publicidade hoxe
Grupos consonánticos (I) - Cabecera

Grupos consonánticos (I)

Entendemos por “grupo consonántico” ao conxunto de dúas ou máis consoantes presentes dentro dunha palabra. Estes grupos consonánticos van depender especialmente da entrada da palabra no idioma o que vai producir que un mesmo grupo consonántico latino poida aparecer de máis dunha forma no galego dependendo de se está máis ou menos evolucionado consonte á estadía desta palabra no idioma. Por exemplo o grupo “pl” latino pode aparecer como “pr” en praia (lat. Plagiam) ou “pl” en plano (lat. Planum).

– BL-, -BL-, CL-, -CL-, FL-, -FL-, GL-,-GL-, PL-, -PL-, -TL-
clarinete
brasón
frecha

Nas palabras de entrada recente, as coñecidas como cultismos, estes grupos mantéñense sempre.

Exemplos:

blasfemia, bloque, problema, cable…

clarinete, clementina, aclaración, desclasificar…

flegma, flor, reflexionar, afliximento…

glote, glorieta, neglixencia, nitroglicerina…

planar, plebe, aplicar, complicado…

-atlántico, atleta…

Naquelas palabras de entrada anterior, as chamadas semicultas, o “L” do grupo transformouse en “R”.

Exemplos:

-branco (brancor…), brando (abrandar…), brasón, cravar (descravar…) cravo, cravuñar, cumprir (cumprimento…), dobrar (dobre, dobraxe…), escravo, fraco (fraqueza…), frauta, frecha, frota, frouxo (afrouxar…), igrexa, nobre (nobreza…), obrigar (obriga…), pracer (compracer…), praga (praguicida…), prata (pratear…), prato, praza, prazo (aprazar…), preamar, pregar (despregar…), preito, recruta, singradura

-BC-, -BD-, -BM-, -BN-, -BS-, -BT-, -BV-, -BX-

Estes grupos consonánticos mantéñense sempre.

Exemplos:

-obcecación, abdicar, subministro, abnegar, subsistencia, obtuso, obvio, subxugar…

-BS + Consoante

A tendencia na lingua falada é a substituír o primeiro elemento do grupo, pero sen embargo debe de se manter na escrita sempre.

Exemplos:

-abstención, obsceno, substantivo, substrato…

-CC- e -CT-

Estes dous grupos consonánticos manteranse sempre que vaian precedidos das vogais “A”, “E” ou “O”. (Hai palabras que perderon o primeiro elemento pero que ao escribirmos xa perdemos o concepto da súa existencia e xa non as contemplamos co “C” -catarata, contrato, tratar…-).

Exemplos:

-abstracto, contractura, acción, coacción, perfecto, selecto, sección, lección, autóctono, octógono, cocción, occidente…

Suprímese a primeira consoante do grupo cando vai precedida de “I” ou de “U”.

Exemplos:

-condutor, conflito, construción, delito, dicionario, ditado, produción…

Mais, convén manter esta primeira consoante naquelas palabras especializadas e cun uso moi restrinxido.

Exemplos:

-adicción, ductilidade, fricción, invicto, micción, pictórico…

Finalmente, con respecto a estes dous grupos temos que contemplar unha serie de vocábulos nos que se produciu a vocalización da primeira consoante en “I” ou en “U”.

Exemplos:

-doutor (doutoramento…), doutrina, reitor (reitorado, reitoral…), seita(sen embargo teremos os cultismos sectario, sectarismo), suxeitar e suxeito.

-CN-, -CD-

Estes dous grupos consérvanse sempre.

Exemplos:

acne, técnica, zootécnico, anécdota…

-[KS]- que aparece coa grafía “X”

Manterase sempre coa grafía “X”.

Exemplos:

-aproximación, sexo, texto…

Mais, hai algunhas palabras de entrada moi antiga (populares) que se deben escribir con “S”, mantendo a liña da tendencia á eliminación do primeiro elemento do grupo.

Exemplos:

-escavar (escavación…), estender (de ´espallar`, pero teremos “extensión, extenso…”), estrañar (estraño…), estranxeiro (estranxeiría…) estremo e estrema (cando significan ´lindeiro`, porque tamén existen extremo, extrema…).

Cando nunha mesma palabra aparece a grafía “X” primeiro coa realización “[KS]” e a continuación coa realización de palatal, podemos optar por manter os dous “X” ou ben por empregar soamente no primeiro caso “S”. O máis normal é o segundo caso, que ademais soe coincidir coa lingua falada.

Exemplos:

-exaxerar ou esaxerar, exixir ou esixir…

-GM-, GN-, -GN-

Estes grupos consonánticos mantéñense sempre e soamente se perdeu o primeiro elemento en palabras moi usadas e de entrada no idioma de moito antes e que xa á hora de escribir non hai conciencia da existencia do primeiro elemento.

Exemplos:

-dogma, pigmeo, segmento…

-gnomo, gnose

-magnolia, repugnar, significado…

Perdeuse o primeiro elemento do grupo en palabras como: asinar, ensino, sinalar…

Fraseoloxía:

ourizo-cacho*”Non dar o brazo a torcer” (Non ceder nunha opinión…)

*”Ser moi botado para adiante” (Ser moi valente, audaz…)

*”Ser un can vello” (Ser unha persoa moi experimentada)

*”Andar / ir de ganchete” (Andar / ir collida/-o do brazo)

*”Ser fea/-o coma un ourizo cacho” (Ser moi fea/-o)

*”Andar borracho/-a coma unha uva” (Andar bébedo/-a)

Refraneiro:

*”Auga corrente non mata a xente”

*”En maio inda bebe o boi no prado”

*”Muller que asubía e fía de pé, nunca muller boa é”

*”Neve na costa, chuvia na porta”

*”Quen non ten casa nin viña, en calquera parte se aveciña”

*”Quen torto nace, tarde ou nunca se endereita”

logo nosa escrita

Por: Carlos Loureiro Rodríguez
Publicado o 23 de Decembro do 2014 | 12:24 p.m.