publicidade hoxe
Javier: “Eles son moi da súa terra, gústalles Italia, as súas comidas, as súas festas, a súa xente…” - Cabecera

Javier: “Eles son moi da súa terra, gústalles Italia, as súas comidas, as súas festas, a súa xente…”

 Javier en Roma

Nervios, expectación e ilusión. Estas tres palabras resumen a chegada de Javier a Roma hai agora un ano. Naquel momento, nada máis baixar do avión e poñer os pés nesta cidade foi inevitable sentir esa vertixe que entra polo estómago cando un non sabe con que se vai atopar (entra case só de pensalo!). Malia todo, Javier saíu de Galicia cun proxecto laboral xa entre mans, e non marchar á aventura cambia moito as cousas, iso dende logo.

Javi Romero

Nome: Francisco Javier Romero Bedate

Idade: 27

Profesión: Periodista da axencia de noticias Rome Reports

Lugar de procedencia: A Coruña

Lugar de residencia: Roma

Tempo de estancia: 1 ano

“Chamáronme porque precisaban de xornalistas de lingua española, fixen unhas probas escritas dende a casa, unha entrevista persoal en Madrid e dixéronme que si, así que aquí estou”. Javier estudou comunicación audiovisual, aínda que nunca imaxinou que a súa carreira profesional remataría orientándose cara o xornalismo. A súa idea sempre foi a de traballar na ficción, “en Galicia, ó rematar a carreira, atopei traballo de cámara e despois de dous anos pensei seriamente en especializarme en  fotografía, pero entón ofrecéronme un traballo de xornalista con mellores condicións que as que tiña de cámara, así que fun práctico e aceptei. Isto foi dous anos antes de vir a Roma, apareceu isto e… aquí estou!

Ademais a oportunidade non lle puido vir en mellor momento, posto que as cousas comezaban a complicárselle bastante en Galicia… “Salveime do desemprego por un pelo, porque a televisión onde traballaba pechou poucas semanas despois”.

Coñecendo ó Papa

Para ser quen de comprender o día a día de Javier é preciso entender a súa forma de ver a vida. O camiño que el escolleu está moi vinculado á relixión cristiá, que ten para el un papel fundamental. Así é que a oportunidade de trasladarse a Roma para traballar na axencia de noticias Rome Reports, non só foi un gran reto profesional, senón tamén toda unha oportunidade a nivel persoal. Por que? Pois porque Rome Reports é a axencia que se encarga de cubrir a información xerada ó redor do Papa, a Igrexa Católica e o Vaticano. “Fun ó estranxeiro co contrato asegurado, non pasei o mal trago de viaxar a pelo, a ver que atopamos. Viaxei a Italia con moita ilusión, estaba seguro de que esta experiencia sería moi boa”.

Javier co Papa Francisco, mentras este fala coa súa nai por teléfono

A súa proximidade e especialización fan que os xornalistas desta axencia, e Javier entre eles, sexan os primeiros en coñecer a información relacionada co Papa Francisco e co Vaticano en xeral. Unha proximidade que mesmo lle permitiu coñecer ó Papa en persoa. “Un grupo de arxentinos que o coñecían pedíronnos que os acompañásemos a unha reunión que tiñan prevista con el. Aláfomos o cámara e máis eu, e cando rematou todo preguntáronnos que se queríamos saudalo. Chamei a miña nai, e díxenlle que lle ía pasar ó Papa! Cando o tiven diante pregunteille a el e saudou a miña nai por teléfono… Foi impresionante”.

“Tutto a posto”Javier traballando para a Axencia

Javier tivo un gran recibimento nesta cidade e ademais atopou moitos españois que lle facilitaron moito a adaptación.“O meu xefe en persoa veu a recollerme ó aeroporto e axudoume a dar os primeiros pasos aquí. No traballo hai moitos españois que me deron bos consellos,  e para conseguir casa non tiven problema, nese sentido “tutto a posto”, todo correcto”.

