publicidade hoxe
Iria Quintáns, no camiño cara un soño musical - Cabecera

Iria Quintáns, no camiño cara un soño musical

Iria Quintáns

Iria Quintáns París é de Mazaricos e, con 19 anos, representa ao recanto da Costa da Morte no programa Luar da TVG. Aínda que a súa paixón pola música está presente dende moi cativa, a súa timidez impediu ao público coñecer a súa gran voz ata que seu pai lle deu ese pequeno empuxón para armarse de valor e presentarse ao concurso. Apaixoada de todos os estilos confesa que o seu gran soño sería dedicarse profesionalmente ao mundo dos musicais.

Como comezaches na música?

Empecei con 14 anos cantando nas festas do meu pobo, As Maroñas. Foi unha sensación estraña pero o mesmo tempo incrible, e a partir de aí, comecei a acudir a homenaxes e festivais e a probar novas experiencias.

Que característica é a que mellor te define?

Que me gusta cantar todos os estilos musicais. Penso que é algo moi difícil de encontrar, xa que a maioría dos cantantes xa teñen un estilo moi marcado ou co que se poden diferenciar. Ademais, sempre trato de facer as cancións o máis persoal posible.

Que estilo de música é o que máis che gusta?

É difícil decantarme porque a verdade é que me gusta cantar todos os estilos musicais. Todos teñen as súas particularidades, dificultades… cada un deles aportan cousas novas, así que non sabería por cal decidirme. Non obstante, o pop sería o estilo musical que máis escoito habitualmente.

Iria QuintánsA quen admiras profesionalmente?

Como me gustan varios estilos tamén me gustan diversos intérpretes do mundo da música; dende voces negras como Whitney Houston, Anastacia ou Beyoncé ata outras máis peculiares como Luz Casal, Ana Gabriel ou Alejandro Sanz. Aínda que tamén teño un oco para a copla e cantantes como Pastora Soler, Rocío Jurado ou Marifé de Triana.

Cal é a túa experiencia profesional?

A verdade é que non teño moita experiencia no mundo da canción xa que non me dediquei profesionalmente a isto, pero si é certo que participei ocasionalmente en homenaxes e festivais como o de Terra do Xallas e o festival do Landro.

Que significou para ti entrar en Recantos?

Teño que dicir que o impulsor foi meu pai, díxome que este era o momento, que se agora non perdía a timidez, despois non habería forma. E a verdade é que llo vou agradecer inmensamente xa que está sendo unhas das mellores experiencias que tiven na miña vida, xa que me está axudando moito a nivel profesional e tamén a nivel persoal.

Que é o que mais está marcando a túa experiencia en Recantos?

Son moitas as cousas que me están marcando pero unha das fundamentais e das que me están a axudar son os consellos que nos dá o xurado. Son unha persoa moi autocrítica e todas aquelas pequenas cousas que me digan sempre as vou tratar de aprender para mellorar e superarme a min mesma.

Que actuación, das que levaches a cabo en Luar, foi a túa favorita?

A primeira canción que interpretei, “Alma, corazón e vida” dos Panchos. Estou bastante satisfeita de cómo me saíu, non imaxinaba que lle gustaría tanto a xente pois non fixen a versión orixinal senón que a pasei totalmente ao meu terreo.

Iria QuintánsComo te sentes no escenario sabendo que tantos artistas de renome cantaron nel?

É algo moi especial… como se estivera soñando e ao mesmo tempo fose real… é difícil de explicar xa que estar cantando no mesmo escenario no que cantan grandes artistas non pasa tódolos días e a verdade é que e algo moi bonito.

Que significa a nivel persoal a túa experiencia en Recantos?

Se o teño que dicir nunha palabra sería INCRIBLE. Estame axudando a non se tan tímida,a estar máis segura comigo mesma e sobre todo a non dubidar do que estou facendo.

Que estás aprendendo do xurado?

Moitas cousas. Son grandes profesionais e eu que non teño moita experiencia nisto recibo con ganas eses consellos que nos dan, axúdannos moito para mellorar a maneira de cantar e interpretar enriba dun escenario.

Que opinas do equipo de Luar?

Son marabillosos, uns grandes profesionais que nos axudan moitísimo e fan todo o posible para que nos sintamos coma na casa e gocemos ao máximo desta experiencia.

Como é a relación cos outros “Recanteiros” da túa edición?

Magnífica, teño que dicir que estou rodeada de xente moi boa que me transmite enerxía positiva  e un cariño inmenso, deles tamén estou aprendendo moito porque algúns xa se dedican á canción e poden aconsellarme. Estamos compartindo moitos momentos xuntos e a verdade e que é un pracer estar con eles. Non me da chegado o venres para estar de novo xuntos!

A participación en Recantos axúdame a non se tan tímida e a ter máis seguridade

Que significa para ti o teu clube de fans?

O meu clube de fans significa unha parte de min, xa que sen o seu apoio non daría feito moitas cousas das que estou facendo. Quero darlle as grazas por confiar en min e axudarme neste soño que quero conseguir.

Que opinaron os teus amigos e familia cando lles dixeches que entrabas nun concurso de cantantes?

Quedaron contentísimos porque dera o paso. Nun principio algúns non o crían xa que me estiveran animando sempre para que participara en concursos pero nunca me atrevía… e cando viron que si era certo, emocionáronse.

Que proxectos tes en mente ou estas realizando?

Encantaríame dedicarme ao mundo da canción, sobre todo en teatros ou en musicais. O meu soño sería poder dedicarme ao que me gusta, a canción, porque para min é a única profesión onde priman os sentimentos e coa que eu me sentiría completamente realizada.

Por: Silvia Villanueva Villanueva
Publicado o 26 de Decembro do 2013 | 7:34 p.m.

Outros temas de O Recanto de Silvia