publicidade hoxe
Hipertensión arterial - Cabecera

Hipertensión arterial

amil-lopezAmil López Viéitez

Dra. en Farmacia
Especialista en Nutrición www.dietacoherente.com

A hipertensión (HTA) é a elevación da tensión arterial de maneira sostida. Afecta ao 35% da poboación española, chegando ao 68% en maiores de 60 anos. É unha patoloxía invisible pois rara vez da síntomas, pero supón un grave risco para a túa saúde e favorece a aparición de anxinas de peito, arritmias, alteracións da visión, infartos de miocardio ou cerebrais ou insuficiencia renal, entre outros.

A presión arterial é a presión que o corazón necesita exercer sobre as arterias para que distribúan o sangue entre os diferentes órganos do corpo. A presión máxima (sistólica) obtense cada vez que o corazón se contrae e a mínima (diastólica), cada vez que se relaxa e soe expresar con dous números, por exemplo 120/80 mm de mercurio (Hg), que indican a presión máxima e mínima respectivamente.

A presión sanguínea considérase normal cando está por debaixo de 120/80 mm Hg e considérase HTA cando está por riba de 140/90. Os valores de 130-139/80-89 mm Hg considéranse prehipertensión. Se estás na fase de prehipertensión ou en hipertensión, debes vixiar a tu alimentación e o teu peso para evitar que os valores sigan altos poñendo en perigo a túa saúde.

O risco de padecer hipertensión aumenta en certas situación como: antecedentes familiares, sobrepeso, obesidade, estrés, consumo de moito sal e pouco potasio (vexetais), tabaquismo, sedentarismo, diabetes, problemas de ril ou cardiovasculares ou consumo frecuente de alcohol.

hipertension-2A tensión arterial depende da cantidade de líquido (sangre) que circula polos vasos sanguíneos, que pode aumentar pola cantidade de sodio (sal) en sangue, o estado dos riles ou pola acción dalgunhas hormonas. Tamén depende do diámetro das arterias, que se estreita coa idade posto que os vasos sanguíneos se volven mais ríxidos.

Para conseguir unha regulación adecuada da tensión, é importante que reduzas ao máximo o sale que abandones hábitos tóxicos como o tabaco, o exceso de alcohol e o estrés crónico.

A Universidade Complutense de Madrid estima que o 80% dos españois consume máis sal do recomendado. O consumo medio é de 9,8g/día (4000 mg sodio/día) fronte á recomendación da OMS de 5g/día (2300mg sodio/día). Unha dieta baixa en sal pode reducir a hipertensión entre 2-8 mmHg.

Debes revisar as etiquetas para detectar a presenza de sodio. Evita ou modera aqueles produtos nos que se adiccione sodio (Na), cloruro sódico (NaCl) e evita os aditivos con alto contido en sodio:

- Fosfato disódico: cereais, queixos, mantecados, bebidas embotelladas.

- Glutamato monosódico: cubiños de carne, condimentos, cogombros novos, sopas doces, repostería.

- Alxinato sódico: mantecados, batidos de chocolate.

- Benzoato sódico: zumes de froitas.

- Hidróxido sódico: chícharos en lata.

- Propionato de sodio: pans.

- Sulfito de sodio: froitas secas, preparados de verduras para sopa e ensaladas envasadas.

- Pectinato de sodio: xiropes e recubrimento para pasteis, mantecados, sorbetes, aderezos para ensalada, compotas exaleas.

- Caseinato de sodio: mantecados e outros produtos conxelados.

- Bicarbonato de sodio: fermento, sopa de tomate, fariña, sorbetes e confituras. E tamén en medicamentos para o ardor de estómago.

hipertensionTen coidado cos pratos precociñados que normalmente conteñen cantidades importantes de sodio. Se os utilizas, compra alimentos crus conxelados, que os podes encontrar sen sal.

Está demostrado que cando existe sobrepeso ou obesidade, por cada Kg de peso perdido se rebaixa a tensión 1 mm de mercurio. Así que é importante manterte no teu peso ideal.

O exercicio físico tamén pode axudarte, pois pode reducir 10 mm Hg a túa tensión arterial, se segues un estilo de vida activo.

No noso siguiente post dareiche as claves para que a túa dieta sexa cardioprotectora e te axude a controlar a tensión arterial.

NutriCoach: espazo de reflexión sobre os efectos dunha dieta sá e equilibrada na mellora da saúde e a vitalidade.

Envíanos as túas consultas e a nosa especialista en nutrición, Amil López, axudarate.

Poderás consultar nesta mesma sección as respostas á túa pregunta.

Os datos persoais que nos facilites permanecerán ocultos, empregándoos unicamente de xeito interno.

Nome e apelido*

Idade* Peso* Altura* Concello*

O teu email *

A túa consulta

 

Por: Amil López Viéitez
Publicado o 30 de Xaneiro do 2015 | 11:44 a.m.