpico. Todos os nosos pasos van encamiñados nunha mesma dirección, estar nas Olimpíadas de Río 2016.

Non puido ser en Londres e creo que esa espiña tamén quedou aí cravada…

Está claro, é algo polo que levamos loitando moitísimo tempo e espero que desta sexa a vencida.

Como te atopas neste momento para seguir loitando? 

“Enganaríate se che dixera que estou totalmente satisfeita cos resultados acadados, se me preguntas que máis se pode pedir, eu contéstoche que o Ouro”

Pois a verdade é que con máis ganas ca nunca. Este ano estamos máis preto do obxectivo que o ano anterior e iso é o que fai que cada vez teñamos máis fame por seguir traballando para acadar o noso soño.

E nesa loita, como é o teu día a día Lúa? Porque tamén estás estudando, traballando,… Pero agora xa non estás interna no Centro de Tecnificación.

Estou rematando a carreira de Educación Social e estou en 4º curso de Inglés na Escola de Idiomas. E para rematar, dou clases en dous colexios e dous ximnasios polas tardes polo que non teño moito tempo libre (risas). Estiven interna ata que terminei o Bacharelato, xa fai uns anos.  Agora mesmo teño os mesmos servizos de comida, atención médica, fisioterapeutas, etc. Pero durmo na miña casa.  Aínda que moitas veces paso máis tempo alí que cos meus.

Lúa PiñeiroCantas horas adestras? Como é un día normal da túa vida?

A verdade é que é un pouco loucura! Teño que combinar os adestramentos coa Universidade, a Escola de Idiomas e o traballo. O que significa que ando todo o día correndo de un sitio a outro, dende as 7 da mañá que me levanto ata a tarde-noite que termino. Non é doado de combinar. Dependendo do momento da tempada lévase mellor ou peor.  No centro temos dúas horas de adestramento técnico pola mañá o dúas pola tarde, ó marxe do adestramento físico que cada un ten que facer. Coñecendo isto intentamos axustalos ás clases da mellor maneira posible.

Queda algo de tempo para a familia e para os amigos? Ou está complicada a cousa? (Risas)

“Podo estar meses sen ver aos meus amigos e incluso un enteiro sen ver a miña irmá”

Pois a verdade é que non moito. Podo estar meses sen ver aos meus amigos e incluso un enteiro sen ver a miña irmá. Ela estuda en Santiago e só a podo ver as fins de semana, pero moitas veces teño campionatos, viaxes ou concentracións. Os meus pais, aínda que non se acostuman de todo, xa teñen bastante asumida a miña ausencia dende pequena.

O que se adoita dicir é que sodes unha gran familia neste deporte, non sei se é máis por dicir ou se realmente o sentides así… (De feito levas todo o tempo falando en plural!) 

É certo é que así o sinto eu. Aínda que o Taekwondo é un deporte individual intentamos apoiarnos todos da mellor forma posible, tanto dentro como fora do tapiz. Somos un gran equipo, pero tamén grandes amigos.

Como dis, a pesares de ser un deporte individual, o equipo é moi importante, non si?

Lúa PiñeiroCreo que non existe ningún deporte totalmente individual, é dicir, todos necesitamos dos demais para crecer e para mellorar, tanto sexa de compañeiros de adestramento como dos propios adestradores, fisios, equipo médico, psicólogos, etc. Todos xuntos formamos un equipo. Eu non tería chegado a onde estou sen a axuda de todos eles.

E botemos a vista atrás, como empezaches nisto? Creo que un pouco foi cousa de teu pai, non? E o resto da familia que opinaba? 

Certo (risas), a verdade é que a miña nai quería que fose a clases de guitarra e o meu pai de taekwondo. O resultado? Non aprendín nin un acorde de guitarra, estaba toda a hora mirando o reloxo para que deran as sete e poder ir a adestrar…

E cando deixou de ser un hobby e pasou a ser máis seria a cousa?

Parecerache raro pero dende o primeiro día que o probei souben que nacera para o Taekwondo, de verdade, con 7 ou 8 anos prefería faltar o aniversario dun amigo que ó adestramento. Vouche contar unha anécdota… Nas clases dos pequenos hai moitos xogos, para que non se lles fagan moi pesadas. Un día o profesor, desgraciadamente para el, decidiu preguntarnos que tal o pasabamos na clase e que nos gustaría facer. Todos comezaron a gritar: xogar máis a pita, xogar máis ó pano!. E eu, nin corta nin preguiceira, solteille: “Profe eu o que quero é facer Taekwondo”. El, estrañado, respondeume: “pensaba que iso era o que facíamos”, a miña resposta? “non profe, non, estamos toda a clase xogando e eu veño para facer Tekwondo porque xogar xa xogo no patio da escola”. Eu tiña 10 anos! (Risas). El votouse a rir e díxome, “nena… tes toda a razón”. Por iso creo que nunca chegue a considerar este deporte como un hobby…

Fálanos dos teus inicios nesa “segunda casa” como ti o chamas, no Olimpic.

