publicidade hoxe

Francisco, un namorado de Galicia

Francisco

Poucos saben como se apelida, pero para a gran maioría é a primeira cara que se nos debuxa na mente cando escoitamos o nome de Francisco. Trinta e cinco anos leva este valenciano co micrófono na man e deles, non pasou un só no que non actuara en Galicia. Sempre ten unha palabra agarimosa para a nosa terra, e mesmo conta que, de non ser polo que chove, ben podería quedar nela. Como sinatura pendente, gravar un disco coas grandes cancións da que xa chama a súa segunda casa, sempre e cando haxa unhas centoliñas para degustar mentres.

 

Francisco

Francisco

Nome: Francisco González Sarriá

Idade: 35 anos
(de profesión)

Domicilio: natural e residente de Alcoi, Valencia. “O pobo da moral, non coñeces a moral do Alcoiano? Pois iso…”

Cando comezaches a interesarte pola música?

Pois eu creo que dende que teño uso de razón, dende pequeniño. Que eu recorde cuns sete ou oito anos. Collía un pau e escondíame, porque eu sempre fun moi tímido, e facía como que cantaba. Un soño.

Acórdaste da primeira vez que cantaches en público?

Si, claro. Foi nun pobo de Valencia, en Bugarra, nun festival de cantantes noveis. E recordo a primeira canción que cantei, foi precisamente a primeira canción que gravou Nino Bravo, composta por Manuel Alejandro “Como Todos”, unha canción preciosa. Foi unha casualidade, non o sabía, cantei aquela canción no festival e despois decateime de que fora a primeira que gravara Nino Bravo.

Como tomou a túa familia a túa vocación de cantar?

Ó principio a miña familia tomouno un pouco a cachondeo porque eu non dixera nada, levábao moi en segredo. Coñezo ós meus irmáns e son un pouco “mariconcetes” nese aspecto e íanse cachondear como se cachondearon nun principio (risas). Logo cando viron que a cousa ía en serio e me escoitaron cantar pois… Dixeron… Oe pois parece que non lle van a tirar tantos tomates como pensabamos (máis risas). E a verdade é que tiven moito apoio deles.

Eu o primeiro recordo que teño de ti é con“Latino”, aquela canción coa que representaches a España no Festival da OTI, no 81, pero o que a xente ó mellor non sabe é que volviches a participar no 92 con “A dónde voy sin ti” e volviches gañar… Pódese dicir que se che dan ben os festivais?

Si, a verdade é que tiven moita sorte. Participei en varios, participei en seis ou sete festivais e gañei catro ou cinco, unha boa media. E os outros foron segundo postos… Tamén quedei ben. Estou contento diso.

Sen embargo, fai dous anos que participaches en “Tu cara me suena” e quedaches de último, para compensar ou porque se che da mal o de imitar? (Risas)

Iso pásalle ós que temos unha personalidade tan marcada. Si analizas as edicións de “Tu cara me suena” sempre gañaron concursantes que non son coñecidos, porque non se lles coñece unha voz persoal. Se ti estás habituado a escoitar a miña voz, por moito que eu encarne a un personaxe como Pavarotti ou Machín ou quen sexa, sempre vas a escoitar a Francisco, o teu oído está afeito a escoitar a voz de Fancisco. Non ocorre o mesmo cunha moza que non sexa coñecida por ninguén… Eu por unha parte alegreime de quedar último xa cho digo…

FranciscoPasáchelo ben?

Paseino fenomenal, paseino pipa. O equipo que formamos foi con Santiago, con Julio, con Toni, con tódolos compañeiros… O programa, eu pensei que ía ser un desastre, pero ó final metémonos tanto no papel, esquecemos as cámaras e iso foi o que fixo chegar á xente na súa casa o ben que o pasabamos. Porque non me vas a crer pero eu no me disfracei na miña vida, nin no entroido. E aquí… De muller e todo… E non tomei nada ehh… Que quede claro! (Risas) Pero volvería a facelo, non me arrepinto. Eu creo que é un programa do que estamos necesitados, sobre todo no momento no que vivimos, de programas que nos entreteñan; programas brancos, divertidos. Ti non te acordas porque eras moi novo pero había un periódico, recordo cando era pequeno, que se chamaba “El Caso” e era todo de sucesos… Buf…

Este noso no eh, este é Noticieiro Galego e é moito máis divertido (Risas). Levas máis de vinte discos no mercado e nalgunha ocasión cantaches algún tema en galego tamén…

“Gustaríame facer un disco coas grandes cancións galegas”

Si, si, home! Varios. O compositor José María Purón editoume “Torres de Compostela”, que é un temazo dedicado a Galicia, a Santiago. Despois cantei “Unha noite na eira do trigo”, varias cousas, non recordo todo agora pero máis cousas. Eu teño un proxecto aí que me gustaría facer que é un disco coas grandes cancións galegas. É unha terra que eu quero moito, sempre me recibiron moi ben, con moito cariño e sigo vindo a traballar moitísimo. Eu sempre digo que é a miña segunda casa, ademais a Comunidade Valenciana e Galicia temos moitas cousas en común no terreo musical, somos as comunidades onde máis músicos hai por metro cadrado.

