publicidade hoxe
Hoxe vai unha de series - Cabecera

Hoxe vai unha de series

Escobar

Hoxe vai unha de series. Pero non imos falar de Xogo de Tronos. Nin de Mad Men. Tampouco dunha serie galega ou española. Imos saltar o charco, si, pero cara o sur.

Hai pouco descubríronme unha produción colombiana de temática, cando menos, interesante: vida, obra e miragres do narcotraficante Pablo Emilio Escobar Gaviria, fundador do cartel de Medellín e un dos delincuentes máis temibles das últimas décadas.

Confeso que me acheguei a “Escobar: o patrón do mal” con prexuízos. Chamémoslle desconfianza. Tan acostumada aos produtos do norte do continente, pensaba que de Colombia só podía chegar unha telenovela destas de mediodía. Tremendo erro. Dinlle a oportunidade e os 113 capítulos da serie duráronme menos dun mes. Como volo conto.

EscobarRecoñezamos que a historia de Pablo Escobar, ese home ambicioso e cruel, recordado con medo por uns e agarimo por outros no seu Medellín, xa é un punto importante de partida. Pero a serie non desmerece a historia real. O guión está moi coidado, e achega o espectador ao mundo de Escobar, xenialmente interpretado por Andrés Parra; un mundo que vai máis aló da imaxe pública do narcotraficante despiadado. Coñecemos a súa vida familiar, o amor que sente pola muller, fillos e nai. Tamén a súa faceta de veciño preocupado polos máis pobres do barrio, que se mestura coas ordes para cometer asasinatos de políticos, militares e civís. Achegámonos a un home que acadou o cumio do poder para despois ver como cae, arrastrado polos seus delirios de grandeza (“son a persoa máis importante do mundo despois do Papa”), a súa paranoia e a cantidade de inimigos que acumula entre os propios bandidos. Pero nesta serie sempre será o espectador o que xulgue: ás veces o adoras; outras, o odias. Como a vida mesma.

Capítulo tras capítulo, somos conscientes de que estamos ante a narración dunha historia real. Trasládanos ao pesadelo que viviu Colombia durante varias décadas, durante as que Escobar non foi o seu único inimigo. E é que, en parte, o éxito do Patrón debeuse a unha estrutura política, xudicial e militar corrupta, dentro e fóra de Colombia, que viron cos petos cheos como Pablo espandía o seu imperio do narcotráfico. Un claro exemplo do seu poder vémolo cando decide “entregarse” ao goberno colombiano, coa condición de cumprir condena nunha “cárcere” construída por el mesmo, dende a que seguía a dirixir os seus negocios e vixilada por homes de Medellín. Todo un castigo.

Ademais do guión, a factura da serie está tremendamente coidada. Como norma, foxe de artificios, pero de cando en vez aposta con movementos de cámara rápidos, travellings ou planos aéreos. As escenas de acción están conseguidas, sen recorrer a dramatismos excesivos. A realidade foi tan violenta e crúa que non precisa de máis artificios.

Non quixera rematar sen facer dúas mencións especiais. Por unha banda, resultoume especialmente interesante o uso que fai de vídeos e audios reais, que incorpora á montaxe da serie e ás súas recreacións, conseguindo un maior vencello entre a historia que nos conta e o que foi a realidade. Pola outra, a grandeza das interpretacións. Ademais de Andrés Parra, o reparto está cheo de actores enormes, que conforman o exército do Patrón con personaxes baseados no entorno real de Pablo, igual de crueis que el, cheos de ambigüidades pero sempre listos para satisfacer os caprichos do que manda.

Nótase que me gustou, non? Pois aí queda a recomendación para a Semana Santa.

Por: Alba García Vázquez
Publicado o 16 de Abril do 2014 | 11:18 a.m.