publicidade hoxe
“Había que chegar” ao mellor disco de Luis Emilio Batallán - Cabecera

“Había que chegar” ao mellor disco de Luis Emilio Batallán

luis-emilio-batallan-2

Luis Emilio Batallán volve aos escenarios pisando forte despois de preto de corenta do seu primeiro disco “Ahí ven o maio”. Éxito total de ventas, converteuse nun auténtico referente da música galega sendo o álbum máis vendido en lingua galega da historia con máis de medio millón de copias vendidas. Agora, presenta un novo traballo máis íntimo, máis elaborado, máis persoal. Cun título esperanzador: “Había que chegar”. Publicado por Editorial Galaxia en formato libro-disco, esta obra transmite novos ritmos e melodías a un Batallán retirado da súa profesión de médico para dedicarse ao 100% á música. Este xoves 20 ás 20.00h presenta o seu novo disco no Centro Sociocultural Afundación no Cantón Grande da Coruña.

Despois de corenta anos dun éxito como Ahí ven o maio, que gravou con 25 anos, como se enfronta Batallán a un novo disco?

Tras corenta anos nos que ademais de Ahí ven o maio, gravei outros discos como Ballet da nena, Eres un fármaco ou Tu retrato (estes dous últimos en castelán), sinto o mesmo espírito e a mesma enerxía para presentar este novo disco como un gran traballo. Contamos cunha excelente produción da man do meu amigo Pablo Milanés e os arranxos do músico cubano Dagoberto González Jr., contando cun extraordinario grupo de músicos. Síntome contento e con moitas ganas de seguir actuando e sacando novos discos.

Tras Ahí ven o maio, éxito de vendas, é difícil publicar un novo disco con tanta repercusión?

O de Ahí ven o maio foi totalmente inesperado. É un disco que se volveu atemporal e as súas cancións permanecen na memoria colectiva. Nos concertos de presentación deste novo disco, o público sempre acaba pedindo “Quen puidera namorala” ou “Agardarei” entre outras. Baixo o meu punto de vista, o que sempre permanece é a boa música, sexa do estilo que sexa, e este novo disco ten moi boas cancións que de seguro, recordarán co paso dos anos todos aqueles que o escoiten.

luis-emilio-habia-que-chegarEste novo disco títulase Había que chegar… Onde hai que chegar, Luis Emilio?

Eu penso que non hai que chegar a ningún lado, se chegamos xa se sabe onde… (risas). O mellor é estar camiñando constantemente. O título do disco vén dun texto dunha tremenda poetisa que se chama María Mariño, que me inspirou para volver a traballar.

Lemos neste libro-disco Había que chegar que o consideras o teu mellor disco… Que pensas que o fai mellor?

O coidado proceso dende a composición das músicas, a escolla de letras de Rosalía de Castro, Cunqueiro ou María Mariño, as novas letras que incorporei eu (aínda que me considero máis compositor e intérprete que letrista), a produción musical é dunha calidade espléndida e tamén como chega este disco ao público. Tras concertos en Santiago, Celanova, Caldas de Reis, Moaña, Lalín e Forcarei entre outros sitios, puiden comprobalo.

Tras dous discos en castelán, volves traballar nun en galego… Que é o que fai que Batallán volvese a cantar nesta lingua?

En primeiro lugar, síntome máis cómodo compoñendo e cantando en galego. A nosa lingua ten unha musicalidade e harmonía especial que non teñen outras. Digamos que a música flúe e as composicións saen soas. Ademais, penso que temos unha lingua cunha potencialidade enorme xa que coa variedade do portugués, atopámonos cun idioma falado por centos de millóns de persoas. Penso que a lingua non inflúe nunha boa canción, xa que moitos de nós escoitamos música en inglés e nin tan sequera o falamos con soltura.

luis-emilio-batallanÉ difícil volver aos escenarios nestes tempos de crise?

Eu atópome con moitísima forza e ilusión. Estou encantado de volver a disfrutar coa música e facer que disfruten os que me escoitan. O problema está en que a cultura non é un sector considerado rentable e penso que non o fomentan e potencian como se debería, así como que o IVE do 21% está a facerlle moitísimo dano á música e moitos outros obstáculos que se están prantexando…

De todos xeitos, os galegos levamos 500 anos en crise… What crisis? A pesares da situación actual, seguimos loitando e traballando e desgraciadamente volvemos a tempos de emigración como a comezos de século.

E por último… que se vai atopar o público que vaia este xoves ao concerto da Coruña?

Sentimento, emoción e amor pola música. Letras novas, frescas, nas que falo do amor, da situación actual, composicións con ritmos jazz e blues, con toques de bossanova e música brasileira e tamén novos poemas musicalizados ao meu estilo.

Por:
Publicado o 18 de Novembro do 2014 | 6:25 p.m.

Outros temas de Plató Aberto