publicidade hoxe
Gony Zubizarreta: “O surf é o mellor estilo de vida posible, se volvese a nacer escolleríao outra vez” - Cabecera

Gony Zubizarreta: “O surf é o mellor estilo de vida posible, se volvese a nacer escolleríao outra vez”

Gony Zubizarreta

Semella que o amor pola táboa lle corre polas veas dende pequeniño, tanto pola de skate como pola de snowboard pero sobre todo, irremediablemente, pola de surf. Tiña apenas sete anos cando subiu a unha por primeira vez, a culpa (ou o mérito) é de seu pai, que foi o que lle meteu as ganas. A partir de aí pouco tardaron en chegar os triunfos. Con 13 anos foi segundo no prestixioso Quicksilver Grommet en Francia, con 16 finalista no Pro Junior Europeo sub 20, e con 17 campión do mundo sub 18 en Australia. Por se fora pouco, conta no seu haber con outro título mundial, o de Zarautz, e un subcampionato máis, o que acadou en Ericeira hai dúas tempadas.

Gony Zubizarreta

Nome e apelidos: Gonzalo Zubizarreta Moya

Un lugar: Ericeira

Un hobby: debuxar

Unha comida: sushi

Unha virtude: son moi respectuoso

Un defecto: ás veces preocúpome máis polos demais que por min

Un soño: seguir igual de feliz cando sexa vello

Canto de tolo hai que estar para enfrontarse ó mar como o facedes os surfistas Gony? (Risas)

Cada un ten a súa loucura! Os surfistas; o mar e as ondas. Teño unha amiga que adoitaba dicir que os surfistas estamos todos tolos porque a auga salgada atrofia o cerebro (risas). Agora, despois de probalo, é ela a que surfea case todos os días!

Ti levas, coma quen di, toda a vida subido na táboa, non si? Cando comezaches e como foi?

Si, dende os 7 anos levo. Empecei un día de verán co mei irmán e o meu pai, que tamén surfeaba xa dende pequeno. Xogaba moito ó fútbol ata que probei o surf, e dende ese mesmo día xa só quixen surfear. O skate e o snowboard tamén me gustan moito pero aínda así é diferente. Sen eses dous deportes podo estar meses ou mesmo anos, sen surf a miña vida no seria igual.

Os principios teñen que ser difíciles porque non é o típico que se vai practicando no patio da escola. Como é que un rapaz de sete anos non se desanimou no intento?

Para min foron sinxelos. Eu surfeaba no verán en Patos, e facíao porque me encantaba. Iso si, ás veces pasaba frío porque non había nin traxes de neopreno da miña talla naquela época… A miña familia, sobre todo meu pai, puxéronmo moi fácil para surfear e viaxar dende pequeno de competición en competición. Sempre me apoiaron moito e todos os meus éxitos llos debo a eles. Son uns pais exemplares a verdade, considérome un afortunado.

E cando comezas a ver que isto pode ser máis que un hobby? Cando se fai profesional a túa carreira?

Gony ZubizarretaCon 11 anos empecei a competir no circuíto galego de surf e despois nos nacionais e nos europeos junior. Como se me daba ben, empecei a pensar que podía ser o meu futuro, aínda que nun primeiro momento tampouco lle din moita importancia. Eu estudaba, e surfeaba e competía por hobby, ata que con 17 anos gañei o mundial sub 18 en Australia e foi aí cando asimilei que o surf podía sera miña profesión cando acabase o bacharelato. Ademais de seguir sendo a miña paixón. Non fue fácil acabar os estudos á vez que competía e viaxaba polo mundo, pero si queres algo de verdade, todo é cuestión de vontade e un pouco de sacrificio. Eu tiña o meu soño e para cumprilo, primeiro tiña que estudar! Así o fixen e agora teño todo o tempo para dedicarme ó surf.

Ti es de Vigo, on sei se as praias de Vigo teñen as condicións para adestrar ó nivel que precisabas… Como o facías? 

En Vigo, na praia de Patos, en inverno hai moi boas ondas. No verán a verdade é que case nunca. Tiven que viaxar para buscar mellores ondas, desprazábame a praias doutros lugares de Galicia e tamén de Portugal. Así foi como conseguín mellorar o meu nivel, xa que surfear diferentes praias e todo tipo de ondas, fai que collas experiencia e faite un surfista máis completo. Non ter as mellores ondas do mundo fronte á casa pode que fora unha vantaxe nalgúns aspectos.

De todas maneiras, con ese apelido tes que ter ascendencia de fora de Galicia, non?

(Risas) Si! O meu bisavó era vasco, de cerca de Bilbao. Emigraron á Arxentina e despois meus pais volveron a España cando eu tiña case un ano e o meu irmán dous.

Gony ZubizarretaDe todos os títulos acadados, cal é o máis especial, o que gardas con máis cariño?

O de Australia foi o máis especial. Pero todos os resultados os gardo para sempre con moito cariño.

Como é a preparación dun surfista? Como é o teu día a día?

Non hai un plan fixo, cada un adestra como cre que lle virá mellor, cada surfista é diferente! Eu adestro moito físico cando estou na casa, todos os días surfeo e adestro físico, se hai boas ondas doulle máis prioridade ó surf e si as ondas están mal adoito aproveitar para adestrar máis físico. Depende tamén dos campionatos, e de canto tempa teña para adestrar antes de que cheguen. Pero tamén é certo que hay tempo libre para facer outras cousas, senón a estas alturas xa tería escamas e aletas como mínimo!