Que é o que máis che gusta de Galicia?

Gústame todo. Gústame todo, pero na súa medida. Son un home que me gusta moito o sol e o Mediterráneo. Eu estaría aquí moi a gusto 15 ou 20 días cos amigos, o marisco… Pero tanta chuvia, tanto gris… En verano gústame máis. Estiven en por Asturias, Cantabria,… Non só cantando senón tamén como turista porque ademais gústame moito a fotografía, e gústame moito o carácter dos galegos, a cultura, a comida… E ademais as paisaxes que tendes son marabillosas.

FranciscoMarisco ou churrasco?

Marisco, a min hoxe sábeme mal que non comemos unha centoliña, porque chegamos tarde e non puidemos… A carne tamén me gusta moito. A verdade e que son dúas cousas que…

Sénteste querido aquí en Galicia?

Moito. Dende que empezou o programa de Luar, e dende que eu nacín como Francisco, non paro de subir a Galicia a cantar. A Luar veño dúas ou tres veces ó ano.

Eu sempre digo que para min ti es deses artistas,xunto con Los del Río, Regina Dos Santos, máis sinxelos, máis accesibles,…

Agora estás sendo pelota (Risas)

Un pouco (Risas)

Tamén participaches nunha das película de Torrente, que tal con Santiago Segura?

Santiago Segura é un fenómeno, non o coñecía persoalmente, coñecino rodando a película e é un xenio. E un tío moi intelixente. Unha persoa que fai que unha película sexa número un no cine, non é fácil…

Marcou un estilo

O difícil é crear un personaxe. Ese personaxe que creou, Torrente, que é o antiheroe, entre vomitivo e gracioso, moi do pobo. De verdade che digo que ten moitísimo mérito. Eu sempre digo por que este señor non está nomeado nos Goya? Por que non a fixo Bardem? Eu creo que tamén se ten que premiar a xenialidade diso, de crear un personaxe e ser o número un na billeteira.

Cada vez hai máis xente que quere abrirse un oco na música, pero cada vez hai menos ocos, ti como ves a cousa o futuro musical deste pais?

Eu véxoo moi negro, eu acabo de abrir a miña empresa, fixémonos empresarios e collemos os nosos teatros, pero claro, con isto do ministro Wert que quedou tan ancho e tan tranquilo plantándonos do 8 ó 21 por cento o IVE…Xa era complicado e agora complicouse moito máis a cousa. Non só baixaron as entradas, non se poden cobrar ós prezos de hai uns anos senón que ademais soben os custes como son o IVE e outras cousas, como por exemplo a SGAE que tampouco axuda moito… Tes que encher un teatro para gañar algo. Pero tamén che digo, hai estar as duras e as maduras. Se estuvemos ás maduras agora hai que estar ás duras. Porque se non fraco favor lle faremos á cultura, non só a música, tamén ó cine, ó teatro…

FranciscoOnde te ves dentro de dez anos? Cantando igual?

Non o sei, ó mellor se non é cantando si involucrado no mundo da música. Pero non serei, se Deus quere, deses artistas que con 75 – 80 anos seguen no escenario… Algunha cousa especial, un programa especial ó mellor.

Os 5000 programas de Luar (Risas).

Ah pois mira… Si (Risas)

Que consello lle das ti ós mozos que están participando en concursos como este de Recantos?

Dígolles que me dean a min consellos (Risas). Non me gusta aconsellar a ninguén, o único que sempre digo, que llo digo ós meus fillos tamén, é que se tes un soño que o persigas e que loites por el, pero que prepárate ben. Que cando che chegue a oportunidade, porque a todos nos pasa o tren, non unha, ás veces ata dúas e tres veces, pero que te pille preparado. Non son de dar consellos tampouco porque eu sigo aprendendo tódolos días aínda, non paro de aprender. Pero si tes un soño, podes conseguilo como o conseguín eu, pero con esforzo e traballo.

Descargar a entrevista en español

Por: José Manuel Campos Silvares
Publicado o 31 de Xaneiro do 2014 | 12:40 p.m.