publicidade hoxe

Lancha de xunco

lanchadf1

O xoguete que imos preparar esta semana ten moito que ver cun dos traballos realizados, maioritariamente, polos nosos homes hai anos, a pesca e a navegación en xeral.

Por un lado ese espírito aventureiro e o contacto obrigado co mar que rodea a nosa terra galega e, por outro, o termos nacido e vivido no paraíso dos mil ríos e milleiros de regos, vai levar aos nosos nenos a emprender, por imitación, a construción de diferentes tipos de embarcacións. Así xurdían do seu maxín gamelas, dornas, botes, lanchas ou traíñas coma se dun taller de ribeira se tratase. Unha das materias primas máis empregadas para este feito eran os xuncos. Non podía ser doutro xeito nun país húmido coma o noso, onde a chuvia é arte e fai agromar as xunqueiras polas beiriñas dos regueiros e prados de regadío.

Estas lanchas ou barcos de xunco son moi propios da zona norte de Galicia e tamén se teñen atopado este tipo de barquiños nalgunhas zonas do País Basco (Araba) ou Navarra (Monreal e Sagüesa), onde se coñecen co nome de ihiren itsasontzi, aínda que pode variar segundo as zonas. Non obstante, non se rexistran en Portugal nin se teñen visto pola xeografía española.

ASÍ SE FAI

Material:
Xuncos, espiñas (de silvas, pau de espiño, acacia brava, roseira, toxo…), follas de loureiro e navalla.

Variantes:
Lancha de xunco, barco ou traíña.

Estación:
Primavera e verán.

Tempo de construción:
5 minutos, pouco máis ou menos.

lanchadfp2Para facer a lancha de xunco, hai que arrincar un xunco enteiro, agarrándoo ben forte pola base, para que non rompa. Canto máis longo sexa, máis ampla será a plataforma da lancha. A mellor época para realizar esta operación é a primavera, pois desde que espigan os xuncos, escachan con gran facilidade. Cóllese o xunco pola base ou cu e dóbrase a uns sete centímetros, para facer mastro ou pau da vela. Deseguido vólvese a dobrar á mesma distancia e vaise envolvendo ao redor do mastro ata que se remate o xunco. Ao acabar este proceso, préndese coas espiñas, mellor de pau de espiño, que son máis longas e seguras. De non habelas, cravámoslle calquera das outras que teñamos a man. Metémoslle unha na proa, outra na popa e outras dúas, unha a babor e outra a estribor. Pódese facer máis ancha a lancha se lle engadimos outro xunco ben amarrado coas espiñas. Finalmente pónselle unha folla de loureiro atravesada no mastro, que fará de vela. Colócase perpendicular ao mastro, abríndolle dous buratiños separados para meter por eles o xunco que fai de pau de vela. Este tipo de folla é máis resistente, pero de non as termos a man, vale calquera outra que nos sirva para simular unha vela.

lanchadfp5Xa está a lancha lista para botar por un rego abaixo ou deixarse levar pola corrente dun lavadoiro.

Para facer a traíña ou barco de xunco, tiñamos que apañar, do mesmo xeito, unha presada de xuncos. Collemos tres deles, ben igualadiños, e anoámolos ben apertados nun estremo. Para seguir, facémoslles outro nó noutro estremo e á distancia que nos queiramos que teña o casco da traíña. Cortamos coa navalla o sobrante dos estremos e collemos unha presa de xuncos e cortámolos en pezas dunha cuarta ou 20 cm. Apañamos outra presa e partímolos en anacos de 6 ou 8 cm. Como xa temos todo o material preparado, podemos iniciar a construción do navío. Collemos un anaco de cuarta, dobrámolo coa uña pola metade en forma de uve e introducímolo entre os tres xuncos iniciais, abrazando o do centro, que fará de quilla. Quédanos así posta a primeira cuaderna (costela) do casco do barco. A continuación, para suxeitar esta peza, collemos un xunco de 8 cm e introducímolo acabalgado entre os tres xuncos, é dicir, por debaixo dos laterais e por riba do central. Este xunco fai que se suxeite o anterior en forma de uve. Continuamos este proceso ata chegar ao outro estremo da traíña, procurando que queden ben apertados para que non se desfaga a embarcación.

lanchadfp8

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 9 de Abril do 2013 | 9:56 a.m.

Outros temas de Picaraxadas