Ese trato da xente foille de gran axuda a Javier, sobre todo tendo en conta que chegou a Roma sen ter nin idea do idioma. “Pouco a pouco mi facio capire, enténdome coa xente, xa pasei do nivel bos día ou si – non. Xa podo falar cos amigos en italiano de moitas cousas aínda que a gramática é unha cuestión pendente. Ó principio busquei clases pero o eran moi caras, estaban lonxe ou non había tempo así que ó final desistín”.

Os xestos italianos

E coma sempre, o primeiro no que un se fixa cando chega a un país novo é nos tópicos, non? E mira ti por onde, algúns cúmprense!

“Eu pensaba que non sería para tanto pero é certo iso de que xesticulan moito. Esaxeran moitísimo! Tamén falan moito por teléfono mentres conducen e timan unha chea! Aínda que isto creo que só é cousa de Roma… A oficina está ó ladiño de San Pedro, así que todos os comerciantes pensan que es un turista máis e pagas o café a tres euros. Cando se decatan de que non é así xa pasas a ser un máis”.

Así é que, en opinión de Javier os italianos son moito máis expresivos ca nós, e se investigamos un pouco os motivos, quizais non sexa de estrañar… “Teñen moita leria, que diríamos nós. A cuestión é que son menos tímidos porque os rapaces teñen moitas probas orais na escola e iso nótase moito”.

En canto á forma de ser si que hai algo  no que se asemellan a nós, “tamén son moi da terra (da súa terra). Gústalles Italia, a comida, as festas, a súa xente…”

Javier e outros xornalistas da Axencia con Flory, a muller supostamente curada por Xoan Pablo II

Vivir en Roma

No que se refire ós horario de traballo, en Italia as cousas son bastante similares a España e aínda non se pode dicir que teñan uns horarios moi europeizados no se respecta a xornadas continuas. “Érgome ás 6.15 da mañá. Rezo un pouco e vou a misa. Despois, normalmente vou ó traballo en metro. Tardo unha hora máis ou menos, algo que levo fatal! Pasei de chegar en 20 minutos a todas partes a unha hora como mínimo. No traballo comecei cun horario que era de 9.30 a 18.30 (que ao final acababan sendo as 19.00 – 19.30). Hai uns meses fixemos un cambio e dividímonos en quendas, así que unha semana uns traballan de 9.00 a 18.00 e outros de 11.30 a 20.30 e a semana seguinte cambiamos. Así moito mellor, tes algo de tempo para facer máis cousas e sobre todo, non quedas no traballo máis da conta por falta de organización”.

Javier cun dos seus irmáns cando estivo de visitaJavier vive nun piso compartido, ó sur de Roma, gústalle a zona e polo de agora non tivo problemas co aluguer, aínda que é algo que está á orde do día nesta cidade. “O aluguer varia segundo o dono da casa, atopas habitacións entre 400 e 700 euros ó mes, pero a verdade é que hai moito ‘mafioso’. Tiven amigos que o pasaron mal… Hai de todo!”.

E o prezo dos alugueres é precisamente unha das cousas que coas que máis coidado hai que ter. Economicamente, segundo Javier, si que se nota a diferenza no nivel de vida, “cos mesmos cartos en Galicia vívese moito mellor, aquí as cousas son máis caras aínda que se miras ben atopas bos prezos”.

Roma é unha cidade dividida en dous, unha parte para os turistas, con prezos máis altos e outra moito máis asequible, na que tamén é posible atopar un café a un euro. Unha das cousas máis importantes é saber onde buscar aquilo que se precisa, para evitar acabar pagando prezos esaxerados.

A calor do verán

Unha das diferenzas máis grandes con respecto a Galicia é a que ten que ver co clima. “Xullo e agosto son o inferno, fai un calor húmido que te fai suar por levantar unha cella. O bo é que despois, durante o resto do ano, o tempo é boísimo, nin moito frío nin moito calor, e case non chove. Iso si, cando o fai descarga con forza!”

O peor destes meses de verán é feito de non ter praias como as nosas para sobrelevalo, “en moitos lugares como Nápoles por exemplo, vense esas praias feas de terra volcánica e nas que apenas hai area e o mar está sucio. A auga ademais é demasiado quente para o meu gusto… Nada que ver con Galicia”.

