publicidade hoxe
Homenaxe a Xosé Neira Vilas - Cabecera

Homenaxe a Xosé Neira Vilas

Benquerido, Xosé Neira Vilas,

Nunca cho dixen publicamente e xa vai sendo hora. De Ti aprendín (de Ti aprendimos) moitas “Cousiñas” do eido, do ámbito, das Letras ben como narrador, ben como poeta, ben como xornalista, ben como editor, ben como xestor (animador) cultural… ou ben como historiador da nosa emigración da que es unha testemuña excepcional. Cronista de Nós. Cronista dun tempo de extraordinaria riqueza na cultura galega… “O que non fixo o estado español, escoiteche dicir moitas veces, fíxérono os nosos emigrantes.

Es, xa que logo, para min (para Nós), todo un Referente Único cunha Estética Auténtica (esa é a palabra máxica, a palabra clave definitoria do teu inxente labor creativo; atreveríame a dicir que da túa vida, a autenticidade). Sempre, sempre, cun fondo compromiso de fidelidade á terra, á lingua, á nosa cultura… que te acredita, ao meu entender, como un dos mellores escritores galegos de todos os tempos.

Pero sobre de todo de Ti aprendín (de Ti aprendimos) moitas “Cousiñas” do eido, do ámbito persoal, humano, ético (que fan que sexas todo un exemplo, todo un paradigma, toda unha ponte entre os teus vellos amigos intelectuais galeguistas e os novos amigos (eses pereiriños, esas rapazas e rapaces dos colexios e dos institutos de Galicia que tanto te queren).

Es, xa que logo, para min (para Nós), todo un referente de comportamento, humildade, modestia e xenerosidade.
 
Estética e Ética. Es quen de pór unha guayabera e percorrer a longuísima Avenida de Rancho Boyeros ou de dar unha promenade a carón do río, en Gres.

 Velaí o grande segredo da túa persoa. Conxugas á perfección o Neira Vilas, escritor sobranceiro das nosas Letras; e o Neira Vilas, persoa benquerida e admirada por todos, sabedora do dito do grande poeta cubano José Martí, “toda a gloria do mundo… colle nun grao de millo”.

Os teus pasos deixan en Nós unha fonda pegada. Das túas pisadas agroma xa un camiño que será o abrente.

 Por todo isto, meu querido Amigo, síntome fondamente orgulloso, honrado e ledo de estar aquí ao teu carón na Solaina, na casa do noso amigo Paco, na Fundación Paco Lareo. E de poder amosarlle ao Uni(Verso) enteiro a túa obra e a da túa dona, a escritora galega cubana, Anisia Miranda.

Unha aperta de buxo da estrada da Vida (dos pereiriños do Foxo) e Mil parabéns (don Xosé Neira Vilas) por ser como es.

Mil parabéns, tamén, para todos Vós, para todos os forxadores desta Solaina de Piloño, desta Fundación Paco Lareo… presidida por Carmen Lareo…  que sabido é que os pobos que honran ás súas glorias hónrase a si mesmos.
 
Sempre con admiración e cariño,

Por: Xosé Luna Sanmartín
Publicado o 11 de Setembro do 2013 | 4:53 p.m.

Outros temas de Da lectura e outras "Cousiñas"