publicidade hoxe
Incesantes bágoas - Cabecera

Incesantes bágoas

Os benxamíns Salgueira e Porto xunto co Furelos acollen a gran característica das faias para confundirse nun ente único, sen taras nin diverxencias incompatibles. Dende o seu nacemento preconizan a beizón da santa Columba.

Profundar no seu altivo gurgullar lembra unha tolemia de espermatozoides cun único fin e destino, a procura do seu obxectivo transmite unha estampa inqueda e saturada de esperanzadora vitalidade.

O Careón de amplo seo achega aos seus primoxénitos a innata aventura, para conceder absoluta liberdade que voga por todas as súas venas.

O Furelos vaise formando, tomando identidade, fundamentalmente chuchando do sereno e amplo ventre do Careón, este monte é todo un exemplo de proxenitor protector que lle transmite enerxía e felicidade neses primeiros andares.  

Mais estas augas primeiras recollen toda a tecedeira milagreira da santa Columba das Pías, desta santa reciben unha beizón única e constante que as fai especialmente sensibles e agarimosas coas paraxes que percorren.   

No entanto, a súa é unha consagración que se corresponde cunha das ofrendas máis espectaculares que nos depara a nai natura.

Preto da capela milagreira, está o lugar das Brañas onde estas augas agradecidas choran desconsoladas afastándose con gran pena do seu barrelo, fiando un futuro morriñento. Esculpidas nas pedras deixan as súas bágoas de tristura ou alegría, o seu choutar remata nun brinco dos máis fermosos, mesmo semella que esta fervenza chora con lágrimas divinas.

As fervenzas, como é coñecido este monumento que rende tributo á fermosura nun estado de máxima sofisticación, son auga pura, de branca tenrura deslizándose sobre rochas anfibolitas de contida negrura.  

Mais esta fervenza non deixa de corresponder á imaxe dunha reflectora lúa diabólica, por medio deste ente estes espectaculares brincos transitan e confirman a súa liberdade condicionada aos regos, regatos e ríos de Galicia.

A moi imaxinativa e caprichosa luada, na actualidade unha especie a rentes do exterminio, tenta inmortalizar a súa divindade nesa fermosura salvaxe e libre que se manifesta nun milleiro de imaxes, que amosan con intenso balbordo as cataratas, abanqueiros, fervenzas, ruxidoiras, férvedas, cadoiros, cachóns,… espallados pola xeografía galega.

No entanto, un dos grandes emblemas que transmite perfectamente esas idílicas instantáneas inmorredoiras, ten o seu lugar estelar nestas bágoas da santa Columba, tamén coñecidas como as Fervenzas de Toques.

Por: Xosé Manuel Lobato
Publicado o 30 de Abril do 2015 | 11:07 a.m.