publicidade hoxe
Gaza, na franxa do noso corazón - Cabecera

Gaza, na franxa do noso corazón

Hoxe ía falar doutra “cousiña” pero lamentablemente non é posible. Vemos a fotografía dun adolescente que chora abrazado ao cadáver do seu irmán e choramos con el. Escoitamos o berro dunha nai ao coñecer a morte dos seus fillos e berramos con ela.

O asasinato de catro nenos que xogaban ao fútbol nunha praia de Gaza é o triunfo da barbarie, da senrazón humana. O teatro do absurdo, puro e duro. É a imaxe da dor, da desolación, da deseperación, da incompetencia da comunidade internacional, da inexistencia dos dereitos humanos. É a imaxe da morte.

Os xornalistas internacionais que estaban preto, nun hotel con vistas á praia, foron testemuñas de excepción do xenocidio e da masacre. Segundo comprobou Efe, os corpos dos nenos palestinos quedaron destrozados, sobre a praia de area branca, logo de que un dos barcos da Marina Israelí abrira fogo sobre eles.

Lémbrome de Os zapatos da nena, unha pequena peza dramática que se representou por primeira vez na Praza do Concello do meu pobo, no marco da campaña “A Estrada por Palestina”. Ao rematarmos a representación, en sinal de protesta, os asistentes tiraban un simple zapato contra o todopoderoso tanque dun acoirazado. O resultado semellaba absolutamente inútil; ou non, arestora, o universo humano está conmocionado, e Gaza fica na franxa do noso corazón.

Por: Xosé Luna Sanmartín
Publicado o 18 de Xullo do 2014 | 5:57 p.m.

Outros temas de Da lectura e outras "Cousiñas"