Entón o esforzo físico é forte, non? Tedes que estar preparados…

Si, moito cardio, crossfit, trx, etc. Hai moitos exercicios que son moi útiles para estar en forma na auga. O Ioga tamén é moi importante para a miña preparación física e mental.

Algunha dieta especial?

Intento comer o máis equilibrado posible, aínda que cando viaxas moito é complicado. Ó andar sempre cambiando de país é complicado… Pero bueno, xa sei máis ou menos o que me senta ben e o que non. Dieta específica non fago, gústame demasiado comer como para facer ese sacrificio. Probado algunhas no pasado e axudáronme, pero agora estou ben así.

Gony ZubizarretaO que ten que ser difícil é compaxinar isto coa vida persoal… O campionato é longo, non? Moita viaxe…

A verdade é que o circuíto mundial é duro e levo xa dez anos competindo nel… Moitos viaxes lonxe da casa e da familia, que sempre pasan factura. Pero a verdade é que non me podo queixar, encántame viaxar e competir. Hai momentos dificiles, máis dos que a xente pensa véndoo dende fora, pero supoño que coma en todo, no hai nada fácil nesta vida. Agora estou moi contento coa miña vida persoal ademais da profesional.

Esta pregunta é a de sempre, a que se vos adoita facer ós que practicades deportes “minoritarios”. Pódese vivir do surf? As cousas cambiaron moito e minoritario de feito xa non é, pero non sei se isto se reflicte nos apoios…

Podes vivir do surf profesional se es dos mellores, senón as marcas non te apoian porque non lles interesas para facer publicidade. Eu tiven moita sorte cos meus patrocinadores, sempre me trataron como merecía. Tamén é certo que eu dino todo polo surf, nada chega por casualidade e hai que traballar duro para poder vivir deste deporte. Aínda que sexas dos mellores, non chega so con ter resultados, tamén hai que ter unha boa imaxe e moitos seguidores. O tema redes sociales é moi importante hoxe en día. Hai que estar activo nelas e subir fotos, vídeos e demais, todos os días. É o que precisan as marcas! Se mo permitides, aproveito para agradecer ós meus patrocinadores dende aquí; Volcom, JAM, Surfergarage.com, Nixon, Arnette, Semente Surfboards, Feather Fins, Planet-Sports por todo su apoyo.

Supoño que os presupostos que precisas non son pequenos… Cantas táboas podes empregar nunha tempada por exemplo?

Trinta ou corenta táboas máis ou menos… E non, non son baratas. Teño que agradecer a Semente Surfboards , unha das primeiras marcas de táboas de surf de Europa, por darme tantas táboas! Surfeo con eles dende os 15 anos…

Gony ZubizarretaE se miramos cara a tempada propiamente Gony, cóntanos, en que momento te atopas agora mesmo? Primeiro, cales foron os últimos campionatos que disputaches e que tal de resultados?

Estamos aínda comezando a tempada. Os mundiais importantes empezan o mes que ven. Os que fixen en Hawai e Australia no me saíron como quería pero estou con moitas ganas de competir nos seguintes, con moita forza e confianza xa que estou adestrando máis ca nunca.

Cales son as próximas citas? Onde tes os ollos postos neste momento?

O seguinte campionato mundial é o de Río, a finais deste mes. Despois, en xuño estaremos en México e Sudáfrica e en agosto en California, Francia e Galicia! A cita galega é o Pantín Classic, ineludible! En setembro estaremos Portugal, e en novembro en Hawaii.

A nivel global, cales son os obxectivos para esta tempada?

O obxectivo é quedar clasificado entre os 32 primeiros do mundo, esa é a meta final para este ano…

Gony ZubizarretaSendo, como es, un dos mellores surfistas de Europa, como valoras o nivel que hai en Galicia e en España? Estamos aí ou moi lonxe de chegar á elite?

En Galicia e España, en xeneral, hai moi bos surfistas. Hai juniors que xa van despuntando como Ignacio Guisasola en Galicia, ou Natxo González no País Vasco por ejemplo. Pero aínda falta moito traballo para estar á altura dos mellores do mundo. Si realmente queren poden, é unha cuestión de crer nun mesmo e loitar, porque talento teñen.

E xa para ir rematando Gony, unha pregunta un pouquiño máis “profunda” o surf é un deporte ou máis ben un estilo de vida?

Pode ser que sexa as dúas cousas, pero si, creo que para a maioría da xente é máis un estilo de vida que un deporte. É o mellor estilo de vida posible, se puidese volver a nacer escolleríao outra vez.

Que significa o surf para ti? Que papel xogou e xoga na túa vida?

Para min o surf é a miña vida, todo o que fago está relacionado dalgunha maneira co surf. Esperto e todos os días penso en surfear, e como que o levo dentro de min. E igualmente, a maioría dos surfistas que surfeamos a menudo, sentímonos así. Como si ó probalo nos volvéramos outra persoa, algo que xa nunca poderá cambiar. Méteseche na cabeza para sempre e xa non hai volta atrás…Ou iso espero, porque o surf é unha das cousas da vida que me fai feliz.

Grazas por conversar connosco Gony!

Gony Zubizarreta

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 5 de Maio do 2014 | 1:16 p.m.

Outros temas de Dende a Bancada