ELúa Piñeirou empecei a facer deporte nun ximnasio do meu pobo, Caldas de Reis.  Tiven dous adestradores, Jose e Dani, para os cales só teño palabras de agradecemento e de agarimo. Despois chegou Miguel que tiña un ximnasio en Vilagarcía, o Olimpic. Co paso dos anos o meu foi quedando sen xente para adestrar e decidín ir para o seu. Alí todos me acolleron como se fora unha máis e hoxe en día podo dicir que é a miña segunda casa.

 

De feito agora estás tamén poñendo en marcha un proxecto como adestradora, como é iso?

É algo que teño en mente para o futuro, pero aínda non podo dicir que estea en marcha. Dou clases en dous ximnasios e dous colexios pero por motivos obvios aínda non podo centrarme de cheo nesta faceta.

Que é o que tratas de transmitirlle ás novas xeracións nesas clases? Que valores lles inculcas?

O Taekwondo é un deporte cheo de valores. Un dos máis importante é a disciplina. E logo, como todo, depende dos obxectivos que ti te marques. Por exemplo, se queres chegar a onde outro xa chegou a constancia e o esforzo son elementos esenciais para elo. A marxe diso gustaríame transmitirlles unha simple mensaxe, e é que nesta vida nada é fácil, hai que saír a buscar o que queremos, aínda que as veces pareza imposible, e quizais o mellor non sexa a meta senón o camiño, por iso temos que disfrutar de cada día.

Cales dirías que son as túas aptitudes ou características máis destacadas?

Lúa PiñeiroPois como competidora digamos que as miñas características mais destacables son a rapidez, a forza e que teño facilidades para chegar a cabeza.

E os aspectos que debes mellorar?

Mmm… Creo que iso sería mellor que mo reservara para min (risas).

Moi ben, non queremos ser nos os que desvelemos os teus segredos… (Risas) E falando do deporte Lúa, en que situación se atopa o Taekwondo? Está todo o apoiado que merecería?

Claramente non. É o de sempre, neste país só hai fútbol, baloncesto e tenis. De pouco vale que o Taekwondo fora o deporte que, en porcentaxe de deportistas, máis medallas sacou nesta Olimpíada. Temos falta de apoio a nivel mediático, económico… Mentres que noutros países é o primeiro deporte, aquí prefiren televisar un amizoso de fútbol que un mundial de Taekwondo.

Lúa PiñeiroSe podemos dicir que España é unha potencia a nivel mundial, podemos dicir tamén que Galicia o é a nivel nacional? Hai nivel nestes momentos?

Pois claro, Galicia é unha das potencias máis fortes de España. Temos un bo equipo e iso reflíctese nos resultados, xa que sempre subimos o podio a nivel nacional. Cando a alguén lle toca cun galego ou galega sabe que o vai ter que pelexar e que non vai ser doado.

Se miramos cara os títulos acadados, e os recoñecementos ó longo deste tempo, con cal te quedas? Sei que é difícil a decisión, pero cal dirías que foi o que máis che emocionou o que máis che custou?

A verdade é que o título que con máis cariño recordo foi cando quedei campiona de España Júnior no meu primeiro nacional dese categoría. Recordo a todo o mundo chorando de emoción… A miña nai, a meu pai, que cando me abrazou case me deixa sen osíxeno, ao meu adestrador e ao seu pai! Todos gritando e chorando. E como non, cando o meu mozo quedou campión de España Sénior, non recordo ter chorado de felicidade tanto como ese día. Son recordos que sempre irán comigo.

E xa para rematar, como te ves no futuro Lúa? Pódese vivir deste deporte a longo prazo?

Vexo que deixaches a pregunta do millón para o final… (Risas!) Buf! O certo é que é moi difícil vivir disto. Explícome, todos sabemos que non é un deporte maioritario polo que as axudas son bastante escasas, pero tamén é certo que noutros países con ser a metade que moitos españois tes a vida solucionada… Ata o punto de poder permitirse regalarlle unha casa o seu adestrador! Aquí, no noso país se es medallista olímpico e te moves ben, si que pode ser que teñas medianamente a vida solucionada, en canto becas e un posto de traballo fixo. Pero senón é moi difícil. Podes vivir ben das becas por medalla o da ADO durante uns anos, os que as teñen, pero eses son poucos…

Moitas grazas por ternos atendido, Lúa. Un pracer falar contigo e toda a  sorte para Río!

Lúa Piñeiro

 

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 3 de Marzo do 2014 | 4:26 p.m.

Outros temas de Dende a Bancada