publicidade hoxe
Isabel Naveira: “Eu nunca sería quen de calar como a tenente Seijas” - Cabecera

Isabel Naveira: “Eu nunca sería quen de calar como a tenente Seijas”

Isabel Naveira como a Tenente Seijas, en Matalobos

Moitos a recordarán co xesto serio e rigoroso da tenente Seijas, a encargada de perseguir sen pausa ó clan dos Matalobos por toda Sardiñeira. Pero o certo é que pouco ten que ver Isa Naveira con esa rixidez. Co sorriso por bandeira e o contacto físico como necesidade, esta coruñesa leva o a paixón pola interpretación tan gravada no corazón, que asegura ilusionarse con cada guión como o primeiro día. Agora traballa xa nun proxecto novo, pero do que prefire non adiantar nada polo de agora.

Isabel Naveira

Nome: Isabel Naveira Ferreiro (Meicende, 1975)  

Un lugar: A Illa de Ons

Un hobby: a comida

Unha comida: todas as ricas… Pero que nunca falte un bo xamón

Unha virtude: a falta de timidez

Un defecto: o xenio

Un soño: vivir sen ter consultar nunca a banca electrónica

Que diferenza entre a seriedade e rigor de Eva Seijas e o sorriso de Isa Naveira, non? Pouco tedes que ver a unha coa outra…

Moi pouco! Foi divertido estar sempre enfurruñada e, sobre todo, non tocar nin acariciar nin abrazar a ninguén… Eu que son unha lapa!

A sarxento Eva Seijas foi un personaxe que foi medrando a medida que foi avanzando a serie. Como foi ese proceso de creación da personaxe?

Seijas foi difícil de construír porque estaba moi pouco definida inicialmente, non tiñan claro cara onde ía, e eu menos… Así que busquei algunha característica que non condicionara a evolución, non sabía se era boa ou mala… Decidín facela observadora, iso non me comprometía. Pareceulles ben e Seijas fíxose un moucho que se quedaba con todo.   

E tedes algo en común Eva e máis ti? Ela era unha muller máis de cabeza que de corazón, como é Isabel Naveira? Reflexiva ou paixoal?

Isabel aprendeu a reflexionar cos anos, pero aínda lle custa. Eu nunca sería quen de calar como a tenente Seijas.

Aínda é difícil para unha muller chegar a un posto de mando? Aínda nos custa todo máis que ós homes?

Totalmente. Hai moito feito se nos comparamos ás nosas nais, claro, pero aínda así… O outro día publicouse que o 80% dos postos por oposición conseguímolos as mulleres, e o 80% dos postos por entrevista, os homes. É o que hai… de momento!

Moitas actrices que teñen pasado por esta sección reivindican máis papeis femininos de peso, que a muller deixe de ser acompañante e sexa protagonista de historias fortes e “de verdade”, que pensas disto?

Que teñen que ter peso as guionistas, e as produtoras e as directoras…

E xa falando de ti. Que che supuxo a ti este papel a nivel profesional Isabel? Que significou Matalobos na túa carreira?

Foi un regalo. Permitiume probar moitas cousas, desenvolver e madurar un personaxe como poucas veces se pode… Incluso fun nai, dentro e fora da pantalla!

No que á televisión respecta, Mareas Vivas e Matalobos foron as dúas series de máis éxito nas que estiveches. E digo máis, se me apuras foron as dúas series de máis éxito do audiovisual galego. Salvando todas as distancias, hai algún aspecto que teñan en común estes dous proxectos? Unha clave do éxito digamos…

Quizais a valentía é o que máis as asemelle. Con Mareas estábase iniciando o audiovisual galego e fíxose unha aposta moi forte pola lingua e pola esencia galega. Con Matalobos demostrouse a madurez do noso audiovisual e apostouse por un xénero policíaco puro, cousa que nunca se fixera aquí. Foron moi ousados nos dous casos, e funcionou. 

Isabel NaveiraHai dez anos de distancia entre elas, cambiou o audiovisual galego neste tempo? En que senso?

Hai máis de dez anos. Se non me equivoco, Mareas empezou a emitirse en Xaneiro do 99… Cambiou. Medrou e madurou moito. Creouse unha xeración  de profesionais de todos os departamentos impresionante…  agora estamos como a maioría dos sectores do país, empobrecidos e facendo o dobre coa metade… É unha pena.

E precisa cambiar máis? Dirías que lle fai falta renovación? Non sei se nas tramas, no tipo de proxectos, nos personaxes…

Este momento é malo, pero creo que estabamos no bo  camiño. Hai unha nova xeración creando que espero, por dios! que poidan desenvolverse  porque poden darnos moitas alegrías. Pero hai que apostar, todos temos que apostar. A cultura é un ben que non é fácil de pesar nin de medir así que, nestes tempos de economistas nos que vivimos, supoño que somos como marcianos.

Cóntanos algunha anécdota Isabel! Algunha historieta dalgún das dúas rodaxes… (Risas)

Hai moitas… No “Lapis do carpinteiro” estabamos rodando nun edificio antigo en Santiago e, no cuarto ou quinto ensaio, que saiamos cinco rapazas como tolas ó balcón, o noso compañeiro Ozo  advirte de que non é segura a barandilla… Nunca souben se era certo, pero berramos un bo anaco.

(Risas) E a título persoal, que cambiou en Isa Naveira durante este tempo? Queda algo da actriz novata que comezaba a abrirse paso no mundillo?

Case todo. Esta profesión é sempre algo novo. Aprendes, por suposto, pero nunca paras de abrirte paso. E, sobre todo, eu adoro esta profesión, e por iso aínda me sinto como o primeiro día, entusiasmada con cada guión.

Como foron aqueles primeiros pasos? En que momento decides que queres ser actriz e como comeza todo isto?

Dende que saín do instituto ata hoxe sempre me pregunto cando decidín algo.. O meu foron todo carambolas… Eu facía teatro afeccionado, empecei a facer cursos e gustábame moito. Cando saín do instituto, con latín para setembro, fun a Valencia matricularme na escola de arte dramático, pero as datas coincidían coa selectividade. Optei pola selectividade e empecei filoloxía.. E remateina! No último ano empecei a facer curtas coa escola de imaxe da Coruña ata que chegou o casting de Mareas. Non me colleron para a primeira tempada e para a segunda… Da carreira só me quedaba latín (outra vez), probei na extraordinaria de Decembro e o 9 de Xaneiro empecei a gravar Mareas Vivas. De aí ata hoxe.

Isabel NaveiraAlgún proxecto que recordes con especial agarimo? Algún que destacarías…

Teño moito cariño pola directora de coro cega da curta “Te quiero mal”. Descubrín moitas cousas como actriz nesa rodaxe.

E algún que che gustaría facer? Algún papel por interpretar ou director co que traballar?

Encantaríame traballar con Sánchez Arévalo, encántame o seu cine e dá a sensación de ser un gran director de actores. E se algún día teño cartos, págolle o que me pida a Miguel Ángel Solá  para que me dirixa nun escenario.

(Risas) E xa para rematar Isabel, proxectos de futuro? En que andas metida nestes momentos? Algo en mente?

Por sorte, si,  e menos mal, porque xa levaba un tempo parada.. pero aínda non se pode dicir.. Para a próxima entrevista.

Estaremos pendentes!

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 22 de Xullo do 2014 | 6:01 p.m.

Outros temas de Plató Aberto