publicidade hoxe
Grupos consonánticos (II) - Cabecera

Grupos consonánticos (II)

MN-, -MN-, -NM-

Estas dúas consoantes van manterse sempre.

Exemplos:

-mnemónico, mnemotécnica

-amnesia, alumno, ómnibus…

-inmaterial, inminente, inmerso…

-MM-, -NN-

O grupo -MM- simplificouse en -M-.

Exemplos:

-cominar, comisario, gama, xema

Con todo, debemos seguir escribindo gamma para nos referir á denominación da letra grega, o mesmo que os seus derivados gammacismo, gammado, gammagrafía.

O grupo -NN- nas palabras patrimoniais, as que entraron no idioma moitísimo antes, reduciuse a -N-.

Exemplos:

-cana, milenio, aniversario, conectar…

Nas palabras de entrada máis recente, os cultismos, debe de se manter o mesmo que na maior parte das palabras que se forman co prefixo que remate por -N- (in-, circun-, con-…) e despois empeza a palabra por -N-.

Exemplos:

-enneágono, perenne

-connatural, innovar, circunnavegar…

-NS- + consoante

Nas palabras de entrada máis recente, os cultismos, o grupo mantense sempre.

Exemplos:

-circunstancia, inspección, instrumento…

Cando nos encontramos co prefixo TRANS- e unha palabra que comece por -S-, soamente empregaremos un -S-.

Exemplos:

-transecular, transilvano…

Este prefixo reduciuse a TRAS- en palabras populares como:

-trasfegar, trasladar, trasnoitar, traspasar, traspoñer, trastornar.

-PC-, -PN-, -PS-, -PT-

eclipseComo norma xeral estes grupos mantéñense sempre.

Exemplos:

-adopción, corrupción, excepción… hipnose, hipnotizar… eclipse, elipse… excepto, optar, receptor…

Mais, existe unha serie de palabras que perderon o primeiro elemento nos grupos -PC- e -PT- por seren xa moi antigas ou moi usadas así como tamén as da familia das derivadas da terminación latina -SCRIPTUS.

Exemplos:

-ditongo, escritor, tritongo…

-adscrición, subscrito, prescrición…

Tamén existe un pequeno grupo de palabras nas que se vocalizou a primeira consoante do grupo.

Exemplos:

-receita, receitar, adoitar (co significado de “acostumar” e non debemos confundilo con “adoptar”), bautismo, bautizar.

Consoante + PC, consoante + PT

Nesta xuntanza de tres consoantes sempre se vai perder a consoante do medio -P-.

Exemplos:

-escultura, perentorio, suntuoso, prontuario…

PN-, PS-, PT-

A pesar de que a tendencia na fala é a de eliminar o primeiro elemento das palabras que comecen por estes grupos, na escrita debemos aínda mantelos inalterados.

Exemplos:

-pneumonía, pneumotórax, pneumático… psicoloxía, psoriase, pseudónimo… pterigotos, pterodáctilos…

 -ST-

Este grupo soe aparecer en varias palabras de orixe antiga e non soe presentar ningún problema á hora da escrita. Pero un caso a termos en conta será o do prefixo POST- / POS-. Escribiremos POST- cando vaia seguido dunha palabra que comece por vogal e POS- cando a palabra seguinte comece por consoante.

Exemplos:

-postelectoral, postoperatorio…

-posdata, posguerra, pospoñer, posprodución…

Fraseoloxía:
angazo
nobelo

*”Non estar o alcacén para gaitas” (Que non se está de bo humor)

*”Andar ás agachadas” (Andar ocultándose)

*”Ser coma un angazo” (Ser moi torpe, moi lento/-a)

*”Ser raro/-a coma un coador” (Ser unha persoa moi rara, moi difícil de tratar)

*”Ser cura antes ca sancristán” (Ser unha persoa experimentada, hábil…)

*”Ser baixo/-a coma un nobelo” (Que unha persoa é moi pequena)

Refraneiro:

raposo*”Carro que non se unte non anda”

*”Mentres se capa non se asubía”

*”Na casa onde non hai fariña todo se volve riña”

*”Nin parir sen tempo nin limpar sen vento”

*”No tempo de casar, moito prometer e pouco dar”

*”Ó raposo dormente non lle canta a galiña no dente”

 logo nosa escrita

Por: Carlos Loureiro Rodríguez
Publicado o 24 de Decembro do 2014 | 11:37 a.m.