En canto á comida, para Javier non está a supoñer un problema, aínda que non nega que tanta pasta pode chegar a cansar… “a verdade é que está moi boa, é doada de facer e enche! Pero si que a comen continuamente”. A pasta e a pizza por suposto! Se tivera que escoller unha cousa para traer para Galicia sería unha pizza en concreto que fan en Nápoles, “están incribles, pero creo que vai ser difícil levalas! (Risas) Tamén hai doces e viños moi bos. Iso si, en canto á cervexa é moi lixeira, nada que ver coa Estrella…”

Tex, o cowboy"Para el tío Carlos" Capuchino típico que fan nun bar de Roma con debuxos

E que fai un pola noite cando se atopa noutra cidade e non ten portátil? (Vivir sen ordenador a día de hoxe antóllase complicado ehh). “Pois  o que fixen foi volver a ler cómics! Pode soar raro pero a verdade é que me serviron de moito, tanto para aprender italiano como para descansar. En concreto os do cowboy Tex”.

E así, coa axuda de Tex foi mellorando Javier a lingua, “cando cheguei tiña un manual para estudar, pero cando chegas canso despois de traballar é difícil sacar este tipo de libros. Un día descubrín un destes cómics na casa onde vivo e a verdade é que me axudaron”.

E se Tex foi o descubrimento positivo, o negativo foi enfrontarse á burocracia. Non é a primeira vez que facemos referencia á burocracia italiana nesta sección, parece que vai ser certo que é algo difícil de comprender deste país… “Aquí en Italia isto é un gran problema, cando fixen a tarxeta sanitaria mandáronme a unha especie de colexio reconvertido en edificio de oficinas. Era moi pobre e as salas de espera só tiñan dúas cadeiras de escola e todo estaba sinalado con papeis pegados con cinta adhesiva. A entrada estaba chea de xente apiñada en torno a unha señora que lles indicaba a gritos o piso onde tiñan que ir. Parecía un mercado. Un home que quería entrar preguntou: Está pechado? Non, respondeu outro, é complicado. Unha frase que define moi ben o problema que hai aquí ten coa burocracia”.

No eido político tamén hai importantes diferenzas, e como adoita suceder, os motivos hai que buscalos na historia, no pasado. “Non están tan divididos coma nós. En España todo é PP – PSOE / Conservadores – Liberais. Aquí todos están mesturados. É un pouco caótico e quizais nos custe entendelo nun principio. Unha vez un amigo díxome: en Italia non houbo Guerra Civil, por iso non hai unha división tan marcada. É unha teoría coma tantas outras pero poder ter algo de certo”.

Javier acompañado dos seus irmáns

Sen uvas nin badaladas

En Italia a tradición de tomar as uvas en fin de ano non existe, nin tampouco se retransmiten as badaladas pola televisión. “As canles simplemente poñen un reloxo no plató, e cando remata a conta atrás, sácase o champán e festa!”.

Así é que quizais esta non sexa o mellor momento para coñecer Roma, pero dende logo é algo que hai que facer! Preguntar por algo que ver nesta cidade case resulta cómico, quizais que non ver sería a pregunta máis apropiada. Trátase dunha cidade que é historia en si mesma e que permite infinidade de posibilidades. A recomendación de Javier é non facelo durante os meses de verán, e unha vez aquí non deixar de pasear polas rúas durante a noite, con toda a iluminación da cidade.

Polo de agora a Javier quédalle por aquí a lo menos un ano máis, xa que ven de asinar un novo contrato e ademais aínda hai moito que lle gustaría coñecer e vivir aquí. Malia todo, tratará de visitar Coruña todo o posible, alí están a súa familia e os seus amigos, eses cos que lle gusta tomar a Estrella Galicia e a tortilla de patacas de rigor nada máis poñer un pé en terras galegas.  

En canto volver a Galicia… “Penso que máis que volver a un sitio, en realidade volvemos para ver persoas. O sitio, por suposto, conta pero o primeiro que un nota cando está fora é a falta das persoas que quere”

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 31 de Xullo do 2014 | 12:17 a.m.

Outros temas de Galegos por aí adiante